Unhas palabras auténticas sobre este mundo

Inicio/Actualidade Literaria/Unhas palabras auténticas sobre este mundo

Unhas palabras auténticas sobre este mundo

Anagrama publica por xunto todos os contos que escribiu o estadounidense Raymond Carver. Para quen non o coñeza, a este autor de culto, xa falecido e considerado un dos máis influentes da segunda metade do século XX, podemos prescindir das moitas etiquetas que se lle apoñen normalmente: realismo sucio, contención narrativa, economía literaria, escrita terapéutica… e só afirmar que el conseguiu algo que case ningún literato consegue aínda que se esforce.

Carver acha esas poucas palabras auténticas sobre este mundo e os seus problemas. É tan difícil ser sinxelo e interesante á vez. O escritor, que foi alcólico e acabou morrendo de cancro de pulmón con 50 anos, levou á máxima consideración a premisa de aforrar palabras, conseguir dicir o imprescindible e arrombar o innecesario.

Nos contos de Carver hai pulsión de vida, hai todo iso que non se pode prever, que non se pode explicar, que só se pode experimentar. Esa capacidade do estadounidense para ofrecer tanto con tan pouco segue a sorprender o lector de hoxe en día, case 30 anos despois da morte do escritor.

Autores relacionados: Anton Chekhov, Suso de Toro, Joyce Carol Oates.

2017-06-15T15:54:24+00:00 15 / 06 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario