‘Take On Me’ vs ‘Nostalxia da carne’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Take On Me’ vs ‘Nostalxia da carne’

‘Take On Me’ vs ‘Nostalxia da carne’

Moza levitando. PEXELS.COM

Duelo de cuartos de final entre o primeiro clasificado do grupo C (Marcos López Concepción) e o segundo clasificado do grupo B (Raúl Raz Santos) baixo o tema ‘Veganismo’.

Nostalxia da carne

Incluso neste momento, cando xa non estás, a túa presenza, o teu olor, a túa aura, seguen inundando a miña casa. O meu fogar está cheo de ti, Natalia. A miña vida segue a xirar arredor túa e o meu espazo mais o meu tempo seguen téndote a ti como unidade de medida.

Que pouquiño me duraches.

E non foi por nostalxia da carne que chegamos ata aquí, Natalia, sábelo tan ben coma min. Non digas iso. Aínda que eu fora de churrasco ata tres veces á semana e deixara de comer carne por ti e polas túas neuras. Non foi por nostalxia da carne que agora nos vemos así.

En parte foi medo a perderte, a non poder estar contigo nunca máis. Un medo máis alá de toda razón, xa o sei, pero foi un medo que se apoderou de min, e non puiden facer nada por botalo fóra. Non foi por nostalxia da carne, Natalia, non o foi.

Como podería a carne competir cos teus beizos? Os teus beizos de auga que se desfacían en desexo ao máis leve contacto cos meus. Os teus beizos, especificamente deseñados para bicarme a min. Só a min. E que tan pouquiño me duraron.

Os teus peitos, Natalia, os teus peitos redondiños e firmes, a suavidade da túa pel baixo a tenra presión das miñas mans e as caricias da miña boca. Como ía eu botar de menos a carne, Natalia, se tiña en ti todo o que eu quería? Como podes tan sequera insinuar que foi por nostalxia da carne?

E as túas pernas, Natalia, que se enroscaban con forza na miña cintura e me empurraban todo o dentro que de ti me era posible chegar. E aí, no medio, entre esas túas pernas, a salvación. O anhelo de regresar, a posibilidade de renacer. A mesma esencia de ti, concentrada nese recuncho secreto do que só eu podía beber ata afogar. Nin te atrevas a pensar que foi por nostalxia da carne, Natalia.

Nin te atrevas a pensalo.

Ningunha muller me gustou nunca tanto coma ti.

E que pouquiño me duraches.

Tanto me gustabas, Natalia, que non podía soportar a agonía de pasar nin un segundo lonxe de ti. Tanto me gustabas que o tempo perdía a súa razón de ser cando estaba contigo, e convertíase no peor dos inimigos imaxinables cando che tiña lonxe. A vida non tiña sentido cando non estabas ó meu lado, Natalia. Así que non digas que foi por nostalxia da carne, non sigas con iso, por favor.

En realidade foi porque non quería separarme nunca máis de ti, quería poder levarte sempre comigo. Para facer que ti mais eu nos xuntásemos dunha vez e para sempre. Sen posibilidade de desfacer o feito.

Por iso, porque me gustabas tanto, Natalia, voume servir outro anaco. Pequeniño, que xa vou bastante farto. Este mesmo, este cachiño no que tiñas a marca de nacemento, preto do embigo, onde tanto me gustaba facerche cóxegas.

Segues estando boísima, Natalia.


Take On Me

Mentres corto a carne pouco feita e mastigo un anaco aguantando as ganas de trousar, lembro como foi que acabei queréndoa coma un tolo.

Presentáronnos nunha festa. Deitámonos esa mesma noite. Eramos diferentes pero a verdade é que nunca se acaba de coñecer a unha persoa. Supoño que estabamos fartos de estar sós e esperabamos ter unha relación normal.

Descubrín que a ela non lle gustaba ler ciencia ficción. Eu escoitaba a súa música favorita. Ela comía de todo e eu era vegano. As fins de semana a min gustábame patear e ela quería quedar na casa. Eu, deixándome levar pola idea de que todos merecemos unha persoa que queira entenderte, quedaba con ela facendo maratóns de series. Comiamos entón o que eu cociñaba, comida saudable, e bebiamos do viño que ela escollía. Nun principio a min gustábame o de ir borrachos para a cama e facelo así, era un xeito máis. Pero ela sempre o precisaba. Non me decatei da gravidade do problema ata a noite que caeu polas escaleiras. Estaba a esas alturas fascinado polo seu mundo, tan diferente ao meu, que todo o que facía me convertía nun espectador. Lembro por exemplo, cando bailaba Take On Me co cabelo tapándolle a cara, en bragas e suxeitando unha copa a xeito de micrófono. Tivo que enfrontar a realidade no hospital, coa perna rota. Os médicos dixéronme que eu só non podería axudala.

Durante un tempo, logo de entrar na asociación, non mellorou. Non sei aínda hoxe por que o facía. Cando saía da oficina tiña que buscala polos bares. Ir ás reunións foille ben pasados tres meses. Os progresos eran lentos ao mesmo tempo que a súa actitude comigo empeoraba. Prefería ler revistas que falar xuntos. Se intentaba bicala dicía que andaba sempre a babexar tras dela. Doíame ese distanciamento. Empezou a estar moito tempo fóra pero xa non chegaba borracha. Non me daba explicacións de por onde andaba. Eu tampouco quería comezar unha discusión que interrompese a melloría. Fun un covarde.

«Teño que buscar choio», dixo un día. Pensei que o conseguira, que todos os seus problemas, as malas noites, a loita contra o alcohol, quedaban atrás. Pero o seguinte que comentou fíxome sentir innecesario, afundiume, tanto esforzo non valera para nada. «E temos que falar porque… creo que necesitamos deixalo unha tempada.»

«De que vas?», díxenlle. Enchinme de medo e odio. «Agora que estás ben, non? Cando cagabas por riba e eu te limpaba na bañeira, que? Lembras? Entón para ti todo ía total.» «Estou como presa», dixo a piques de chorar. Non aturaba que a estivese sempre avaliando, tan atento do que facía. Tanta escrupulosidade, tanto mirar etiquetas. Tanta prohibición e tanto tofu. Non soportaba que cociñase para ela. «Es como esa comida que comes». A frase da despedida quedoume cravada.

Sigo queréndoa, claro. Estou tan triste que paso os días intentando cambiar para achegarme a ela, como moita carne e bebo demasiado. Lembro os seus bailes en bragas. Estaba preciosa.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-22T01:39:45+00:00 22 / 11 / 2017|BiosBardia|