Unha novela seria sobre a violencia no País Vasco

Inicio/Actualidade Literaria/Unha novela seria sobre a violencia no País Vasco

Unha novela seria sobre a violencia no País Vasco

Mejor la ausencia, de Edurne Portela, que publica Galaxia Gutemberg, é unha novela moi interesante para achegarse ao conflito vasco. Portela (inequívoco apelido galego) non busca pontificar co seu relato nin dar unha visión canónica para que quede para a posteridade, tal e como intentaron anteriores e moi aplaudidos títulos que tratan a historia recente do País Vasco. A escritora, que ademais coñece moi ben o devir do seu pobo nos últimos lustros, prefire preguntar e non responder, prefire evocar mais que “recordar”, xa que o recordo parece máis notarial, máis inequívoco cando se trasplanta á ficción.

En Mejor la ausencia viaxamos ás beiras do río Nervión (que pasa por Biscaia) para coñecer unha nena, Amaia, que vive as pulsións da década do 1980 nunha Euskadi na que se viven a un tempo varios conflitos sociopolíticos: o terrorismo da ETA, a xeneralización da heroína… Mais tamén é un territorio onde se viven problemas máis universais: a necesidade dunha identidade, o medo ao futuro, o medo a medrar, a perda da inocencia.

Amaia é unha nena que medra sen pai e como lectores asistimos ao crecemento da narradora e protagonista ao mesmo tempo ca ela. Esta técnica narrativa é moi interesante porque evita toda pedagoxía e ademais favorece que o lector estea atento páxina tras páxina ao que ocorre.

Non é que sexa esta novela unha de misterio, nin moito menos, pero si mantén certa intriga íntima, cotiá, ao redor dunha familia de catro fillos onde a pequena Amaia toma a voz para intentar explicarse e explicar os seus e a partir de aí construír a historia privada de toda unha xeración de vascas.

Recomendado para: amantes da novela sen adxectivos, persoas interesadas na historia recente de Euskal Herria, cazanovelas protagonizadas por crianzas.

2018-02-09T13:48:35+00:00 09 / 02 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario