Xornalismo e libros, unha parella que se esquiva

Inicio/Blogs/BiosBardia/Xornalismo e libros, unha parella que se esquiva

Xornalismo e libros, unha parella que se esquiva

Unha parella le a prensa; ela en formato dixital, el en papel.

César Lorenzo Gil.

Acaba de saír do prelo Contra todo isto, de Manuel Rivas (Xerais), un compendio de traballos xornalísticos de opinión. Publicar un libro de xornalismo en galego é hoxe unha cousa exótica. Mais nunca conseguiu saír dun reducido círculo de libros que apenas lograron o eco suficiente para consolidar un  mercado, por pequeno que fose, que sustentase coleccións estables nos andeis das librarías.

Por que sucede isto?

Imos aplicar a técnica do descarte de hipóteses para encontrarmos unha resposta.

Interese editorial

Houbo interese das editoriais por crear libros de xornalismo en galego? A edición do noso país está eminentemente orientada á ficción. Xa falamos en Biosbardia do peso da nosa tradición e das dificultades de explorar novos públicos. Mais sería inxusto afirmar que os editores en galego non apostaron polo xénero xornalístico. Xerais, tal e como segue demostrando, intentou, primeiro coa colección ‘Crónica’ e agora co epígrafe ‘Xornalismo’ dotar de contidos que reflexionan sobre a actualidade cun prisma galego. Durante as décadas do 1980 e 1990 publicáronse obras de gran valía ao redor dos temas candentes na axenda do noso país. A propia crise do xornalismo e a estratexia de apostar por libros e non tanto por coleccións da editora viguesa mudou esta paisaxe.

Danse, de cando en vez, propostas próximas ao xornalismo, en editoriais pequenas. Pero se houbo unha marca que quixo romper as regras e apostar decididamente por un catálogo de libros sobre periodismo temos que lembrar 2.0 Editora, que fundou e dirixiu Antón Lado. Nacida no final do Bipartito, quixo responder con varios títulos aos dilemas que formulaba un dos momentos máis importantes da historia recente: a crise do 2008 e as súas consecuencias a todos os niveis. En Galicia, esa crise na que aínda seguimos instalando, tivo consecuencias políticas directas, desde a reconquista da maioría absoluta por parte do PP mais con xeitos ben diferentes aos do fraguismo á explosión do BNG primeiro e ás continuas metamorfoses do que hoxe podemos denominar aínda como Mareas (antes AGE) dentro e fóra do poder. 2.0 recrutou un grupo de xornalistas de prestixio que foron deitando a súa visión sobre o que pasou en Galicia nos violentos anos 10. Mais o esforzo non se viu correspondido por unha resposta lectora que fixese sustentable o proxecto editorial.

Xornalistas que escriben novelas

O xornalismo en Galicia xa non é un oficio. Apenas se pode vivir exercendo esta profesión. As minguadas redaccións dos xornais locais e de La Voz de Galicia seguen a sufrir EREs, a información perde peso fronte á opinión e hoxe máis ca nunca son os gabinetes de prensa os verdadeiros viveiros de emprego para os especialistas en Comunicación en Galicia. Os espazos alternativos de comunicación sobreviven grazas ao voluntarismo, especialmente dos seus traballadores, nun xogo de resistencias que resulta esgotador e moitas veces frustrante diante dun público que, en moitos casos, xa non busca coñecer que ocorre senón facer corresponder o que el pensa dun tema cunha información que o corrobore, sexa esta da caste que sexa.

Non é un problema galego unicamente. Podemos ver como tampouco en castelán o xornalismo vive un bo momento. E síntoma diso é que cada vez hai menos libros xornalísticos de calidade na libraría. Hai dez anos os principais xornalistas de España publicaban un libro cada dous anos analizando con longo alento que estaba a suceder no país. Agora apenas se publican libros dese estilo. Unicamente recompilacións de textos xa refritos dalgún célebre comentarista. Pouco máis. Non hai análise, non hai reportaxe. Non hai apenas libros de entrevistas.

Unha das razóns é que os propios profesionais están a facer outra cousa. Na literatura galega houbo unha nova xeración de xornalistas que tomou o relevo dos profesores como grupo profesional preferente na publicación de novelas. Diego Ameixeiras, Fran P. Lorenzo, Diego Giráldez, Ana Cabaleiro, Rosa Aneiros, Alberto Ramos, Camilo Franco, Marga Toxo… Non son periodistas escribindo sobre periodismo; son periodistas escribindo literatura. Figuras como Anxo Luxilde, que de seguro acumulan información para nutrir volumes poderosos de análise política, quizais estean pensando en camuflar os seus textos xornalísticos na trama dalgunha obra narrativa. Aínda habemos verlle un título tal que algo así: Os misterios (nazis) da circunscrición provincial ou Núñez Feixoo e o segredo dos Orzamentos Minguantes.

Libros de usar e tirar

Quizais a resposta á falta de títulos xornalísticos haxa que buscala na propia esencia do xornalismo do noso tempo. A desaparición do papel como soporte principal da prensa conduciu o consumo de información a continentes que premian a inmediatez e a brevidade. Se xa antes era común un determinado tipo de lector de xornais que apenas se paraba nas informacións e que lía, xeralmente, titulares, esa tendencia multiplicouse. Recentes estudos sobre o tema aseveran que as persoas que se consideran a si mesmas ben informadas chegan a procesar até mil titulares por día mais só demoran máis de dez minutos en tres ou catro temas nese mesmo día. A información consómese principalmente no móbil e a través das redes sociais (o Facebook é o grande agregador de noticias, moi por riba dos demais, incluído Twitter). Non hai paranza. Un texto articulado, complexo, con matices e o debido contraste para ser verosímil e rigoroso, precisa un investimento enerxético que non ten correspondencia no mercado que o ha recibir. Algúns experimentos si están funcionando en países con linguas poderosas demograficamente, como nos EUA, onde triunfan as revistas de análise e interpretación. Pero o seguinte chanzo, alimentar unha industria editorial con títulos cuxo nivel de profundidade sexa superior, custa demasiado. É por iso que o futuro parece estercado para que sigan proliferando, unicamente, falsos libros xornalísticos, aproximacións á actualidade parciais e precarias cuxo principal valor sexa unha capa “de rabiosa actualidade” ou asinados non por profesionais do xornalismo senón do espectáculo, do espectáculo político.

Iso significa que o xornalismo como elemento editorial está morto? Non necesariamente. A ampliación dos marcos dos xéneros da ficción e a experiencia acumulada desde hai 50 anos polo denominado xornalismo literario (de Cunqueiro a Casares) pode servir para crear novos contidos que axuden a explicar o mundo no que vivimos desde as marxes. Pero estaría ben que Anxo Luxilde poida escribir (e vender) libros de análise política sen ter que pórlles títulos do estilo de Ledicia Costas.

 


Source: BIOSBARDIA

2018-05-30T00:39:49+00:00 30 / 05 / 2018|BiosBardia|