Por que escribe vostede (e II)

Inicio/Blogs/BiosBardia/Por que escribe vostede (e II)

Por que escribe vostede (e II)

Jorge Luis Borges (esquerda) e Adolfo Bioy Casares.

Xesús González Gómez.

O “hors-série” de Libération iniciábase coa resposta do único supervivente dos tres directores de Littérature, Philippe Soupault, que contaba daquela coa provecta idade de 88 anos (morrería cinco anos máis tarde, en 1990). A resposta de Soupault era concisa: “Escribo para me divertir”, e viñan logo as 399 respostas seguintes, moitas das cales foron recollidas no mencionado libro publicado por Fuentaja. Libro que engade, como dixemos, respostas tiradas doutros libros dos que se dá cumprida noticia bibliográfica.

Vexamos, xa que logo, algunhas das respostas. Avanzamos que citamos máis autores occidentais porque son coñecidos polo lector, non por outra cousa. Tamén privilexiamos aqueles escritores que dan unha resposta concisa e non se enrolan páxinas e páxinas para acabar dicindo case nada, porque unha cousa é certa: os dadá sabían por que facían a enquisa e sabían que a pregunta era, sinxelamente, unha parvada.

O portugués Augusto Abelaira afirma que escribe porque “Como boto de menos certos libros que aínda non existen, intento escribilos eu mesmo. Sen éxito (continúo a lamentar a súa ausencia), pero quizais o consiga algún día, por que non?” Ambicioso motivo que, polo que eu lin de Abelaira, acho que nunca alcanzou o seu obxectivo. O poeta español Rafael Alberti di: “Sempre pensei que era para me comunicar o máis claramente posíbel cos que me len e me escoitan. Incluso nas miñas épocas de maior hermetismo pretendín a claridade […]”. A arxentina Gloria Alcorta, por certo, amiga de Alberti dicía: “[…] escribo para enganar a angustia, porque teño medo, para non naufragar, para me sentir viva, aínda un pouco, coa esperanza de que no momento desexado, o amigo descoñecido, tan caro a Supervielle, me tenda a man dun continente a outro […]”. Jorge Amado afirmaba que escribía por dúas razóns: “Primeiro, para responder a unha necesidade interior, a unha vocación invencíbel; aínda que quixese, seríame imposíbel non escribir […]. Por outra parte, escribo para ser lido, influír sobre a xente, e contribuír á modificación da realidade do meu país, creando para o pobo que sofre a perspectiva dunha vida mellor, e erguendo alto as bandeiras de loita e esperanza […]”. O poeta, ao meu ver sobrevalorado, Saint-John-Perse afirmaba que el escribía poesía: “Para vivir mellor e máis lonxe”, e adiviñe o lector o que pode significar ese “máis lonxe” (plus loin), mais se non se leu o poeta francés, o “máis lonxe” ficará sempre nebuloso.

O cubano Reynaldo Arenas viña a pór un pouco as cousas no seu sitio: “Por que escribo? Non o sei. Xamais intentei sabelo, mais sospeito que se o intentase non tería unha resposta satisfactoria e se a obtivese, quizais incluso deixase de escribir. Pois, para min, escribir é unha fatalidade, non unha razón; unha forza natural, non unha interpretación […]”. Resposta que se achega un pouco á de Charles Bukoswki, ou viceversa, a do norteamericano á do cubano: “Se soubese porque escribo, non sería capaz de escribir”. O romanés George Balaite dicía que escribía “porque creo firmemente que teño algo que dicir. Porque teño gañas de contar, porque estou convencido de poder ser útil […]”. En troques Agustina Bessa-Luís afirmaba que escribía “para desilusionar merecidamente, que é unha forma de que os demais te lembren con virtudes”, e agora póñanse vostedes a desenguedellar este sarillo. A motivación de Adolfo Bioy Casares é, talvez, unha das máis profundas, e non é ironía por parte miña: “Escribo porque probabelmente me asemello ao barbeiro de Tom Jones: cando aprendía unha boa historia tiña que contala”, porque, quen sabendo unha boa historia sobre o seu veciño non sente uns irreprimíbeis desexos de contala? En cambio, o seu amigo Jorge Luis Borges dicía que escribía “para responder a unha urxencia, a unha necesidade interior”. Con Borges hai que ir con coidado, de seguro que ao longo da súa vida deu máis de vinte razóns de porque escribía. Outra resposta clara, a do escocés, inglés, nacido en Ghana, William Boyd: “Escribo porque quero […]”. O romanés Nicolae Breban afirma: “Escribo por medo e por pracer. Por necesidade, por suposto, doutra maneira sería inmoral […]”, mentres que o peruano Bryce Echenique, como tantos outros: “Escribo para que me queiran máis e porque, francamente, acho que é o único co que podo ser útil nesta vida […]”; claro que pode haber algún lector que pense que mellor se dedicase, por exemplo, a plantar repolos, sobre todo despois de ler algunhas das súas últimas novelas. O italiano Italo Calvino escribe “porque nunca estou completamente satisfeito co que escribín, e gustaríame, dunha forma ou outra, corrixilo, completalo, para propor outra solución […]”, ora, pode acontecer que esas correccións estraguen a primeira versión, como aconteceu con poemas de Juan Ramón Jiménez ou o portugués Mário Cesariny. En cambio, o seu compatriota, de Italo Calvino, Ferdinand Camon, teno moi claro: “Escribo por vinganza. Non por xustiza, non por santidade. En todo o caso, sinto no meu interior que esta vinganza é xusta, santa, gloriosa.// Miña nai só sabía escribir o seu nome e o seu apelido. Meu pai un pouco máis ]…]”. O finés Bo Carpelan dá unha resposta moi recorrente: “Escribo porque é a única maneira que teño de aprender cousas sobre min mesmo e, grazas a este coñecemento, a única maneira de comprender o mundo que me arrodea” –esperemos, de paso, que tamén axude aos seus lectores, non a se comprenderen a si mesmos, mais si a comprenderen o mundo. Case o mesmo, máis con outras palabras, afirmaba o italiano Alberto Moravia: “Escribo para saber por que escribo”.

Hainos, ou hainas, que senten a escrita como unha obriga. É o que lle acontece á escritora australiana Nancy Cato: “escribo porque debo facelo. Non podo imaxinar vivir sen escribir. É como respirar […]”; home, ou muller, mellor dito, non esaxeremos… Se hai quen sente a escrita como unha obriga, para o escritor norteamericano Jerome Charyn escribir é unha terapia: “Escribo para non tolear. Mais tolear talvez non sexa tan mala idea; iso podería curarme do poder que as palabras exercen sobre min […]”. Hai escritores que teñen a tira de razóns para escribir, entre eles o estadounidense Robert Coover, que entrega 21. Reproduzamos a primeira e máis a última: “Porque a arte insufla vida ao que non ten vida, morte ao que é eterno […], e porque, infelizmente, hai algunha outra cousa”. Outro dos que dá infinidade de motivos, é o peruano Julio Ramón Ribeyro, cuxa visita (ás súas obras, sobre todos os seus contos e relatos) recomendamos encarecidamente. Da ducia de motivos polos que escribía Rybeiro, reproduzamos o último: “Para continuar a existir, unha vez morto, aínda que só sexa baixo a forma dun libro, como unha voz que alguén escoitará. En cada lector futuro, renacemos”. Entre as outras razóns ou motivos, algún xa coñecido: “Porque me divirte” ou “Para contar algo que mereza ser contado”, etc. O mexicano Salvador Elizondo é outro daqueles que o ten moi claro: “Escribo. Escribo que escribo, etc.”. Quen o ten moi claro é o portugués Almeida Faria, na esteira de Reynaldo Arenas e Bukowski: “Se soubese porque escribo, probabelmente non escribiría […]”, aínda que ao final engada aquilo de que “escribo vagamente para ser feliz” mentres o suízo, de expresión alemá, Max Frisch afirma que “A resposta máis sinxela é a de Faulkner: para gañar a vida”; logo fai unhas cantas variacións, mais no fundamental remítese á resposta faulkneriana. En cambio, o poeta español Jaime Gil de Biedma “escribe por ter escrito”, e o cidadán dos USA William Glass: “para acusar a humanidade […]”. O escritor e xornalista da mesma nacionalidade, Michael Herr afirma: “Non escribo para ser comprendido nin para semellar o que son. Senón porque penso que a linguaxe é o principal […]”

A portuguesa Lídia Jorge, como se bordase sobre as respostas do seu compatriota Almeida Faria, afirma: “Sei claramente que escribo para ser feliz, no entanto non sei por que escribo. Acho ás veces que escribo porque a existencia me afoga, outras veces porque xulgo que son outra persoa, o que vén ser o mesmo”. E o iugoslavo Danilo Kis proclama que escribe “porque estou descontento comigo mesmo. Para expresar este descontento, para sobrevivir!” Ora, un dos que se achega, acho eu, á verdadeira problemática é o polaco Tadeusz Komwicki xa que escribe, afirma, “porque non teño abondo vontade para deixar de escribir […]”, e é que non é Rimbaud quen pode, e ás veces mesmo nin quen quere. Se Lídia Jorge afirmaba que ás veces xulgaba ser outra persoa e por iso escribía, o holandés Harry Mulisch (nada a ver co personaxe –sic– principal de Laura no deserto) declara: “Escribo porque os meus personaxes constitúen o meu segundo corpo, que me sobrevivirá, e todas as outras consideracións son secundarias”. Seica a “supervivencia”, como a felicidade, é un grande acicate para escribir, talvez. Ora, se os hai que escriben á contra, a favor, para ser feliz, para sobrevivir, para se comunicar, tamén hai quen afirma que “escribo por noxo. Por noxo a min mesmo e ao mundo que chegamos a construír […]”, como o colombiano Álvaro Mutis, aínda que logo dá algunha razón ou motivo máis. E os motivos da anglo-irlandesa Iris Murdoch son varios: “Escribo porque me gusta; porque me gusta a arte con maiúsculas, réndolle culto, e porque quero producir belas obras de arte […]”.

Como imos vendo, hai motivos e razón para vender, dar, e regalar. Uns razoan estes motivos en diversas páxinas, outros tiran para adiante con poucas frases: “A miña resposta é tan simple como inútil: non sei por que escribo […]”, Juan-Carlos Onetti. Outros, a maioría, si que o saben: Ricardo Piglia, arxentino de nación: “Porque o mundo de ficción me intriga: a circulación das historias, os disfraces da lingua e o poder de crear […]”; “Porque é o compromiso máis forte que teño coa vida […]”, afirma Nélida Piñón e o seu compatriota João Ubaldo Ribeiro dinos que “a estas alturas escribo porque non teño outra habilidade […]”. Como Onetti, Alain Robbe-Grillet, o pai do hoxe menos famoso nouveau roman, proclama: “Escribo novelas desde os 35 anos. Aínda non sei por que […]”, pregunta, sen dúbida, que se fan ou fixeron multitude de lectores seus que non pertencen a departamentos universitarios. Se no servizo militar dicían que a experiencia era un grado, non hai dúbida de que na literatura acontece o mesmo, ou case. Philippe Roth teno moi claro: “non contestarei. Necesitaría a vida enteira para dar unha resposta”. E é que despois de tantas novelas, e tanto éxito, Roth, que hai un tempo afirmou que non escribiría máis novelas, sabe do que fala. Resposta rápida e contundente, a do Nobel nixeriano Wole Soyinka: “é o meu lado masoquista, supoño”. E, para acabarmos, unha resposta clásica: o alemán de orixe xudía e escritor inglés Fred Uhlman afirma que escribe “Para estar en contacto co maior número posíbel de persoas intelixentes. E por necesidade”.

E os escritores galegos? Alguén, con paciencia, pode esculcalo. Procurando poéticas, declaracións, entrevistas, a non ser que lle dea polo sistema máis doado: enviar unha carta (un email, que así sae máis barato) coa pregunta ás direccións da AELG e do Pen Club para que contesten os seus afiliados e lle pasen logo as respostas. Mentres ese tempo non chega, que diriamos parafraseando a Celso Emilio, vexamos algunhas, moi poucas, xa que comeza a ir calor en Barcelona e un non ten ganas de fozar na súa caótica biblioteca.

Domingo García-Sabell: “Iste Xornal axúdame a coñecerme mellor a min mesmo. o perigo das Memorias é o de vivir con vistas ó que nelas se vai poñer. A min non me sucede. […] Bó exercicio de autocoñecemento” (“Paxinas do Xornal”, Grial 19, xaneiro-febreiro-marzo 1968). As dúas respostas que seguen están tiradas do mesmo libro, Mª Victoria Moreno Márquez, Los Novísimos de la poesía gallega, Madrid, Akal Editor, 1973. Lois (sic) Álvarez Pousa: “Que por que me dedico ás letras? Porque non sei traballar doutra maneira. Eu non sei traballar a terra. Son, neste sentido, un privilexiado da sorte, aínda que a min esta idea nunca me convenceu” –que saibamos, Álvarez Pousa non publicou máis que un libro de poemas, Os cas da vida, non vou dicir aquilo de por sorte de todos, pero podía dicilo. Félix Vergara Vilariño: “Soamente escribo para librarme un pouco do cabreo que levo comigo, e como isto do cabreo é un mal comunitario, quizais os meus escritos axuden a alguén a pasar os seus malos ratos”. Ás veces, a resposta pódese encontrar dentro dunha resposta a unha pregunta máis xeral, como esta de Uxío Novoneira: “Cando estou exercendo a vitalidade, non escribo poemas. Só en estados excepcionais, límites, de silencio e soidade, si escribo. Cando teño algo que vivir, non escribo […] (In Luis Rei Núñez, Oficio de escribir, Sada, Ediciós do Castro, 1990). Da resposta de Novoneira, acho, pódese deducir que o do Courel escribía, como o tenente Gahl, de Pan, “para abreviar o tempo”.

Das respostas que se transcribiron, en xeral, penso que a pregunta que se debe facer un escritor hoxe (e a un escritor, se se quere facer tal tipo de preguntas) non é xa Por que escribe vostede?, senón Para que escribe vostede? Esta pregunta supoño que é motivo de reflexión para moitos escritores, senón para todos. No entanto, esta reflexión non semella que teña moitos adeptos entre nós, así que recomendamos a autopoética que Francisco Salinas entregou en De amor e Desamor (Ediciós do Castro, 1984), que é, sobre todo, un texto “pioneiro”. Como pioneiro, sobre o tema é o texto de Dolores Vilavedra “Algunhas calas no discurso metaliterario galego nos 80 e nos 90” (Cinguidos nunha arela común: Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero I, Santiago de Compostela, USC, 1999, pp. 1563-1576)[1].

[1] Non dubibo que haxa máis “reflexións” sobre o tema, simplemente acontece que eu non as coñezo.


Source: BIOSBARDIA

2017-06-13T19:39:13+00:00 13 / 06 / 2017|BiosBardia|