‘Vidas breves de idiotas’, brillante artificio

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Vidas breves de idiotas’, brillante artificio

‘Vidas breves de idiotas’, brillante artificio

Ermano Cavazzoni.

Xesús González Gómez.

Rinoceronte Editora deu, non hai moito, ao prelo Vidas breves de idiotas, de Ermano Cavazzoni. Antes de pasar a dicir nada deste libro, loemos a tradución de Moisés Barcia. Barcia non pon en galego a Ermano Cavazzoni, senón que consegue, e penso que nas traducións diso se trata, que o galego soe como italiano e manteña, en moita parte o ritmo deste idioma. Trátase de reproducir o son, o ritmo e o ton do idioma do que se traduce ao idioma traducido, o galego neste caso. Non se trata de galeguizar o italiano, senón de italianizar (non léxica nin sintacticamente, claro) o galego, neste caso: isto, repito, conségueo M. Barcia.

Vidas breves de idiotas é un conxunto de 31 textos máis un «Epílogo supernumerario», dos que 28 son retratos doutros tantos personaxes que teñen algo en común: a idiocia. Ás veces esta non «domina» a un ou outro personaxe, senón que está presente en colectivos: profesores de instituto e universidade: «O poeta Dino Campana». Todos estes personaxes son criaturas obsesivas –algunhas curan mediante outra forma de idiocia– delirantes, inxenuas ás veces e, evidentemente, idiotas. Todos os personaxes, en primeira instancia, son personaxes «inventados», agás un, talvez, máis idiota de todos, o criminalista Cesare Lombroso (relato homónimo).

No fondo estes relatos son un retrato oblicuo e metafórico da condición humana. Ou talvez non sexan relatos, senón parábolas porque a parábola e a metáfora son o forma máis fiel de mostrar o real, e a idiocia –é o ensino que se tira destas parábolas– é ama e señora do mundo: é a realidade. Non obstante, penso que nesta serie de relatos/retratos hai demasiada ironía e pouco humor negro e, menos, sarcasmo (deixo de lado os tres «textos» dedicados aos suicidios, series de micro-relatos, se se quere, que rompen esa regras). Cavazzoni tamén usa do truco (técnica?) de esaxerar moitas veces a inxenuidade narrativa para non ter que caer na inverosimilitude e xoga co sentido do humor, aínda que en moitas vidas non queda moi claro a diferenza entre o cómico e o humor e o lector acaba por non saber demasiadas veces como engulipar tantas extravagancias, tantas idioteces, e quizais agradecería que esa urxente necesidade de sorprender se tranquilizase un pouco. Se contivese, nunha palabra. Contención que mellora os relatos: léanse «Suicidios laborais», «Suicidios con erro e «Falsos suicidios»; ou «Cesare Lombroso», relato no que consegue que verdade e mentira intercambien os seus papeis e nada sexa seguro: como por exemplo acontece en Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá e Os outros feirantes, de Cunqueiro, cuxa narrativa é totalmente diferente á do italiano.

Esta é a primeira obra que leo do autor, de Cavazzoni mais nótase unha certa mestría estilística, un poder de evocación que é fonte nutricia de historias que subliman o fantástico ou o extravagante no cotián, calidades que alcanzan a disfrazar unhas das máis sutís das incontábeis formas do onanismo literario: a brillantez do artificio.

♦Vidas breves de idiotas, de Ermano Cavazzoni, Rinoceronte, 2018. 146 páxinas. ♠16€


Source: BIOSBARDIA

2018-12-19T00:00:26+00:00 19 / 12 / 2018|BiosBardia|