A revolución rusa contada coma unha novela

Inicio/Actualidade Literaria/A revolución rusa contada coma unha novela

A revolución rusa contada coma unha novela

Octubre, publicada por Akal, é moito máis ca unha historia sobre a revolución rusa da que xusto neste mes se celebra o primeiro centenario. O seu autor, China Miéville, un dos máis prestixiosos autores da moderna ciencia ficción, espreme neste libro o seu talento narrativo para contar uns acontecementos cruciais na historia da humanidade sen perder un milímetro o rigor mais sempre guiado polo pulso literario.

Co gallo dos primeiros cen anos do levantamento popular contra o tsar de todas as Rusias, a libraría énchese de opcións para recordar aquel momento. Se escollemos a versión de Miéville é pola súa capacidade de adaptarse a diferentes rexistros sen perder interese en ningún nivel. Octubre pode lerse como pura divulgación histórica, onde os personaxes e os sucesos se formulan con impecables técnicas narrativas. Mais tamén pode un deixarse ir e pensar que todo o que nos conta o autor é simplemente literatura. Literatura de non ficción, claro está, mais cos mesmos ingredientes ca unha novela: aventura, traizón, soños e miseria.

En calquera caso, a viaxe a Rusia paga a pena e este libro pode servirnos de porta de entrada para dous universos paralelos:

Por unha banda, Miéville é un excelente cicerone para logo seguir a profundar na historia da revolución que desembocou na URSS. O fenómeno foi tan importante que produciu textos practicamente todos os anos desde o 1917. Por dar só dúas pistas, recomendamos seguir as obras La venganza de los siervos, de Julián Casanova (Crítica) e Cartas desde la revolución bolchevique, de Jacques Sadoul (Turner).

E pola outra, unha vez que coñezas a escrita de China Miéville vai ser difícil que poidas parar. As súas novelas de ciencia ficción son “diferentes”, ás veces delirantes ás veces máis realistas que o costumismo da novela convencional. Mais sempre brillantes no plano literario.

Mundos paralelos? Talvez non. Porque nas novelas de Miéville tamén hai miseria, abuso, loita de clases e revolución.

2017-10-26T15:11:16+00:00 26 / 10 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario