A psicanálise non serve para nada

Inicio/Actualidade Literaria/A psicanálise non serve para nada

A psicanálise non serve para nada

Hai libros que se len para entender o mundo e outros que se len para coñecer e tamén entender as persoas que teiman en darnos unha explicación heterodoxa dese mundo no que vivimos. Doctor Portuondo. Mis días de psicoanálisis con un sabio desquiciado, de Carlo Padial (publicado por Blackie) é un destes.

O Portuondo que titula o libro era un psicanalista cubano afincado en Barcelona e que foi o terapeuta do autor deste libro. Esta obra é moitas cousas: unha confesión de Padial, que se autodefine como neurótico autocontrolado, unha aproximación desde a cercanía aos límites e posibilidades da psicanálise e un retrato, cheo de graza e de potencia narrativa, á figura do propio doutor, cuxas frases ferintes, extravagantes, improbables e ácidas deixan o lector tan descolocado como a moitos dos seus pacientes, que fuxían do seu despacho entre urros do psiquiatra cos ollos alagados en bágoas.

Entre as frases de Portuondo, unha xenial: “A psicanálise non serve para nada”. Mais o psicanalista non buscaba con ela quedar sen traballo senón explicar a enorme confusión dunha parte das persoas con problemas de conduta ou infelices coa súa vida, que recorren aos profesionais co único obxectivo de resolveren ás présas os seus trastornos. Na era da pastilla máxica e dos libros de autoaxuda, Portuondo insiste: o importante é coñecerte e aceptarte. Só así poderás estar ben contigo mesmo.

O autor, Carlo Padial, conta no libro que Portuondo conseguiu que non acabase autista e conseguise canalizar a súa neurose e ter unha vida normal. Máis ca normal. Á parte de escribir, o catalán é director de cinema e guionista de audiovisual.

Gustarache se: vías a serie House, cansaches de Jorge Bucay, admiras a Freud, a Lacan, a Klein…

2017-09-20T12:11:36+00:00 20 / 09 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario