Un curioso manual de urbanidade para o tempo de hoxe

Inicio/Actualidade Literaria/Un curioso manual de urbanidade para o tempo de hoxe

Un curioso manual de urbanidade para o tempo de hoxe

Ismael Grasa publica en Turner un curioso libro: pequeno en todos os sentidos pero con vontade de converterse nun deses manuais que nos acompañan no caixón da mesa de noite. La hazaña secreta encerra moito nas súas 96 páxinas.

O escritor planificou a obra como unha mestura de breviario, moderno manual de urbanidade e diario de recomendacións literarias. A estrutura é sinxela. Cada capítulo, cada día, cada entrada do xornal, repara nun asunto moi concreto da maneira de conducirnos pola vida. O autor non dubida en apelarnos, en dirixirse directamente a nós sen intermediarios e conminarnos a tomar en consideración determinadas cousas que quizais pasaron desapercibidas demasiado tempo na nosa rutina.

Este ton é das mellores cousas do libriño porque a interpelación, sen deixar de ser rigorosa e moi argumentada, ten o perfil do comentario de alguén que alén de parecernos moi sabio e digno de consideración, é tamén alguén próximo, quizais un amigo, quizais un mestre dos que te toman pola man cando che ensinan algunha cousa interesante.

Ismael Grasa proponnos en La hazaña secreta un paseo pola beleza da cotidianidade. Pola importancia das cerimonias, pola xenealoxía dos nosos actos considerados rutinarios. Por que sentar a comer aínda que non teñamos compañía no xantar, por que ir afeitados, por que rodearnos de obxectos fermosos. Para o intelectual, os cidadáns de hoxe en día debemos ser conscientes de que somos en parte un colectivo froito dunha civilización que foi deixando os seus avances impregnados na sociedade durante milenios. A cultura como herdanza común que precisa actualizarse pero que non pode negarse a si mesma en virtude dunha falsa comodidade que, ao final, di o autor, nos conduce ao desasosego, ao abismo de sentírmonos orfos de todo o acumulado por séculos.

Hai que recoñecer que malia ser o libro unha fermosa guía ao redor do bonito e do poético, ten algúns tics de cosmopolitismo fútil, cando sutilmente defende como formas máis civilizadas aquelas que corresponden con usos e costumes das tradicionais clases altas e explotadoras ou cando separa cidadanía de pobo simplemente para poder criminalizar as culturas non hexemónicas que só mediante a súa auto-reivindicación se poden liberar de seren engulidas polas culturas maioritarias.

2019-01-24T15:39:00+00:00 24 / 01 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario