Tras a pista do Cunqueiro xornalista e dos seus pseudónimos

Inicio/Blogs/BiosBardia/Tras a pista do Cunqueiro xornalista e dos seus pseudónimos

Tras a pista do Cunqueiro xornalista e dos seus pseudónimos

Diario de lecturas (II)

Xesús González Gómez.

Álvaro Cunqueiro ilustrado.

Novembro 12-13.– Comprara o libro este verán, en Santiago, mais por nugalla non me deu por lelo até hoxe: Álvaro Cunqueiro, No obradoiro do fabulador. Artigos en lingua galega. Faro de Vigo, 1963-1971, Vigo, Galaxia, 2017, edición a cargo de Iago Castro Buerger e Xosé-Henrique Costas. Segundo o limiar, falta un segundo volume que esperemos non se faga esperar demasiado, que cubriría, supoño, os anos 1972-1981. É dicir, co presente e o futuro volume máis o xa publicado hai tempo, O mundo que teño de meu. Artigos en lingua galega. Prensa e revistas 1930-1980, Vigo, Editorial Galaxia, 2013 –observe o lector o pleonasmo inconsciente no subtítulo–, mesmos editores, teriamos, teoricamente, todos os artigos publicados por Cunqueiro en galego en xornais e publicacións máis ou menos periódicas durante toda a súa existencia como escritor. Digo teoricamente porque, infelizmente, non é así. No primeiro volume, O mundo que teño de meu, faltan, que eu saiba, o que non quere dicir que non haxa máis, 16 artigos publicados antes do 18 de xullo do 1936 en El Pueblo Gallego, un en Universitarios e outro en La Voz de Galicia, así como dous escritos publicados despois de 1950. Velaí a súa relación:

El Pueblo Gallego

Souto: estampas, 2 de outubro de 1932.

Landín: fame de melodías, 2 de decembro de 1932.

O mundo i-outras vísperas. Retratos iluminados: H. Lutteroh, 7 de xullo de 1935.

Doce poetas, 28 de agosto de 1935.

Divagacións de vrán. Cousas que pasan, 4 de setembro de 1935

Notas e leituras. Poesia. Craridade, 10 de setembro de 1935.

Divagacións de vrán. Século dezanove. 20 de setembro de 1935.

Notas e leituras. Poesía. Craridade, 10 de novembro de 1935.

O mundo i-outras vísperas: a creazón. Continentes. 30 de novembro de 1935.

O mundo i-outras vísperas: diversos. Estampas, 14 de decembro de 1935.

Diversos. Versión de don Johan. 29 de decembro de 1935.

Notas diversas: historias, 23 de febreiro de 1936.

Escadas antigas. Versión da primaveira, 29 de marzo de 1936

Vos de fermosura, 30 de abril de 1936.

Por Galiza. II. Vocación pola lingua, 5 de xullo de 1936

Por Galiza. III. Notas a unhas notas, 8 de xullo de 1936

Universitarios

Centenarios extraños. Pedro Bernardo Díaz.

La Voz de Galicia

Homes do dazanove, 1 de outubro de 1930.

E de despois de 1950:

Galicia. Revista del Centro Gallego de Caracas

O forasteiro de duas capas, nº 7, xuño-xullo, 1953

Programa de festas de Santiago de Compostela

Os fogos do Apóstolo, 1980.

Algún destes artigos, como os dous últimos publicados en El Pueblo Gallego, son, acho, dunha importancia case que primordial para entendermos o que se podería denominar pensamento político de Cunqueiro, e explican moi ben a súa viraxe ideolóxica no outono de 1936. Mais diso falaremos outro día.

Polo que respecta aos artigos de despois de 1980 publicados noutros medios que non fose Faro de Vigo, faltan uns cantos que deberon incluírse en O mundo que teño de meu e que foran publicados na revista Grial. Nesta revista reproducíronse escritos que Cunqueiro publicara anteriormente en Faro de Vigo. Cando a publicación deste primeiro volume dos artigos en galego do de Mondoñedo, na recensión que fixemos no seu día non dixemos nada destes artigos, xa que podía ser que apareceran no xornal vigués e que, polo tanto, se publicarían no presente volume, No obradoiro do escritor (falo agora, exactamente, dos escritos aparecidos antes de 1972). Non foi así, e algúns destes escritos aparecidos en Grial, maiormente con pseudónimos ou as iniciais destes pseudónimos, non foron recollidos naquel volume publicado xa hai catro anos nin no publicado este 2017, polo que se pode inferir que talvez non viron lume no Faro de Vigo e, xa que logo, foron publicados en Grial en primeira instancia, polo que o lector que queira coñecelos debe ir á colección desta revista. Velaí unha relación dos escritos de Cunqueiro publicados en Grial até 1971 (incluído) que non están recollidos en volume:

Coas iniciais A. L. (Álvaro Labrada):

Notas de literatura americá, nº 2

O noso cancioneiro de bulras, nº 2.

Noticias do Grial, nº 2

En procura de “Todo Kafka”, nº 3

Polémicas literarias en Italia, nº 5.

Coas siglas M. M. S. (Manuel María Seoane, outro dos seus múltiples pseudónimos):

Eliot, crítico, nº 7.

Coas siglas P. M. (Patricio Mor):

A xeración perdida, nº 4

Coas siglas X. C. (Xusto Cabarcos)[1]:

Freud, Kafka e Marthe Robert, nº 4.

Coas siglas S. S.:

A “Autobiografía” de John Cowper Powys, nº 14

La Coruña, por Miguel González Garcés, nº 21 (recensión da guía turística desta cidade que para Everest escribiu González Garcés).

E co pseudónimo, en poucas ocasións utilizado polo de Mondoñedo, de Carlos Sobrado:

Caillois fala das pedras, nº 19.

Dos escritos aparecidos en Faro de Vigo de 1963 a 1971, para nós falta o publicado o 30 de novembro de 1969: “Os oitenta anos da morte de Gerald Manley Hopkins”, escrito que vai acompañado dunha excelente versión do poema de Hopkins “Gloria a Deus polas cousas de color…”.

O que si se reproduce neste volume é o escrito e as traducións que Cunqueiro publicou co título “Unha Antoloxía da África Negra”, aparecido o domingo 3 de xullo de 1966. Entre os poemas traducidos da Antoloxía negra, de Blaise Cendrars, está “O Laio dos Pigmeos”. O xoves seguinte, día 7, en Faro de Vigo Cunqueiro publicaba o artigo titulado “El pobre Nkü”, e entre outras cousa escribía: “El pasado domingo, en la página literaria de FARO DE VIGO […] ‘O Laio dos Pigmeos’ salió con erratas y saltos de línea, y aunque el buen sentido del lector haya subsanado las faltas, me veo en la obligación de repetir el triste texto […] añadiendo alguna nueva noticia acerca de los pigmeos que creo de interés. En el ‘Laio’, be-kü, pigmeos, es plural de nkü, pigmeos”. Como en No obradoiro do escritor se reproduce o poema coas erratas e saltos de liña, entregamos, para solaz do curioso, a versión que deu Cunqueiro o 7 de xullo de 1966:

 

            O BOSQUE É GRANDE, o vento é bon

                                   adiante os be-kü, o arco na man!

                                  

                                   Por aquí, por alá, por aquí, por alá.

                                   Un cocho bravo! Quen o mata?

                                   O nkü! Pro, quén o xanta? Probe nkü,

                                   pártelo e todo, e soio xantas as tripas…

 

                                   Pan! Pan! Caiu un elefante!

                                   Quén o matou? Matouno o nkü!

                                   Quén terá os seus fermosos dentes?

                                   Probe nkü! Ti mátalo, e déixanche o rabo!

 

                                   Sin casa, coma os monos.

                                   Quén rube a coller a mel? Nkü!

                                   E quén se enche de mel? Probe nkü,

                                   que soio che deixan a cera!

 

                                   Os brancos están acolá, bos homes.

                                   Quén baila para eles? O probe nkü.

                                   E quén fuma do seu tabaco? Ai, nkü,

                                   Séntate no chan, i-alarga a man!

 

Finalmente, só cabe recomendar este novo libro que recolle un mangado de escritos (e traducións) de Álvaro Cunqueiro, e que, estudados polo miúdo, entregan o que o noso escritor pensaba sobre a literatura; ou o pensamento literario de Álvaro Cunqueiro.

[1] Este pseudónimo foi pouco utilizado por Cunqueiro. Sinalemos unha curiosidade a este respecto. O citado artigo foi publicado coas iniciais X. C. No número 6, no índice do tomo II, entrégase, entre parénteses, o nome a que corresponden as iniciais.


Source: BIOSBARDIA

2018-01-11T08:11:44+00:00 11 / 01 / 2018|BiosBardia|