‘Peza a peza’ vs ‘Nota xunto ao reloxo Enicar’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Peza a peza’ vs ‘Nota xunto ao reloxo Enicar’

‘Peza a peza’ vs ‘Nota xunto ao reloxo Enicar’

Tripas dun reloxo. DAVID/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo D. Guillermo Rodicio contra Fran Castiñeira. Tema: Reloxeiro.

Peza a peza

Oficio e perfil: G. E. era ben coñecido no barrio e na cidade. Posuía un modesto negocio de venda e reparación de reloxaría e contaba con sona de traballador, eficiente e honesto coa súa clientela. Tamén de ser algo solitario e retraído, mais non asocial: era amable, bo conversador e educado. Viúvo, sen fillos, doenzas propias da idade (60 anos).

Antecedentes e afección política: A G. E. nunca se lle coñeceron actividades conspiratorias, violentas ou sediciosas até o día dos feitos. Nunca se lle sospeitou desafección ao Noso Líder. Nos círculos de rebeldes e sediciosos, onde temos infiltrados, o seu nome era de todo descoñecido.

Cómplices: por incrible que pareza, estamos certos de que o reloxeiro actuou completamente só. Mercou os explosivos no mercado negro e o mecanismo de reloxaría montouno el mesmo, como se detallará.

Por todo o exposto, a conduta de G.E. nunca espertou sospeitas, nin nas autoridades, nin tampouco entre o seu contorno.

Segundo o persoal da Cervexaría onde o Noso Líder daría o discurso, o reloxeiro G.E. pechaba o seu negocio ás seis da tarde e acudía diariamente a cear ao local, moi próximo. Sentaba só e pedía sempre unha sopa ou unhas salchichas con pan e unha cervexa pequena. Nada salientable.

Os tres meses anteriores á visita o local estivo aberto ao público, pero estreitamente vixiado. É absolutamente imposible que alguén metese unha bomba de tales dimensións sen ser detectado. O reloxeiro G. E. pasou de ser un seareiro esporádico a, como xa dixemos, acudir a diario, nada estraño, xa que o evento aumentou a clientela da cervexaría desde meses antes.

Danos e vítimas: mentres o Noso Guía daba o seu discurso, estourou unha bomba nos baixos da cervexaría. Esboroou medio local, desde o teito até o soto. Contáronse quince mortos, entre eles moitos cargos do Partido, e un cento de feridos. Tristemente, o Noso Líder debátese entre a vida e a morte. O futuro da nosa Patria é escuro e os inimigos están á espreita. Que esta traxedia nos valla de lección.

As sospeitas apuntaron a el decontado, polos seus coñecementos de reloxaría, pero quedaba por saber como introduciu o artefacto. Atopamos un pequeno desparafusador de reloxaría no aseo, cos restos da bomba, e unha inscrición na táboa de madeira, case ilexible pola explosión: “Peza a peza”.

O reloxeiro introduciu a bomba desmontada e peza a peza, unha por día, ás veces, tan pequenas como a cabeza dun alfinete. Logo ía ao baño e ensamblábaas. Catro días antes do discurso deulle corda, foi á súa casa, colleu as maletas e desapareceu da cidade. Posiblemente estea no estranxeiro baixo unha entidade falsa, e probablemente no país dos reloxos, pero non cesaremos na nosa busca.

……………………………………………………………………….

Nota xunto ao reloxo Enicar

 

Querido fillo. De entre as miñas posesións que ao eu morrer pasarán a ser túas, creo necesario facer algunhas precisións acerca deste reloxo, que leva máis de setenta anos no meu pulso.

Lembro o día que o merquei. Foi no 2010 en Escocia, facía un curso de verán na Universidade de Edimburgo. Paseando polas rúas da cidade, chamou a miña atención unha vella reloxería, no cruce entre Holyrood e St.Mary. No interior, trebellos de todo tipo rebordaban en aparente desorde. Todos os mobles eran negros e nunha esquina dúas grandes teas tamén negras tapaban o que parecían uns expositores abandonados. O reloxeiro, un ancián con mandil de artesán, pulía unha esfera. Encheume o ollo o Enicar, así que preguntei por el. O home contoume que aquel reloxo de corda vendérallo había moitos anos un médico holandés porque deixara de funcionar; el conseguira arranxalo e levaba tanto tempo na tenda que ata lle daba pena despedirse del. Eu nunca levara reloxo, pero decidín compralo aínda que fose como recordo da agradable conversa que aquel velliño me dera.

Volvín a Edimburgo cinco anos despois, cuns amigos ao rematar o mestrado. Co uso, a correa do reloxo estaba nas últimas, así que aproveitei a visita para volver á reloxaría. Dubidaba que seguise aberta, o home semellara moi maior. Pero alí estaba, entre Holyrood e St.Mary. O reloxeiro recoñeceume en canto crucei a porta, o rapazote galego que comprara o Enicar do holandés. Aledoume que seguise activo e cunha memoria portentosa.

Cando casei coa túa mai fomos de lúa de mel a Escocia. Pasamos polo cruzamento de rúas en Edimburgo e a reloxaría permanecía alí. Supuxen que un fillo do reloxeiro collera o negocio do pai e decidín entrar saudalo. Estaba errado. O vello seguía detrás do mostrador, mesmo mandil, mesmo sorriso afable. Chamoume polo nome e xunto á correa que merquei regaloume outra. Hai que coidar os clientes leais.

Tiñas ti once anos cando volvemos a Edimburgo, polo traballo da túa mai. Non sabía se me atrevería a volver pola reloxería e leveite comigo como testemuña da miña lucidez. O reloxeiro mantíñase no sitio, indiferente a cada segundo dos últimos trinta anos. Nesa ocasión había outro ancián, observando tras as teas negras. Non te lembrarás, pero o reloxeiro revolveuche o pelo e comentou que parecía mentira o rápido que pasaba o tempo. Cando saímos da tenda eu tremía sen control.

O día que me xubilei marchei a Edimburgo sen contarllo a ninguén. Era eu xa tan vello como o reloxeiro. Ofreceume unha man e preguntoume se quería pasar a ver a trastenda. Entroume o pánico e escapei correndo.

Meu fillo. Paso hoxe dos noventa e asédiame a enfermidade. Témolle á morte. Non estou certo de a que renunciei, ou de cales eran as condicións. Non che conto nada disto en vida por medo a que penses que estou tolo. Pero cando leas esta nota eu xa non estarei, o Enicar será teu e túa será a decisión de volver á reloxaría de Edimburgo.


Source: BIOSBARDIA

2018-04-12T03:02:31+00:00 12 / 04 / 2018|BiosBardia|