Servando e o lixo

Inicio/Blogs/BiosBardia/Servando e o lixo

Servando e o lixo

No lixón. ZLATKO VUCKOVIC/FLICKR.

Eladio Bernabé.

Ao Servando non había quen o enganase. Polo tanto quedou solteiro máis aló dos corenta, arrodeado das cincuenta ovellas coas que pastaba polo monte a diario.

Desde antes que o Concello empezara a cobrar pola recollida do lixo, o Servando esquivaba tal obriga levando día tras día a súa bolsiña de lixo para unha gabia que a parroquia convertera en vertedoiro bazar: mentres uns ían botar a merda que lles sobraba, outros atopaban alí algo interesante que poder reutilizar.

Malia vivir o Servando a carón dun colector de lixo, el prefería carretar para a gabia. O mesmo lle daba deixar unha fouce sen fío, un paraugas desvarillado, ladrillos sen forma, ferros, caldeiros, incluso o calzado que se lle descosera. O Servando sentíase arquitecto daquela torre de refugallos que fora medrando sen proporción polas marxes da corga.

Un día estaba o Servando facendo uso do vertedoiro cando se lle achegaron os axentes forestais, un deles coa cámara fotográfica anoada ao peito.

–Bo día teña vostede! –díxolle o da cámara ao Servando–. Así que pastando as ovellas

–Pois claro!, os que non lle valemos para outra cousa…

–Ten que haber de todo no mundo… –dixo o garda para deseguido preguntar–E vostede non saberá… quen deixa nesta gabia tanto lixo?

–E eu que vou saber!

O axente forestal que quedara calado, díxolle con todo o respecto:

–Fágame un favor, ho. Míreme aquí esta foto para ver se recoñece a persoa que sae nela.

Tan pronto o Servando afociñou sobre a pantalla, que sostiña o garda sobre o peito, exclamou:

–Ai, demo! Ese son eu! Pero como estou eu nesta foto?

–É que estamos a estrear este trebello que nos deron na xefatura –contestoulle o garda que levaba a cámara colgada–. Así que dixemos: por que non lle sacamos unha foto a este bo home que esta emporcando o monte ? Logo imprimímoslle unha copia para el e quedamos nós coa outra e coa tal xa o denunciamos por ciscar lixo onde non debe. Que lle parece?

–Mecago no leite! –reaccionou o Servando.

–Iso, iso –díxolle o garda que non levaba a cámara–. Vostede aínda por riba de manchar o monte, ensucie tamén o leite, ho. Aínda que non me estrañaría que o leite das súas ovellas veña “achocolatado”, vendo en campías inmundas pastan!

– É que os do concello fanme pagar pola recollida, o que é inxusto, e en protesta fago como se fixo sempre.

–Pois por iso vanlle a caer do peto como trescentos euros de sanción por porco.

–Que me está dicindo? Iso non pode ser, eu non teño tanto diñeiro.

–Ten, ten!, que vostede ben que presume de diñeiro polas tabernas. Pero isto non é todo! Vostede vai recoller todos os restos vertidos nestes recunchos até deixalo limpo. Pero como no punto limpo do concello non se poden levar tanto por xunto, polo pronto irao deixando na súa casa, onde haberá de xuntalo todo, e despois ilo levando aos poucos ao vertedoiro .

–Pero se eu non teño con que levar todo isto.

–Ten, ten. Furgoneta e tractor –díxolle o fotógrafo funcionario–. Nós sabémolo todo. E apure, non vaiamos ter que pórlle unha denuncia por delito ecolóxico.

–É que isto non o deixei eu só. Hai máis veciños que o fixeron tamén.

–Claro! Posiblemente copiando de vostede. Pero non se preocupe. Déanos os seus nomes e veremos o que pasa.

Mandaba carallo! O que se lle viña enriba! Aquilo era moito para el só, así que non viu mal botar man doutros para realizar aquel labor. Pero o malo é que o negarían, pois só o cacharan a el na lixeira clandestina.

Aquela noite Servando non puido durmir tranquilo. Soñou que unha enxurrada de lixo se lle aparecía na aira da casa. Ía subindo polas portas até chegar á friestras. O lixo ía medrando. Naquel soño, Servando facía por saír da casa mais non daba feito. Na ruta de saída, o colector atrancaba con todo o seu orondo e verde corpo e falaba abrindo e pechando a súa larga tapa:

–Somos a túa merda de tantos anos, esa que ti abandonaches no monte. Agora vimos por ti, cocho!

Aínda no soño, Servando alcanzaba a corte das ovellas na procura de calma pero os seus propios animais tamén lle organizaban unha protesta.

–E logo, ti, meee, non eras tan valente, mee. Ponte diante da merda e faille fronte, cagainas, meee.

O Servando acordou de súpeto, asolagado por unha suor pegañenta que se lle figuraba cheiraba igual ao lixo do soño. Agarrou a carretilla e un angazo e foise para a gabia recoller lixo. Polo camiño pensaba se aquela historia da foto non había ser unha rexouba dalgún dos compadres da taberna.


Source: BIOSBARDIA

2018-01-19T08:31:19+00:00 19 / 01 / 2018|BiosBardia|