‘Transmigrantes’, debate sobre o noso presente

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Transmigrantes’, debate sobre o noso presente

‘Transmigrantes’, debate sobre o noso presente

Pregunta María Alonso contra o final de Transmigrantes (Axóuxere, 2017) que pensará do seu ensaio unha persoa que viva nunha situación de privilexio. Vou intentar a aquí unha resposta (non a resposta, pois, como Alonso admite, na cuestión que nos ocupa non caben respostas simples). Eu son, como Alonso, parte da nova diáspora galega. Tamén son consciente de que teño a sorte de disfrutar dunha estabilidade laboral, persoal e vital que, por desgraza, cada vez veñen sendo menos a norma neste colectivo.

Transmigrantes é, que eu saiba, a primeira obra ensaística en galego que se ocupa do fenómeno da emigración recente da nosa mocidade (en obras literarias como Cara ao leste, de Antía Nara, ou Dende o conflito, de María Reimóndez, atopamos membros desa nova diáspora como personaxes, pero non é a diáspora o fulcro da trama ou o conflito). Só por isto xa merece parabéns. Coido que, a medida que aparezan máis textos (literarios ou ensaísticos) sobre este fenómeno, o ensaio de Alonso quedará como un punto de referencia co que dialogar, máis aló da mera anécdota de ser o primeiro.

Ao meu ver, é na redefinición de palabras e conceptos onde o libro de Alonso exercerá con máis forza a súa influencia, a empezar co título mesmo. Transmigrantes son os ou as que na súa experiencia migratoria pasan por varios países ata que se dan asentado nun, ou nin iso: un concepto novo na diáspora galega nunha Europa en que os países, un por un como se fose o xogo das cadeiras, se van precarizando. Alonso tamén rescata (h)emigración, orixinalmente acuñado por Xavier Queipo, para salientar como a nova diáspora, grazas ás redes sociais, é quen de manter unha vinculación (non sempre fácil) con Galicia; dialoga co recente A nación sentimental de Helena Miguélez-Carballeira para propoñer o sentimentalismo e a emoción como unha das vías de rebelión e expresión da nova diáspora (que xa se está utilizando produtivamente, con interesantes mesturas de folklorismo e compromiso político que cumpriría analizar e explicar), e, nunha das pasaxes máis lúcidas do libro, explica como dentro de Galicia a nova emigración é reconfigurada como o Outro (por exemplo, cando chega o momento de argallar argumentos para negarlle o voto).

Por propia admisión, o ensaio de Alonso foi escrito con urxencia, e ás veces semella que mesmo ás présas. Ao rematar o libro (apenas 130 páxinas) queda a sensación de que a autora nos puxo diante dos ollos un monllo de ideas interesantes, pero nin desenvolveu ningunha delas, nin remexeu nelas para deixarnos ver o que encerran de contradición. Isto vén dado en parte pola mestura de subxéneros ensaísticos (o manifesto, o relato memorialístico, a reportaxe, o ensaio académico) sen que a autora se decida por ningún. Esta podería ser a priori unha idea atractiva para tratar o tema que nos ocupa, en que o persoal e o político están intrinsicamente ligados, pero falla na súa execución. Para ser un ensaio académico, fáltalle desenvolver mesuradamente e paso por paso un argumento complexo que sexa quen de convencer a quen non está a priori convencido. Para ser un manifesto ou un ensaio memorialístico, sóbranlle referencias académicas presentadas e aplicadas ás veces dun xeito un tanto mecánico. Para ser reportaxe, fáltalle detalle humano: eu realmente non sei con que falou Alonso máis que con algunhas persoas do seu círculo de Edimburgo, tamén traballadores precarios. Son, por desgraza, representativos da diáspora galega de hoxe, pero non esgotan a galería de experiencias que deben ser consideradas se queremos facer un retrato verdadeiramente incisivo deste fenómeno: entre os perfís de emigrantes cos que dei na miña experiencia, salientaría, por considerar que problematizan a paisaxe que nos pinta Alonso, os científicos que desempeñan unha profesión con prestixio social e relativamente ben remunerada, pero que se ven condenados a trasladarse cada poucos anos pola propia natureza da institución na que traballan; ou a quen opta por un traballo nin prestixioso nin ben pagado, pero estable e que proporciona certa seguridad á hora de desenvolver un proxecto vital á marxe do traballo e a familia (e é este tipo de opcións vitais as que en Galicia nin se entende que existan, porque se dá por feito que se sacrificas a túa carreira laboral é para dedicarte á familia e viceversa).

Tamén coido que lle faltou a Alonso afinar un pouco ao falar do contrato social (estuda unha carreira e terás traballo) que a crise rompeu. Sen negar o impacto terrible que isto tivo en moitos, eu propoñería que a natureza orixinal de tal contrato social precisa ser examinada máis polo miúdo: moitas veces o que se pedía de nós (os que non estamos na poltrona, por usar unha expresión de Alonso) era que renunciásemos a ser críticos co sistema ou a mirar o que pasaba noutros lados, e hai que dicir que moitos aceptamos sen máis complicacións. Amoloume tamén que Alonso caese no clasismo que xa semella inevitable cando se fala da emigración cualificada: se nos doe que unha doutorada limpe retretes ou que un premio nacional de fin de carreira de Bioloxía sirva patacas fritidas é porque son doutorada e premio nacional, respectivamente (e aquí falo desde a posición de extremo privilexio de alguén que sempre tivo a sorte de poder desempeñar traballos acordes coas súas cualificacións).

Porén, o ensaio de Alonso merece ser benvido ás nosas letras, e espero de verdade que obteña o impacto que merece malia non ser publicado por unha das dúas grandes nin refrendado por premios de ensaio. Prodúceme certa vertixe ter o privilexio de proporcionar con esta recensión unha das primeiras respostas a preguntas que Alonso deita, as preguntas que espero que nos sigamos facendo durante moito tempo.

♦ Transmigrantes. Fillas da precariedade, de María Alonso. Axóuxere, 2017. 134 páxinas. ♠15€

Eva Moreda.


Source: BIOSBARDIA

2017-06-15T22:16:18+00:00 15 / 06 / 2017|BiosBardia|