Unha historia sentimental da porcelana

Inicio/Actualidade Literaria/Unha historia sentimental da porcelana

Unha historia sentimental da porcelana

El oro blanco, de Edmund De Waal, é unha novela que se le coma un ensaio e un ensaio que se le coma unha novela. O autor británico amosa neste libro como facer literatura no século XXI dun xeito orixinal e moi interesante: Como entender a conexión entre as obsesións propias e a vontade de aprenderlles os lectores o camiño cara a outros mundos. Acaso non buscamos iso na lectura? Coñecermos novas vidas, novos horizontes, novas paisaxes? Ambos os obxectivos están perfectamente conseguidos. Tras a lectura de El oro blanco temos a sensación de que percorremos miles de millas para encontrar algo puro e moitas veces indescritible: a porcelana, un tesouro fino e delicado que nos abraia coa súa textura translúcida e o seu son inimitable.

De Waal é un recoñecido ceramista, premiado en todo o mundo e mestre en diferentes disciplinas que gañou fama como autor logo de publicar La liebre con ojos de ámbar (Acantilado), un libro na mesma liña ca este co que o británico conseguiu éxito entre crítica e público. E está visto que o artesán lle colleu gusto a escribir porque nestoutro volume aumenta aínda máis a súa ambición e consegue aínda mellores resultados.

Da súa man visitamos a China onde a día de hoxe se segue a recoller e transformar o material co que se fai a mellor porcelana. Viaxamos a Dresde para coñecer o plan alquímico-científico para producir na propia Europa elegante porcelana que competise coa asiática. E tamén viaxamos a Gales, da man dun visionario industrial que desafiou canda os seus socios e empregados a lóxica para fabricar auténticas xoias. E por entre medias, sempre amosándose tal cal é, o propio autor, que nos vai comentando como evolucionou a súa propia relación coa cerámica.

Gustarache se: Les sobre artes plásticas, es afeccionado á historia, quedaches fascinado algunha vez cos contos de países exóticos ou temas que parecen fantásticos pero que son reais.

2017-06-01T08:55:17+00:00 01 / 06 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario