‘Tres pintores’: Cid Cabido de novo en marcha

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Tres pintores’: Cid Cabido de novo en marcha

‘Tres pintores’: Cid Cabido de novo en marcha

Cid Cabido.

Manuel Veiga Taboada.

Despois de nove anos, Cid Cabido volve publicar. Tres pintores é unha novela curta –cen páxinas– e, máis en concreto, unha novela on the road. Todo sucede dentro dun automóbil, primeiro na estrada e finalmente nunha cidade. Pero sen abandonar nunca o coche.

É a historia de dous amigos, en temporada de vacacións, que deciden, sen pensalo moito, marchar a París. Inmediatamente quedan sen diñeiro e non chegan moi lonxe.

Non obstante, esta clase de historias que poderiamos chamar menores son as que mellor demostran a valía dun escritor. Cid Cabido é unha das voces máis persoais que se poden distinguir hoxe na literatura galega e, só por iso, os seus libros son agardados polos lectores.

O seu estilo, as súas frases lapidarias, cargadas de humor, provocan unha risa intelixente e matizada ao longo de toda a historia. Non ten sentido destacar aquí ningunha, porque son frases sutís e só cobran todo o sentido dentro da propia narración. Non é un humor buscado senón que agroma da propia natureza obsesiva e irónica de Cid Cabido. Ese carácter obsesivo é precisamente o que lle facilita sacar petróleo de situacións insignificantes. Por outra parte, a ironía é a que lle permite establecer a distancia co tema e cos lectores e non caer nesa complicidade constante que tanto desvaloriza moitas posíbeis boas novelas galegas.

Outro mérito importante da obra é a lingua. Como ten dito, nesta mesma revista, Eva Moreda, a calidade da lingua ten pouco ou nada que ver coa literatura, aínda que algúns xurados de premios insistan en resaltala, coma se estivésemos nos primeiros anos de vixencia da Lei de normalización lingüística e da escolarización en galego. Pero con Cid Cabido cabe facer unha excepción porque a súa –e aínda máis neste libro– é unha lingua vivida e rica, natural e ao mesmo tempo sorprendente. Esa lingua contribúe, de maneira decisiva, a facer críbeis os personaxes perante os lectores, por iso, en casos coma este, a lingua adquire importancia literaria.

Polo demais, a historia en si non é altamente transcendente nin ofrece claves que aclaren ningún aspecto da natureza humana. É unha novela veloz, accesíbel e divertida. Óptima, de paso, para que os alumnos dos institutos comproben que a literatura galega pode presentarnos obras vitalistas e pícaras. Transgresoras na medida en que o poden ser as aventuras de rapaces de pouco máis de vinte anos, con pouco diñeiro e menos cabeza ou cunha cabeza adormecida pola canseira, o tabaco e unhas cantas doses de alcohol. Nese sentido, estamos tamén ante unha obra de experiencia e iniciación, aínda que non quede claro que esa experiencia sirva para nada, salvo para facernos máis temerosos e menos atrevidos.

Cid respira ben neste libro –esquezan o título, que pouco ten que ver coa obra–, ao que probabelmente lle sobra o penúltimo capítulo. Talvez o autor tivo vertixe a quedar por baixo das cen páxinas ou non daba para a medida esixida no premio no que concursaba. Polo demais, cremos ver nel unha homenaxe ao seu amigo, xa falecido, Andrés Vila, que certamente era pintor, ademais de noctámbulo e outras cousas, e ao cal está dedicada a novela.

Tres pintores mereceu o premio Ánxel Fole de Narración Curta, 2018, e foi editada por Xerais.

♦Tres pintores, de Cid Cabido, Xerais, 2018. 104 páxinas. ♠17€


Source: BIOSBARDIA

2018-11-27T07:27:00+00:00 27 / 11 / 2018|BiosBardia|