‘Unha verdade amarga’, todas as personaxes falan igual

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Unha verdade amarga’, todas as personaxes falan igual

‘Unha verdade amarga’, todas as personaxes falan igual

Celia Díaz Núñez.

Eva Moreda.

Unha verdade amarga, de Celia Díaz Núñez (Galaxia, 2017), sen estar mal escrito, non coido que sexa un libro que se vaia ler con entusiasmo ou sequera con urxencia. Máis que un querer agradar, o que hai é un querer non molestar, querer evitar as estridencias tanto por exceso como por defecto, e se cadra tamén –como vemos en moita narrativa mainstream actual galega– querer cadrar o círculo, e non sei se de xeito consciente e inconsciente: escribir unha novela que non deixe de lado os modelos comerciais e que ao mesmo tempo sexa algo máis ca un best-seller de entretemento: que teña mensaxe, vaia, e que fale de temas candentes do noso tempo. É unha mágoa que Díaz Núñez, pola razón que fose, non decidise arriscar máis: e non digo desde o punto de vista da política ou da mensaxe, que ao cabo é sempre secundario, senón desde o punto de vista literario.

A escena inicial da novela preséntanos a Daniel Pereira, home que xa vai pasando dos corenta, consultando cun avogado para interpoñer unha demanda de paternidade contra Aurelio Salgado, un ancián de posición económica desafogada que na súa mocidade emigrou a América. O libro artéllase en capítulos narrados todos eles en terceira persoa, algúns cun narrador omnisciente e outros desde a perspectiva dalgúns dos personaxes que participan na peripecia: Daniel, Salgado (agora enfermo de Alzheimer), os seus fillos lexítimos, o neto, etc.

Quedei coa sensación de que, como en moita da narrativa mainstream á que me referín antes, o que lle falla a Díaz Núñez é a estratexia lingüística, porque un estilo, unha voz marcados, traballados, poderían orientar decisivamente o texto cara a un lado ou a outro. O estilo tampouco arrisca: ben redactado, sen máis, e léxico e sintaxe estándar (polo menos evítase bastante ben o lirismo desaforado). Podo estar errada, pero non penso que se trate dun esforzo de depuración que soa sinxelo pero está ben medido e traballado e cumpre unha función estética determinada; máis ben hai –salvo en momentos puntuais que comentarei máis adiante– unha renuncia á poética. O narrador omnisciente fala igual que falan os personaxes nos diálogos, e cando entramos en modo perspectivista exprésase e perciben igual un adolescente contemporáneo cá súa nai ca un emigrante novo dos anos 50.

Este estilo, ou falta del, aínda que imaxino que é a clave de que o texto se lea de forma fluída, ten o problema de que o ralentiza de máis para que a novela se poida ler como un thriller que nos ten todo o tempo pasando páxina tras páxina para descubrir de se a paternidade de Aurelio é real ou non, ou de se Daniel consegue o seu propósito nos tribunais. E por outra parte, fáltalle a poética necesaria como para transformar esta trama nunha novela psicolóxica na que importan máis os conflitos internos dos personaxes ca a cuestión de quen é ou non é o pai. Tras rematar a novela, non estou certa de se a autora quixo facer unha cousa ou a outra. O primeiro capítulo (e mesmo as citas paratextuais que atopamos ao comezo de todo, e a promoción que en xeral se lle fixo á novela, da que non é tampouco responsable a autora, claro) suxiren máis ben a segunda opción, mentres que algunhas pistas sementadas por aí e o final (demasiado apresurado) suxire máis ben o primeiro. Que se podería facer, por exemplo, unha novela que tomase prestadas convencións do thriller para subvertelas e así amosarnos algún ángulo máis propio dunha literatura máis seria? Poderíase, pero así non creo.

Moi a favor da perspectiva psicolóxica xogan tamén os capítulos dedicados á mocidade de Aurelio na emigración e logo ao seu retorno como empresario próspero. Recordoume aquí o tratamento do Aurelio afectado de Alzheimer ao que vin n’As últimas galerías: a primeira vez que se presenta na novela a enfermidade semella que autora nola quere presentar baixo o paraugas da “problemática social” que tanto se usa ultimamente para vender libros; felizmente, isto déixase atrás e axiña atopamos un mellor tratamento: moi atractivo é, e dun lirismo en xeral conseguido, o carácter de personaxe algo calavera, agora vido a menos pola enfermidade, que nos presenta Díaz Núñez no que considero os capítulos máis sólidos, tamén máis literarios, da novela.

♦ Unha verdade amarga, de Celia Díaz Núñez, Galaxia, 2017. 168 páxinas. ♠14€


Source: BIOSBARDIA

2018-10-25T09:21:50+00:00 25 / 10 / 2018|BiosBardia|