‘Viaxe á última revolución’, unha reportaxe excesivamente alongada

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Viaxe á última revolución’, unha reportaxe excesivamente alongada

‘Viaxe á última revolución’, unha reportaxe excesivamente alongada

Xerardo AgraFoxo.

Viaxe á última revolución (Galaxia, 2016), de Xerardo AgraFoxo, tivo hai agora un ano certo eco no noso sistema literario como crónica xornalística orixinal e en primeira persoa da Cuba actual. AgraFoxo percorreu Cuba durante trinta e un días afastándose dos circuitos turísticos, empregando os medios de transporte que empregan os cubanos e conversando con eles. A sensación ao rematar o libro, porén, é máis ben a de atopármonos diante unha reportaxe sobre a illa do estilo das que aparecen nos suplementos de fin de semana de El País, alongada, por algunha razón que descoñecemos, ata case as 400 páxinas.

Ao longo do libro, nin contido nin forma fan que se nos quite a sensación de reportaxe de suplemento semanal. O dramatis personae é o que podíamos esperar antes sequera de abrir o libro: os Castro, o Che, Compay Segundo, Reynaldo Arenas, Javier Sotomayor, Ernest Hemingway, jineteras, médicos e músicos excelentemente cualificados e levando vidas de miseria, etc. Aínda que se percibe o intento de AgraFoxo por darnos a súa visión persoal e sincera de Cuba, o que atopamos é unha visión perfecta e correctamente socialdemócrata: por unha parte, o certo respecto e admiración que pode sentir unha persoa de esquerdas por un réxime que intentou levar adiante o ideal socialista; por outra, un constante poñer o dedo e un horror un pouco impostado ante a falta de liberdades do réxime (especialmente as económicas). AgraFoxo reproduce ao longo do libro varios diálogos con persoas cubanas nas que estas se laian de que calquera produto básico (zapatos, roupa, etc.) lles supón unha parte considerable do soldo. Estes diálogos poden ter interés social ou humanitario, pero literario teñen pouco: están tratados sempre da mesma forma e chegan a facerse repetitivos e irritantes nun libro que pretende resultar entretido e de lectura áxil.

Con todo, penso que non ofrecer unha visión política ou histórica novidosa non é un problema en si para unha obra que se presenta como literaria (da literatura de viaxes): non se lle debe pedir a un escritor que faga pronunciamentos se cadra máis propios de analistas políticos ou económicos. Moitos clásicos da literatura de viaxes destacan non polo que nos contan senón por como nolo contan; aquí, porén, non hai moito que destacar neste plano tampouco. Os datos históricos e de contexto aparecen presentados nun estilo prosaico e case funcionarial (isto xa vén sendo unha epidemia na nosa literatura: por favor, que alguén faga algo), sempre o mesmo e invariable tanto na narración como no diálogo, o cal pón en cuestión o suposto retrato da paisaxe humana que o libro pretende ofrecer (non é verosímil, nin tampouco interesante, que toda esta xente se exprese igual, e igual tamén ao narrador). Vexamos un exemplo.

“—Guantanabó, o nome orixinal deste lugar, significa ‘zona de tres ríos’. Temos unha curiosa diversidade de climas e paisaxes.

—Este é un territorio chairo?

—Non. A rexión é montañosa nas súas tres cuartas partes. E produce café, cacao, cana de azucre e coco. Catro elementos básicos para a economía de Cuba

A chama do orgullo abrollou na súa ollada.

—Aquí procuramos conservar a música e o folclore changüí, presente en todos os municipios da provincia de Guantánamo, agás, precisamente, en Caimanera, que sempre foi un sitio moi especial, só recoñecido na illa pola súa pesca e o sal. Por certo, aquí empregamos a guitarra formada por tres pares de cordas moi agudas, o Tres, que nós tocamos dende o século XIX.”

As mellores páxinas e pasaxes do libro son as inspiradas pola idea orixinal de percorrer Cuba nos mesmos medios de transporte que usan os seus nativos. É aquí onde empezamos a ver unha ollada propia, se cadra porque nestas pasaxes AgraFoxo observa e conta con espontaneidade: “Deixamos atrás tractores que carrexaban labregos e camionetas ateigadas de traballadores. Unha brétema mesta ocultaba unha paisaxe industrial que esmorecera despois da caída do sistema soviético. Os edificios mellor conservados na ruta eran as escolas, os cuarteis militares e os dispensarios médicos”.

Podería este ter sido o celme doutra obra máis breve, máis orixinal, máis ambiciosa: un perfil da Cuba actual contada a través dos seus medios de transporte, na liña (agora de moda no mundo anglosaxón) dos libros de divulgación histórica que falan de países e xentes centrándose na súa cultura material.

♦ Viaxe á última revolución, de Xerardo AgraFoxo. Galaxia, 2016. 372 páxinas. ♠21,50€

Eva Moreda.


Source: BIOSBARDIA

2018-01-16T08:35:19+00:00 16 / 01 / 2018|BiosBardia|