‘Plug & Play’, antoloxía desigual no fondo, semellante de máis na forma

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Plug & Play’, antoloxía desigual no fondo, semellante de máis na forma

‘Plug & Play’, antoloxía desigual no fondo, semellante de máis na forma

Un home esperta abraiado e conmovido ao se decatar de que se deitou cun robot feminoide.

Eva Moreda.

Preséntase Plug & Play (Contos Estraños/Urco Editora, 2015) como unha “antoloxía galega de ciencia ficción erótica”. Non é este un xénero ou subxénero do que tivese eu gran conciencia como lectora, e teño que dicir que os dous primeiros contos (“Ío Cuarta”, de Mariña Pérez Rei, e “Protogaia, o Paraíso”, de Manuel Lourenzo González) confirmaron os meus peores temores, baseados no que coñezo de literatura de ficción científica, literatura distópica e o rol que o sexo tende a adoptar nestes tipos de literatura. Descríbese en ambos relatos (e en case todos os do libro, en realidade) unha sociedade humana futura tecnoloxicamente moi avanzada e capaz de establecer relacións con todo tipo de máquinas humanizadas, cyborgs e alieníxenas, e ao mesmo tempo moi xerarquizada e autoritaria, pero organizada de tal xeito que todo o mundo está máis ou menos contento co seu destino e case ninguén protesta. Neste tipo de sociedade, o sexo vén sendo un dos mecanismos utilizados polos dirixentes para procurar a satisfacción dos seus súbditos e con iso o control social, ao estilo do que xa viamos en Un mundo feliz.

Por suposto, ningún problema hai por traballar algúns destes tropos, que xa son mesmo ineludibles e esperables na ciencia ficción ou ficción distópica; o que si sería desexable sería unha certa elaboración literaria (xa non digo innovadora, senón correcta) e/ou unha ollada nova sobre os dilemas éticos e sociais que se presentan. Infelizmente, as estratexias seguidas por estes dous autores non conseguen que se materialice nada disto. Hai en ambos casos unha extrema preocupación por presentar cadanseu mundo imaxinado con gran detalle nos seus aspectos tecnolóxicos e sociais e dotar estes detalles dun contido moral inequívoco. A estratexia adoptada para isto é un estilo moi descritivo, realista (no sentido en que pretende describir a realidade tal e como é, por moito que esta realidade sexa imaxinaria) e que acaba buscando a poética, como sucede adoito nas nosas letras, na acumulación inane de adxectivos e nos excesos expresivos: ao final, a conclusión que levamos de ambos relatos é unha advertencia un pouco simplista cara aos perigos da innovación tecnolóxica. “Ío Cuarta” como “Protogaia, o Paraíso” gañan os dous cara ao final, cando os autores se precipitan cara a un final aberto no que se lles ve máis dispostos a deixar voar a imaxinación e a linguaxe en lugar de controlalos rixidamente.

A partir de aí, algo mellora a cousa, aínda que sexa timidamente. En “Preta Pretinha”, Xesús Constenla introduce unha interesante variación dos tópicos arriba descritos presentando a experiencia sexual clandestina como posible evasión (ou non) dunha sociedade autoritaria. Constenla deseña de xeito un tanto impresionista un mundo distópico con estética de campo de concentración nazi que resulta atractivo (literariamente, enténdese). Noutros aspectos, porén, o relato é se cadra o exemplo máis claro en todo o libro dalgunhas das pexas descritas máis arriba. Por exemplo, o relato preséntase como unha carta que o narrador (sometido por esta sociedade distópica) lanza cal botella ao mar a calquera compañeiro de escravitude que a queira recoller. Se o compañeiro ou compañeira vive inmerso nesta sociedade –pensamos– non precisará de tanta descrición nin tanto detalle sobre as orixes dese mundo, pero Constenla nolos dá, porque quen si os precisa é o lector. Roque Rei (que entendo é un alter ego de Xerardo Méndez) proporciona outra suxestiva volta á torniqueta do tropo en “Reprodución asistida. A pena negra”: desta vez fala unha máquina á que lle está negado coñecer os praceres do sexo. En todo o libro, é neste relato onde vexo unha maior vontade de experimentación no que respecta á linguaxe e á estrutura utilizadas: á fin, unha máquina non ten por que falar como falamos os humanos; pode que o que lle resulte estraño non sexa só a mecánica do sexo senón a linguaxe metafórica que empregamos ás veces para describila ou imaxinala, etc. Si que podía haber algo máis de decisión no editar algún do detalle excesivo do que sofre tamén este relato.

“Hendra”, de Ramón Caride Ogando, é o relato que revela meirande oficio na creación de mundos de ficción científica: nótase que o autor é pioneiro do xénero entre nós. Non sei se este se pode considerar, en puridade, un relato erótico (non ten por que haber escenas explícitas, pero o que hai é tan sutil que apenas roza a categoría de sexual), aínda que se cadra non importa. Malia o exceso de detalle informativo, hai unha alternancia moi atractiva entre a primeira persoa de plural e de singular e un certo ton de in media res que dá a impresión de que nos poderiamos atopar fronte a un episodio de, por exemplo, unha restra de novelas de serie B. Algo estragado queda este clima ao chegar ao desenlace, que resulta un tanto arbitrario e precipitado.

María Alonso Alonso é a autora que máis claramente intenta crear un mundo imaxinario que saia do tópico: “Aokigahara” está ambientado nun Xapón postapocalíptico e, con moi bo criterio, a descrición e xénese deste mundo fican reducidas ao mínimo. Se cadra polo inusual da ambientación, ten o relato un ton de lenda que resulta moi atractivo (aínda que sexa non exactamente inédito no xénero), un pouco diminuído o efecto por algúns dos defectos estilísticos que xa sinalei antes: resulta bastante triste constatar nunha compilación de relatos de varios autores que as diferenzas estilísticas son mínimas; por algunha razón (presión do que lles gusta aos xurados, ou do que cremos que lles gusta aos xurados? falta de tempo? falta de modelos?) estamos a escribir xa todos nunha especie de koiné que nin intenta copiar a lingua coloquial, nin aposta decididamente por unha artificiosidade que poida crear valor estético.

“Unha praia vermella moi lonxe”, de Moncho Mariño (xa case unha noveleta coas súas cincuenta e unha páxinas), é pura serie B: clima postapocalíptico, guerras de civilización, mundos cuaseparalelos, intriga e acción a cachón e sexo lésbico. A información contextual sobre este mundo está presentada a base de fragmentos textuais dunha suposta crónica (non exactamente novo: xa o fixo Frank Herbert en Dune, por poñer un exemplo, pero a Mariño funciónalle) e a linguaxe non ten maior complicación. Non é un deses estilos que soa sinxelo pero nótase que ten horas de traballo detrás; nótase máis ben que Mariño optou por non complicarse e renunciou de entrada á poética. Algunhas liñas hai un pouco pedestres, pero polo menos evítase o requintamento e conséguese que o lector se centre na acción, que neste tipo de textos é o que importa. Confeso que foi este, de todo o libro, o relato que máis me enganchou: igual te pode enganchar, unha tarde de domingo, un bol de patacas fritidas aínda que teñas a man un sanísimo smoothie: e máis aínda se o smoothie está feito con froitas e verduras que aínda teñen que acadar o seu punto de maduración.

♦Plug & Play, de  varios autores. Contos Estraños/Urco, 2015. 167 páxinas. ♠15€


Source: BIOSBARDIA

2018-05-31T08:54:14+00:00 31 / 05 / 2018|BiosBardia|