Poema á muller galega

Poema á muller galega

1
É criminal, no tempo que corremos,
comparar a muller a mais a flor
cando as mulleres de Galicia
teñen que emigrar
pra Francia, Suíza i Alemania
como antes emigraban
pra Cuba, Arxentina e Venezuela.
As mulleres galegas non teñen
luceiros en vez de ollos
senón tristura arrepiante
de ollar un mundo inxusto
que está ó seu redor.
Voltáronse roxos os seus ollos
de chorar polo home que se foi,
polo fillo que non volta,
polo pai que hai anos non escribe.
Os seus ollos na lonxanía están chantados
porque a barca na que saíu o compañeiro
non ten traza ningunha de voltar.
As mulleres galegas teñen
dediante da súa ollada
eidos sen labrar,
ermos, incultos,
e son elas as que empuñan a rabela
como quen ergue unha bandeira
pra obrigar á terra,
ó escuro terrón edurecido,
a parir o pan de cada día.
A muller galega non ten
-testigo son, podo xuralo-
en vez de dentes, pérolas,
nin risas musicais cristaíñas:
os seus dentes roen broa de millo,
pan centeo,
a realidade dura como un seixo;
i estas cousas que non
teñen chiste algún
tóllenlles os desexos de sorrir.
A muller galega -tomade boa nota, a ver
si o deprendedes dunha vez-
non ten a pel de lilio ou azucena,
senón unha pel queimada polo sol,
petada polos ventos,
lavada polas choivas,
enfeitizada polas neves,
pola xeada endurecida,
arrecendendo a mar,
a campía i a carqueixa.
Tampouco ten o corpo de bimbio,
senón un corpo duro, resistente,
cangado polo traballo,
dobregado pola probeza,
vencido polo labourar arreo,
sen trégolas nin descanso.
A muller galega non é dona
-tirádeo da cachola- nin a ama,
nin a raíña do fogar,
senón a compañeira fiel,
valente i amorosa
igual ó home na loita cotra a vida.
Non ten beizos de fresa ou de coral;
os seus beizos están pechos,
apertados pola dor i a carraxe.
As súas orellas certamente non son
caracolas de nacre ou pétalos de rosas:
están feitas de terra
i escoitan con toda claridade
a voz dos fillos
pedindo pan a berros.
Tampouco a súa sorrisa é
un ario de sol da primaveira:
é unha luz morta, cincenta
como unha tarde pecha do inverno,
un suco acedo
aberto pra tristura.
As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polo poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:
eles, tan sensibles, non podían
adicarlles rondós e madrigales,
sonetos perfetísimos
a donas que falan en galego,
que son forza do pobo,
porque non teñen xeitos requintados,
deprendidos en colexos elegantes,
nin vestidos fermosos,
nin frases retorneadas
-nunca foro á escola,
nin alternaron tampouco en socieade-
i as súas maus non se semellan
ás azas dos paxaros,
nin teñen soavidades de veludo:
están encallecidas polo traballo,
son duras como as pedras,
só tenras pro garimo,
con soavidades de mel
pra perdoar e comprender,
pra sementar tenrura e máis amor,
pra arrincar odios.

2
… E un lembra a Etheria, a peleriña;
a María Baleria, a xograresa;
á doce, fonda, tristeira e veradeira
nai de Galicia, Rosalía;
á Pardo Bazán, tan segura de si
e tan sabida; á valente María Pita;
a Concepción Arenal, escoando amor,
dun xeito inesgotable…
Galicia é unha muller.
Galicia, néboa imprecisa,
río ó que nun se lle ve o fondo,
dor que nos manca,
casa de canteira tan velliña,
ten nome femenino,
un nome moi fermoso de muller.
Galicia, nosa nai,
nosa dona,
nosa irmá,
nosa amiga.
Galicia noso desacougo
e nosa vida.
Tódalas nosa mulleres son Galicia:
voz que nos chama e nos arrola,
luz que nos aluma,
amor que nos acende;
tenrura que aceiamos
e nos compre.
¡Esperanza ergueita
cara un futuro limpo,
noso,
que agardamos!

Manuel María. Publicado en De Remol.

2017-03-15T08:50:29+00:00 06 / 05 / 2016|2016 Concurso Día das Letras Galegas|

Deixe o seu comentario