Unha novela gráfica que crea unha nova mitoloxía feminista

Inicio/Actualidade Literaria/Unha novela gráfica que crea unha nova mitoloxía feminista

Unha novela gráfica que crea unha nova mitoloxía feminista

Isabel Greenberg é unha autora de cómics británica. En España publicou dúas obras que forman parte dunha serie: Enciclopedia de la Tierra TempranaLas cien noches de Hero, ambas publicadas por Impedimenta.

O público obxectivo para estes libros rebasa as marxes do público afeccionado á banda deseñada. As súas son historias aptas tanto para público infantil (a partir da preadolescencia) como adulto. Son auténticos libros para todos os públicos.

Tras o éxito de Enciclopedia de la Tierra Temprana, a escritora e debuxante propón unha volta de folla na segunda historia, Las cien noches de Hero, un libro que lle serve para crear unha nova mitoloxía feminista nunha historia apaixonante protagonizada por dúas mulleres que viven nunha abafante atmosfera machista e que están ameazadas de morte por amárense mutuamente.

Greenberg constrúe os seus relatos (tamén na Enciclopedia…) baseándose na nosa mitoloxía tradicional de xeito que se aproveita da nosa familiaridade co universo creativo para logo darlle unha volta. Unha volta edificada sobre o sentido do humor, a naturalidade humana (fronte á solemnidade divina da mitoloxía tradicional), o protagonismo feminino na construción do mundo e unha enorme riqueza na erudición sen que a documentación e as referencias abafen a historia.

Porque a autora sabe moito. Moito. En Las cien noches recrea un universo calvinista de opresión machista. A escolla non é casual. Greenberg segue a Silvia Federici e outras historiadoras, antropólogas e filósofas na análise de como o paso do medievo á Idade Moderna supuxo un dano ás mulleres que aínda hoxe segue sen reparar. Sobre esa base, e tendo como obvio punto de partido As mil e unha noites, a autora relátanos unha perfecta trama con nada ao azar sustentada non tanto pola técnica da ilustración senón pola potencia do guión e o dominio do ritmo e da montaxe narrativa.

É certo que por veces o discurso se fai algo rudimentario e cáese nalgún tópico pero en xeral é unha novela gráfica moi recomendable para saber que se poden construír grandes mitos desde o punto de vista da muller como facedora intelixente da historia.

2018-06-28T11:01:21+00:00 28 / 06 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario