Sánchez e Campilho, as poetas best-sellers

Inicio/Blogs/BiosBardia/Sánchez e Campilho, as poetas best-sellers

Sánchez e Campilho, as poetas best-sellers

Matilde Campilho.

César Lorenzo Gil.

Esta semana soubemos que a poeta polaca Wislawa Szymborska vendeu xa 25.000 exemplares da súa antoloxía poética traducida ao brasileiro no país americano. A tiraxe media de libros de poesia no Brasil non supera os 3.000 libros e é común que moitos poetas paguen do seu peto edicións máis modestas. Pero é que a premio Nobel vende ao redor de 20.000 libros de cadanseu título en coreano e é unha escritora querida noutros países.

O caso de Szymborska é raro mais non único. A poesía, máis alá da pseudolírica da xeración Twitter que triunfa entre a mocidade, ás veces consegue rachar o tópico de ser unha literatura para extremas minorías. Ultimamente xurdiron dous fenómenos, en España e Portugal, que exemplifican moi ben este fenómeno.

Matilde Campilho

Jóquei, de Matilde Campilho (1982), gañou fama de ser o libro de poesía recente máis vendido en Portugal. A autora revolucionou a poesía do país veciño (que algo entende de bos poetas) no 2014, cun primeiro libro que deixa o lector exhausto de beleza e imaxinación. Cunha evidente xenealoxia pizarkiana, a autora lisboeta deseña un proceso de distanciamento coa propia rutina para dotala de maxia. No encantamento, a partir de prosa poética e un arriscado pero exitoso xogo entre escritura aparentemente automática e unha rigorosa harmonía, vai dilucidando a imposibilidade de explicar o amor, o desexo, a pena, a perda da inocencia.

Campilho, cuxo libro tamén se pode comprar en castelán (editado pola moi interesante Kriller71 Ediciones, con prólogo da ourensá Arancha Nogueira), foi tamén a sensación do FLIP, o festival literario de Paraty, no estado do Rio de Janeiro, onde as bancas quedaron sen exemplares, tanta foi a expectación espertada polos seus recitados.

Malia o seu éxito de público, a poesía de Campilho non é doada ou sentimental. Por suposto hai un elo evidente co cotián mais a mirada sobre a realidade é oblicua, persoal, fundamentada no misterio do que non se coñece e non na obviedade da arte compracente que simplemente nos dá pistas sobre como lamber as nosas propias feridas.

María Sánchez.

María Sánchez

En marzo do 2017 a editorial La Bella Varsovia (unha das máis interesantes compañías dedicadas á poesía en español) publicaba Cuaderno de campo,de María Sánchez (1989). En xuño, só tres meses despois, aparecía a cuarta reimpresión. O volume de vendas non diminuíu nos meses seguintes e a súa autora, unha veterinaria cordobesa, xa é recoñecida como unha das voces máis maduras e interesantes da literatura española actual. De feito, proximamente publicará o seu seguinte libro, Tierra de mujeres, unha proposta entre a narrativa, a reflexión e as memorias baixo o selo Seix Barral, do todopoderoso grupo Planeta. Sánchez participa activamente nos medios de comunicación e mantén un permamente diálogo co seu lectorado a través das súas redes sociais.

Nun Estado que se constrúe hoxe en día contra o seu medio rural, Sánchez converte a experiencia da terra sen asfaltar nunha experiencia literaria autónoma e luminosa. Cuaderno de campo é un diálogo vivo e visceral da autora co humus onde leveda o seu pasado, os seus devanceiros, os seus recordos, cos ósos e o sangue dos animais, coas raíces e o compós da vexetación e dos cultivos. A lectura deste libro é familiar para os galegos, igual que o son os libros de John Berger, porque as querenzas e os desacougos da autora levámolos na nosa cultura popular moi na tona (a tona da terra).

A poesía de Sánchez, admirada por escritores e xornalistas, loada no Madrid onde a aldea e o pueblo son unicamente ecos dun pasado remoto, é unha comuñón de vento e sabor a herbas. Poesía sensorial cun propósito épico e trascendente. Versos que non rexeitan o ampuloso, o sagrado, o eterno, mais sempre desde o enfoque de alguén que quere ser feliz tripando terróns, botándolle unha acha ao lume, sentando nalgunha sombra e pegar no sono co clan-clan das chocas das cabras. A poesía de Sánchez é algo así como o hilozoismo de Amado Carballo abrazado tenramente pola capacidade de asombro de García Lorca. A memoria de Olga Novo máis austral, máis científica e menos labrega.

 


Source: BIOSBARDIA

2019-01-15T06:34:47+00:00 15 / 01 / 2019|BiosBardia|