Unha deliciosa viaxe á Praga imperial

Inicio/Actualidade Literaria/Unha deliciosa viaxe á Praga imperial

Unha deliciosa viaxe á Praga imperial

De noche, bajo el puente de piedra é unha das obras mestras do escritor checo de expresión alemá e cultura xudía Leo Perutz (1882-1957). Un clásico que se pode ler como unha novela sobre o poder, a decadencia e a procura dos soños ou como unha colección de relatos históricos sobre a cidade de Praga no tempo no que gobernaba o emperador Rodolfo II, no século XVI.

A mestría de Perutz é moita, tanto na descrición de atmosferas e paisaxes urbanas coma na conxunción entre personaxes complexas e ben armadas con historias que teñen ese regusto ao clásico, ao que sempre permanece mais tratadas con técnicas da narrativa moderna. O libro reedítao agora Libros del Asteroide, unha editorial que pensa publicar o máis interesante da bibliografía do escritor checo.

Perutz, a pesar de non ser un autor demasiado coñecido hoxe en día, foi moi popular antes da II Guerra Mundial no seu país e tamén en Alemaña, onde o nazismo perseguiu os seus títulos, ao igual que sucedeu con toda a literatura xudía. O autor instalouse antes da guerra en Tel Aviv (na actual Israel) e alí morreu.

A súa obra está considerada como magnífica por escritores do nivel de Jorge Luis Borges, Graham Greene ou Robert Musil, que se fixeron devotos das súas historias, tan ben contadas e cheas de vida. Tan contaminadas do pouso dunha cultura oral milenaria que un non sabe se está lendo ou está escoitando un conto á beira do lume.

Ideal para: interesados na literatura do século XX, devotos dos libros de narrativa histórica con ambición literaria.

Autores relacionados: Jorge Luis Borges, Robert Louis Stevenson, Álvaro Cunqueiro.

2017-06-08T10:30:45+00:00 08 / 06 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario