Reedición dun clásico da poesía actual

Inicio/Actualidade Literaria/Reedición dun clásico da poesía actual

Reedición dun clásico da poesía actual

Luísa Castro tiña 22 anos cando publicou Baleas e baleas. Corría o ano 1988 e daquela a poesía galega vivía dacabalo entre o esteticismo de moitas das propostas da década que morría e a renovación que provocaría a moi famosa Xeración dos 90. Castro propuña unha poesía de espírito pizarnikiano, enorme ambición literaria e a forza sen filtro de imaxes e silencios.

Baleas e baleas segue a ser o único libro de poesía que a escritora de Foz publicou en galego e a pesar diso garantiulle para sempre á autora estar na biblioteca de clásicos contemporáneos. Os poemas desta obra seguen a inspirar as novas voces. Moitos autores novos recoñécense herdeiros deste poemario.

Para conmemorar o 30º aniversario da publicación do libro, Galaxia reedita agora Baleas e baleas na colección ‘Dombate’. Unha oportunidade para reler ou para adquirir esta xoia literaria que non deixa indiferentes a quen ama a poesía. Percorrido estremecedor polas entrañas íntimas dun universo artístico inacabable.

2018-10-11T16:20:17+00:00 11 / 10 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario