Unha ollada feminista á relación entre fillas e nais

Inicio/Actualidade Literaria/Unha ollada feminista á relación entre fillas e nais

Unha ollada feminista á relación entre fillas e nais

Apegos feroces, de Vivian Gornick (publicada por Sexto Piso) é unha das grandes revelacións da tempada literaria. O boca en boca converteuno nun libro moi seguido no circuíto independente, unha oportunidade de descubrir unha autora pouco coñecida na nosa terra pero cunha obra moi interesante.

A novela narra a relación entre unha muller (a propia autora) e a súa nai anciá mentres ambas camiñan polas rúas de Nova York. A conversa é porta de entrada a recordos vividos, problemas, tensións… O diálogo é vívido e rico en intimidades e formula un concepto moi interesante: que muller quere ser unha muller cando se forma a súa personalidade? A protagonista deste libro vive entre a fascinación por unha veciña viúva, sensual e estratega para superar as limitacións que lle poñen os homes, e a presenza da súa propia nai, que renuncia a todo por ocuparse da súa familia, por cumprir os parámetros da “boa esposa e nai”.

Son estes testemuños os que lle permiten a Gornick explicar como se constrúe o xénero feminino no noso tempo (a novela é do 1987, hai que telo en conta). Que vimbios van marcando a experiencia feminina nun mundo que pese a todos os avances, segue a ser máis duro para as mulleres que para os homes.

A autora, con todo, non se conforma con facer unha novela descritiva senón que utiliza o formato narrativo como mecanismo de cambio, persoal e colectivo. De aí que esta novela estea considerada como unha das obras de ficción máis importantes da nova literatura feminista. Quen lea esta novela obterá moita satisfacción no xeito no que constrúe as frustracións, arelas e desexos non consumados da muller de hoxe.

Para: homes e mulleres feministas, interesados na literatura estadounidense actual, amantes da boa literatura fóra de clixés e xéneros.

2018-01-25T11:55:24+00:00 25 / 01 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario