Unha historia íntima do sabor

Inicio/Actualidade Literaria/Unha historia íntima do sabor

Unha historia íntima do sabor

A editorial Acantilado é unha das que máis ten feito nos últimos tempos por normalizar o ensaio divulgativo no seu catálogo. Libros amenos con intereses e temas diversos que conseguen en moitos casos atraer novos lectores cara a un xénero que ten o mellor da ciencia (o seu rigor e o seu didactismo) e o mellor da literatura (a trama, unha boa historia que engancha).

Todos estes ingredientes ten Las especias. Historia de una tentación, de Jack Turner. Este libro fai un percorrido pola historia da relación da sociedade europea coas especias, mercadorías consideradas durante moitos séculos as máis luxosas do mundo só superadas polos metais preciosos.

Logo desta lectura poderemos entender de onde vén esa fascinación, que se remonta xa ao tempo dos gregos. Como foi que as especias se asentaron como o produto máis demandado durante a época medieval, até o punto de que foi o interese por adquirilas en gran cantidade o principal motivo da expedición de Cristovo Colón cara ao oeste (e a conseguinte “descuberta” de América), da volta ao mundo de Fernando de Magalhães e o esforzo competitivo de Inglaterra e os Países Baixos por establecer novas rutas planetarias.

Con este libro tamén descubriremos como se integraron as especias na cociña europea. Hoxe parécenos imposible que a xente valorase tanto o sabor da pementa nun prato ou o uso de cravo ou noz moscada na aromatización de viños ou sobremesas. Mais historicamente o uso das especias era o que diferenciaba unha comida insípida dunha vianda; as especias eran a porta cara ao exotismo e ao sabor en épocas onde a dieta era escasa e repetitiva.

2018-06-21T08:55:47+00:00 21 / 06 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario