‘Segredos da Bretaña’, misterio coas costuras á vista

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Segredos da Bretaña’, misterio coas costuras á vista

‘Segredos da Bretaña’, misterio coas costuras á vista

Ilustración da capa de ‘Segredos de Bretaña’, de Carlos Reigosa, editado por Xerais.

Un escritor goza duns días de lecer en Bretaña, trasunto dunha vila mariñeira galega. Alí, a súa caseira encírrao sutilmente para que esclareza uns borrosos feitos ocorridos na vila durante a posguerra. O escritor acepta o reto disposto a converter ese misterio no argumento da súa próxima novela.

Esta é a atractiva proposta coa que Segredos de Bretaña nos seduce no seu primeiro terzo, onde florecen tódalas súas virtudes e inda non nos rabuñan as espiñas dos seus vicios.

A trama da novela está ben fiada. Durante a lectura imaxinei a Reigosa compoñendo con chinchetas na parede do seu estudo un gran diagrama de nomes, lugares e datas unidos por fíos de cores. O puído argumento articúlase nas páxinas da novela mediante unha gran técnica, áxil nos diálogos e sólida na narración. Foi unha decisión intelixente armala con capítulos curtos: afianza a sensación de progreso e anima a continuar coa lectura, ademais de que se adapta á maneira que elixiu o autor de contar a historia.

É unha mágoa que este esforzo de deseño se limitase case exclusivamente a sacarlle brillo á estrutura da novela, a apuntalar a súa montaxe en frío. Unha vez dixerido o prometedor primeiro terzo do libro fun caer nunha especie de día da marmota e recordei aquilo de que a repetición continuada do mesmo estímulo satura os receptores. E é que a repetición dos padróns mediante os que Reigosa fai avanzar a trama prexudica a recepción da mensaxe. Durante os seus días Isauro móvese por determinadas localizacións de Bretaña e Muralba, onde interroga a diversas personaxes. Dos seus interlocutores, os que o autor dota de nome e apelidos pero non sempre de personalidade, extrae información e recibe advertencias, a miúdo empregando idénticas frases uns ca outros. Pola noite volve ao niño, departe coa súa caseira e vai durmir rumiando o sucedido.

As alteracións da rutina de Isauro son ben poucas. Unha das poucas distraccións que ten, a dos seus problemas conxugais, non supera a barreira do tópico. A súa crise de parella soluciónase demasiado pronto e o resto de aparicións da súa muller, Leticia, quedan en “traballo de mantemento”, outro padrón máis a consumir.

Sae mellor parada a subtrama da Mesa Redonda de Bretaña, unha especie de inocua sociedade secreta que lle serve ao autor de metáfora global e de orixinal ambientación sociocultural. No mundo dos simbolismos é por onde mellor se move a novela, como por exemplo no feito de que sexan armas da época da Guerra Civil as que se empreguen para facer xustiza ou na peculiar mestura de matices contraditorios que se concentran na figura de Santiago Moncán, a mellor personaxe do libro, por non dicir que é a única proactiva.

Isauro, como corpo estraño en Bretaña, funciona mellor de catalizador ca de motor da historia. Non forma parte dela nin resolve persoalmente o misterio, cóntanlle cousas porque pregunta, e será este afán del por pescudar no pasado o que ―fóra de pantalla― desencadeará o final. Co ánimo de insuflarlle tensión á historia, Reigosa utiliza a voz das súas personaxes ―que por veces funcionan case como unha mente colmea―, para persuadirnos de que Isauro corre perigo por andar metendo o nariz onde non debe, pero o certo é que atentar contra a vida do seu protagonista era algo que necesitaba moito máis o autor, como encaixe da trama, ca os propios inimigos do personaxe principal.

Esta disonancia entre o que tenta sementar o Reigosa e o que o lector recolle das páxinas da súa novela intensifícase cara ao remate do libro porque existe unha explicación sinxela sobre o que está a pasar en Bretaña e Isauro semella non dar con ela ou non tela en consideración. O hermetismo do protagonista neste punto pareceume unha forma artificial de manter a intriga e enlentecer o desenvolvemento da trama, xa que durante toda a novela o narrador mostra a Isauro como alguén imaxinativo e locuaz á hora de aventurar hipóteses plausibles sobre o que sucede ao seu redor.

O conveniente lapso de Isauro forma parte en realidade do planificado recheo que poboa o último terzo de Segredos de Bretaña. Cando pode cualificarse algo como recheo nunha novela? Eu diría que cando, unha vez presentado o conflito da novela en todos os seus aspectos, se apraza a súa resolución mediante a inclusión de texto que nin fai avanzar a trama nin evolucionar as personaxes. Tanto é así que nos capítulos previos á revelación final o protagonista se dedica a pasear pola vila e iniciar estériles diálogos cos seus veciños co único propósito de agardar a que pase o tempo.

En resumo, Segredos de Bretaña é unha novela cuxa lectura fascinaría os imaxinarios habitantes da imaxinaria Bretaña pero que so satisfará a medias o resto de lectores, coitados turistas e miróns de segredos alleos.

♦ Segredos de Bretaña, de Carlos Reigosa. Xerais, 2016. 368 páxinas. ♠18,50€

Lois Z.


Source: BIOSBARDIA

2017-05-18T20:51:23+00:00 18 / 05 / 2017|BiosBardia|