A primeira novela galega sobre a crise

Inicio/Actualidade Literaria/A primeira novela galega sobre a crise

A primeira novela galega sobre a crise

Miguel Sande gañou o Premio García Barros 2016 con A candidata, novela publicada por Galaxia que se pode considerar a primeira na que fala das consecuencias da crise económica iniciada no 2008 sobre unha familia galega.

A obra está composta a base de monólogos interiores, correntes líricas do pensamento que nos amosan o día a día, os desafíos cotiáns ante unha situación de extrema dificultade e nun contexto de derrubamento da harmonía familiar dun matrimonio cunha filla adolescente. Mais os monólogos tamén nos ensinan esa parte descoñecida das personaxes femininas, os seus desexos máis ocultos, as obsesións que transitan pola súa mente, tamén as arelas.

O libro, á parte de construír unha trama na que nin todo é como parece, dá unha bóla de osixeno cívica ao redor das novas formas de facer política, especialmente o que supuxo de esperanza o movemento asembleario do 15-M do 2011 e como unha nova xeración optou por participar na discusión pública, cos seus acertos e erros.

A candidata é un dos libros máis interesantes da última literatura para adultos en lingua galega e propón unha historia orixinal, con substancia, contada dun xeito propio, afastado de calquera convencionalismo, co que consegue unha autenticidade moi agradecida.

Gustarache se: entendes a literatura como unha arte viva, capaz de achegarse ao tempo no que vivimos cunha mirada poética.

Autores relacionados: Virgnia Woolf, James Joyce, Juan Goytisolo, Anxo Rei Ballesteros.

2017-06-29T10:25:43+00:00 29 / 06 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario