Resumo de libros de cabeceira de persoeiros famosos

Inicio/Blogs/BiosBardia/Resumo de libros de cabeceira de persoeiros famosos

Resumo de libros de cabeceira de persoeiros famosos

Ernesto Valverde, adestrador de fútbol.

Xesús González Gómez.

Ao igual que o pasado ano, o día de Sant Jordi o xornal barcelonés La Vanguardia publicaba en cada páxina do periódico as lecturas e recomendacións de libros dos líderes mundiais e locais en diversas tendencias, desde a política até á economía, a pasar polo deporte, etc. Como na páxina 3 do xornal se inicia a sección de política internacional, nesa páxina empezaban as respostas, que eran as de Angela Merkel, a chanceler alemá, un dos poucos políticos (e aquí englobamos homes e mulleres), por non dicir o único, en Europa que ten sentido do que antes se denominaba Estado: é dicir, unha gran política que non mide as súas acción polas reaccións dos electores e polo que pode acontecer no minuto seguinte, senón que mira para adiante, aínda que poidamos non estar de acordo con ela en temas puntuais. Se o ano pasado a «recomendación» da chanceler alemá fora o moi local Vievzig Jahre, de Günter de Bryn, a deste ano era, ou é, moito máis universal: Guerra e paz, de León Tolstoi (diversas edicións tanto en catalán como en castelán e portugués). Como universal era a elección da nova secretaria dos socialistas alemáns, Andre Nahles, que se decantaba por Libro das cancións, de Heinrich Heine: «Reláxome lendo a Heine, é irónico, melancólico, político e poético. Cruza as fronteiras entre Francia e Alemaña e entre as relixións» (Akal, Ediciones Linteo, en castelán). Despois dos líderes alemáns, viñan os franceses, a empezar polo seu presidente, Emmanuel Macron, o Robin Hood dos ricos de alén dos Pireneos: de aquén dos Pireneos, xa os coñecemos, Mariano Rajoy, Cristóbal Montoro e compañía, accion na que van a carón da nova dereita «neoliberal»: Ciudadanos. Se o pasado ano recomendara a poesía de René Char, este ano decantouse por L’Islam, une réligion française, de Hakim el Karoni, quen, segundo La Vanguardia, é o inspirador da política macroniana ante o desafío da integración dos musulmáns na sociedade francesa. O líder da oposición de dereitas, dos republicanos franceses, Laurent Wauquier, elixía un clásico: En ménage, de J.-K. Huysmans. Non sei se existe versión española ou catalá, penso que non, así que aproveite o lector e lea do mesmo autor a súa máis coñecida obra: A contrafío, publicada por Hugin e Munin e traducida por María Isabel Soto López. O presidente do Consello Europeo inclinouse por O Danubio, de Claudio Magris (Anagrama: castelán; Edicions de 1984: catalán), libro que descubriu o escritor triestino ao resto de Europa: unha relectura do tal volume talvez sería necesaria, e talvez se vería que se ben había, e hai, moita «brillantez», quizais lle falta un pouco de «chicha». O líder da dereitista Lega Norte, Mateo Salvini, elixía a novela de Antonia Arslan, A casa das lavercas (edición castelán: Lumen), que trata do xenocidio armenio por parte dos turcos: a elección era para cargar contra Turquía; pola súa banda o líder do Movemento 5 Stelle, Luigi Di Maio, declaraba que o seu libro é a obra de M. e P. P. del Mino, Il libreto rosso de Pertini, afirmando que a figura de quen fora presidente de Italia é o seu exemplo a seguir: o antifascista Sandro Pertini nunca estivo financiado, que se saiba, por ningún millonario, honorábel Di Maio! O ministro británico de Asuntos Exteriores, Boris Johnson, recomendaba Fascism: A Warning, de quen fora a primeira muller secretaria de Estado dos Estados Unidos, Madeleine Albright; o presidente chinés Xi Jinpig ten como libro de cabeceira A historia de Yue Rei. Yue Rei foi un mítico xeneral cuxa nai lle gravou nas costas a frase: «Serve lealmente ao país». Segundo a propaganda chinesa, tal xeneral inspirou o actual presidente chinés sendo este un meniño: manda nabos!

O presidente dos Estados Unidos de Norte-América, Donald Trump, que fai outra vez real a famosa frase de que nos USA calquera pode chegar a presidente, o pasado ano recomendaba Reasons To Vote For Democrat, de Michele L. Knowles, un volume de 256 páxinas… en branco. Este ano, porén, debe andar mal de cash e debe necesitar as liquidacións por dereitos de autor, e así recomenda o libro de propia (?) autoría: The Art Of The Deal. O ex presidente Barack Obama, pola súa banda, recomendaba Desafiuzados, de Matthew Desmond, libro sobre as nais solteiras que demostra como o desafiuzamento se converteu en algo cotián nos Estados Unidos. O presidente ruso, Vladimir Putin, que o ano anterior recomendara Un heroe do noso tempo, de Liermontov (Xerais), este ano continúa cos clásicos e recomenda o libro de Pushkin O prisioneiro do Cáucaso (versión española El Acantilado; versión catalá: Edicions La Guineu). E a ex presidenta do Brasil Dilma Rousseff recomendaba Licensed To Lie, de Sidney Powell, libro que denuncia a corrupción no departamento de Xustiza estadounidense e as tácticas pouco éticas dun grupo de fiscais: tal libro sería posíbel hoxe no Brasil?, e en España? O papa Francisco recomendaba a novela Os noivos (Editorial Galaxia, trd. Xavier Rodríguez Baixeras) do autor católico Alessandro Manzoni: o papa o ano pasado recomendara a obra póstuma de Z. Bauman Nati liquidii.

A sección política española abríase con Ana Pastor, a presidenta das Cortes, que recomenda o libro de Eduardo García de Enterría, Fervor de Borges, libro editado pola Editorial Trotta. Lembremos que hai anos García de Enterría fora acusado de evasión de capitais (el e mais a súa muller) e defendidos polo avogado Gonzalo Rodríguez Mourullo, tamén defensor de Ruíz Mateos e outros homes e mulleres de digna traxectoria… delitiva. O seu homónimo do Parlament catalán, Roger Torrent, recomendaba El reino, de Emmanuel Carrère (Anagrama tanto en versión catalá –El regne– como castelán), que narra a viaxe do autor do agnosticismo ao catolicismo para (ao se impor o sentido común) volver ao agnosticismo. O presidente do goberno español le libros ou lenllos?: o pasado ano recomendara Patria, de F. Aramburu (Tusquets): este ano a novela de Lorenzo Silva, protagonizada por dous gardas civís, Donde los escorpiones (Destino). O que non cambia é o grupo editorial que publicou ambas novelas: Planeta. Será en agradecemento á liña informativa de La Razón?, aínda que nos mentideiros políticos se afirma que este xornal agora se decanta por Ciudadanos. Se o Raxoi se decantaba por unha novela policial, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, talvez tamén: Una novela criminal, de Jorge Volpi (Alfaguara). Como novela policial tamén é a recomendada por Pablo Iglesias: La transparencia del tiempo, de Leonardo Padura (Tusquets), protagonizada polo detective Mario Conde, nada a ver co delincuente español homónimo: «Padura retrata o contrario dos mitos sobre Cuba, mais desa realidade de amargura e desencanto xorde unha beleza digna e conmovedora», afirma o líder de Podemos. En cambio Albert Rivera recomenda a autobiografía intelectual (sic) de Mario Vargas Llosa La llamada de la tribu (Alfaguara). Se non é outra cousa, cando menos Rivera é un agradecido. En cambio Inés Arrimadas recomenda Prisioneros de la geografía, de Tim Marshall (Planeta), que aínda que ela poida pensar o contrario, no fondo o libro rebate as teses políticas de Ciudadanos sobre os territorios (teses que se poderían denominar, no que ao Estado español se refire, joseantonianas: léase o artigo do fundador da Falange Española titulado “La gaita y la lira”), aínda que Marshall non saiba nin que existe este partido. A secretaria do PdeCAT, ex-Convergència Democràtica de Catalunya, Marta Pascual, recomenda unha máis que excelente novela: El orden del día/L’Ordre del día (Tusquets en español, Ed. 62 en catalán), unha novela que demostra que os temas nunca pasan de moda en literatura, só as formas. Como, en principio, e en vista ás súas novelas publicadas até o día de hoxe, unha boa novela debe recomendar o lider das CUP Carles Riera: Els vulnerables, de Julià de Jòdar (Comanegra). Non obstante, haberá que dicir que Jòdar, que é un excelente novelista, é un dos ideólogos permanentes da «pàtria ferida» das CUP. É dicir, un daqueles para quen as patrias poden ser feridas mais non as persoas. O ex president da Generalitat Carles Puigdemont recomenda Para combatir esta era, de Bob Riemen (Taurus en castelán; Arcàdia en catalán: Per combatre aquesta època). Riemen avisa dun repuntamento do fascismo: este, que nunca desapareceu, está ancorado onde menos o imaxinamos, algo que, por outra banda, ás veces non se entende ou non quere entenderse: léanse as actas e as descricións das sesións parlamentarias italianas de 1922 a 1926 e compárese co que aconteceu nos últimos anos nos parlamentos español, catalán e galego: cedo veremos porque lados –variados–, ás veces os que non se esperan, repunta o fascismo.

Se Puigdemont ou Pascual, recomendan autores non cataláns, Oriol Junqueras queda cun autor da casa, ou de casa, e cun libro máis xornalístico que outra cousa, Van fer un referèndum, de Andreu Pujol Mas (que conste que non é un pseudónimo –Jordi Pujol, Artur Mas, etc.), publicado por Saldonar. Non coñezo o libro pero Pujol Mas é un tipo divertido –ou un provocador–, xa que no 2013 publicou Ministeri d’Incultura: Catalunya a la recerca d’un kitsch nacional, no que defende que Cataluña debe contar con certos produtos «culturais» de baixa calidade, como a prensa rosa, televisión lixo, etc. Se non cambiou de profesión, até hai dous días Mas Pujol era axente da propiedade, é dicir, un francotirador no mundo da cultura catalá (e da española, da galega, da francesa, etc.). O último político en recomendar un libro era Xavier García Albiol, líder do PP en Cataluña, que recomendaba Los pacientes del doctor García, de Almudena Grandes (Tusquets): a min me dá que o seu xefe de prensa lle gastou unha broma; ou o xornalista de La Vanguardia se equivocou e a recomendación era doutro político, porque todo o mundo sabe que Albiol, como o seu xefe en Madrid (o presidente do goberno español) non son moi «lectores» e cando escoitan a palabra libro ou cultura non é que tiren a pistola da funda, como o poeta expresionista, senón que, simplemente, esconden a carteira. Por outra parte, talvez a confusión sexa a miña: Almudena Grandes está orgullosa, é o que se deduce das súas novelas, de ser de esquerdas… e española; e García Albiol esta orgulloso de ser español e de case extrema dereita, ou sen case.

Logo da sección dedicada á política española veñen as páxinas de opinión e de cartas dos lectores, páxinas nas que non aparecen respostas de ninguén. Axiña chega a sección «Tendencias», que é unha mestura de necrolóxicas, sección de sucesos, ecos de sociedade, etcétera: desta sección eliximos só dúas respostas, a do abade do mosteiro de Montserrat, Josep Maria Soler, que recomenda Francesc d’Assís, profeta de l’extrem, da autoría de Suzanne Giussepi e publicado precisamente polas Edicions de L’Abadia de Montserrat, e a do filósofo e pedagogo Gregorio Luri Medrano que recomenda, La negacion de la luz, de José Antonio Masoliver Ródenas (El Acantilado), do que afirma que é «poeta sin contemporáneos», facendo a súa a frase que Mandelstan se dedicou a si mesmo e aplicándolla a un poeta nada atractivo. Na sección cultura (na que tamén se inclúen espectáculos: cine, teatro, etc.) recomendan libros as seguintes persoas: o escritor Fernando Aramburu: Filek, de I. Martínez Pisón (Seix & Barral), sobre o estafador austríaco que timou a Franco; a artista Eugenia Balcells, que se decide por La natura expuesta, de Erri de Luca (Seix & Barral); o escritor Santiago Rocangliolo: Desmembrado, da prolífica Joyce Carol Oates (Gatopardo ediciones); Andrés Barba, escritor, recomenda Este libro es de mi madre, do austríaco Erich Hackl (Traficantes de sueños), mentres que a ilustradora e alpinista Araceli Segarra propón a lectura dun libro que, segundo ela, rompe esquemas: Alpinismo bisexual, de Simon Elias (Pepitas de Calabaza: editorial que debería cambiar o seu lema: «unha editorial con menos proxección que un cinexín», porque hoxe, felizmente, xa non é certo); Marta Sanz decántase pola novela de Clara Usón (unha novela pop), El asesino tímido (Seix & Barral) e a cantante Rosalía un clásico: Luces y sombras del flamenco, de José María Caballero Bonald, con fotos de Colita, un libro editado a mediados dos setenta do pasado século e reeditado –con corrixendas e aumentos– hai uns dez anos pola Fundación Juan Manuel Lara; ao cantante Quimi Portet tamén lle dá polos clásicos: Memorias dun turista, de Stendhal (debe haber versións españolas no mercado, mais eu só coñezo a incluída nas súas obras completas, publicadas en catro volumes alá polo 1966 por Aguilar e traducidas por Consuelo Bergés), mentres que o escritor Martin Casariego recomenda un libro –novela?– de Berta Vias Mahou, unha boa novelista que non acaba de conquistar un público: Una vida prestada (Lumen). Hai máis nomes da cultura, pero como isto se alonga haberá que ir cortando. A alcaldesa de Barcelona recomenda o libro de Vázquez Montalbán Barcelones, recuperado e reeditado, precisamente, polo Concello de Barcelona, edición na que se inclúe o prólogo á versión inglesa: Vázquez Montalbán atinou alá polo 1990 o que ía acontecer na Barcelona da década do 2010: cada vez cidade máis allea aos seus habitantes e pasto dos especuladores e dos empresarios hoteleiros e tabernarios. Cando se trata de defender estes empresarios e a súas barrabasadas, as diferenzas entre soberanistas e independentista esquécense. O presidente do Barça, Josep Mª Bertomeu, recomenda outro libro de Vázquez Montalbán, recompilación de artigos e traballos do escritor barcelonés sobre o equipo dos seus amores: Barça. Cultura i esport; a recompilación foi realizada por Jordi Osúa Quintana e publicada pola editorial Base. O presidente do Girona FC non se queda atrás e recomenda o libro de Eddy Kelele, xornalista catalán de ascendencia africana, Girona FC: camí cap a primera (tamén editado pola editorial Base). O tenista Sergi Bruguera recomenda un clásico do noso tempo: Una confabulació d’imbècils, de J. Kennedy Toole (edició en catalán e castelán Anagrama; a edición catalá, co título que se reproduce, é de Xavier Pàmies; existe outra versión máis vella, publicada en 1988 pola editorial Pòrtic, realizada por Maria Antònia Oliver co título: Una conxorxa d’enzes: se a versión da Oliver non é mala, a verdade é que a de Pàmies a supera. Non obstante reivindiquemos a Oliver, máis como tradutora que como novelista: a súa versión, ao catalán, de Moby Dick é moi superior á versión española de José María Valverde; e con moito). E xa que falamos dun Valverde, outro Valverde, Ernesto, o míster do Barça (lector compulsivo, segundo voces), recomenda o libro colectivo Relatos solidarios del deporte, cuxos beneficios, este ano, se destinan á Asociación Proactiva Open Arms, ONG que se dedica a salvar inmigrantes que atravesan o Mediterráneo en «pateras». Lembremos que hai unhas semanas a «xustiza» italiana tratou esta ONG a patadas mentres os mercadores de homes e mulleres africanos, e non africanos, se pasean libremente polos xardíns de occidente. A edición deste libro, que se publica cada ano, foi presentada por Ernesto Valverde, precisamente, quen dixo, na presentación, que os membros destas ONG eran os verdadeiros heroes do noso tempo, e non os futbolistas, aínda que para a Unión Europea os verdadeiros heroes deben ser os tripulantes das «patrulleiras» libias xa que estas están subvencionadas pola UE, mentres que a estas ONGs lles nega o pan e o sal e lles ofrece o pan e a auga do cárcere. O mesmo título é recomendado polo secretario xeral de deportes da Generalitat, Gerard Figueras. Pola súa parte, o hoxe ex adestrador do Espanyol, Quique Sánchez Flores, recomenda Buzón del tiempo, de Mario Benedetti (Alfaguara) e R. Rodríguez “Monchi”, director deportivo do Roma: A arte da guerra, de Sun Tzu (versión galega de Xulio Ríos, Teófilo Comunicación)

O secretario xeral da UGT en Cataluña, Camil Ros, recomenda La mujer justa, de Sandor Marai (Salamadra en castelán; La dona justa, Edicións 62, en catalán). Arancha Algas, conselleira delegada de Boboli: Berta Isla, de Javier Marías (Alfaguara), Domiciano Sandoval, líder da Marea pensionaista en Cataluña: Sis homenots i una dona, de Ponç Feliu Llansa (Icária): «É a historia do Col·lectiu Ronda, de como se pode vivir sen pensar soamente nos cartos e ofrecendo asistencia ás persoas que non a poden pagar»; Pau Relat, presidente de Femcat (unha fundación privada de empresarios) decántase por Turbulèncias i tribulacions, de Andreu Mas-Colell (Edicions 62), ex-conselleiro de economía e finanzas de Artur Mas, e outros: «Unha ollada honesta dunha persoa extraordinaria sobre unha xeira moi complicada de crise do noso país».

Como comprobará o/a lector/a, lecturas para todos os gustos e desgustos e máis dunha mentira por parte dalgún «recomendador».


Source: BIOSBARDIA

2018-05-09T21:24:33+00:00 09 / 05 / 2018|BiosBardia|