A primeira novela de Joan Didion, pequena obra mestra

Inicio/Actualidade Literaria/A primeira novela de Joan Didion, pequena obra mestra

A primeira novela de Joan Didion, pequena obra mestra

Xa sabedes que na Aira das Letras gostamos moito das editoriais pequenas. Afortunadamente vivimos unha era dourada para a edición case artesanal que intenta promover novas voces literarias fronte aos best-sellers.

Unha destas empresas é Gatopardo, que ten un catálogo elegante e cheo de traballos interesantes. E hoxe queremos destacar de entre o ramallete de obras publicadas, Río revuelto, de Joan Didion, unha pequena obra mestra da autora californiana. Curiosamente, esta foi a primeira novela publicada pola autora.

Río revuelto tivo unha azarosa vida editorial. Estivo no correo de doce editoriais e tardou sete anos en estar rematada. A escritora compuxo a obra nos tempos en que era redactora da revista Vogue e aínda non se convertera na grande escritora que logo foi.

A novela desenvólvese nun período de 30 anos e conta a vida dos McClellan, unha familia de California. A protagonista é a personaxe de Lily, cerne dunha obra narrativa de ao redor de 300 páxinas polas que van discorrendo os grandes problemas da vida contemporánea: desde a fin do amor conxugal ao baleiro existencial.

Amais dun relato íntimo, Río revuelto é tamén un fresco sobre o cambio social que en California finiquitou os restos do soño americano. Didion non só é boa describindo personaxes e intuíndo os puntos febles da vivencia humana senón que tamén ten un olfacto especial para captar iso que se denomina o “espírito dunha época”, polo que a lectura desta novela tamén nos serve para coñecer un pouco mellor a historia recente dos EUA.

2019-01-10T14:52:22+00:00 10 / 01 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario