Pedro Feixoo: “Quero usar a ficción para reflexionar sobre a historia”

Inicio/Blogs/BiosBardia/Pedro Feixoo: “Quero usar a ficción para reflexionar sobre a historia”

Pedro Feixoo: “Quero usar a ficción para reflexionar sobre a historia”

Pedro Feixoo publicou hai unhas semanas Os fillos do lume (Xerais), segunda parte da moi exitosa Os fillos do mar, primeira obra publicada polo autor. Recuperamos esta entrevista que se publicou na sección de Galicia de El País na primavera do 2012, para comprobar a evolución dun autor que gañou por méritos propios un lugar senlleiro no sistema editorial galego actual.

Xan Carballa.

Despois de 12 anos coa maleta de músico a medio facer, xirando con Los Feliz Lamatumbá, Pedro Feixoo (Vigo, 1975) irrompeu como novelista cando en 2011 foi finalista do Xerais. N’Os fillos do mar utiliza os mecanismos das obras de intriga e aventuras, combinando a investigación histórica e o espazo urbano de Vigo para tecer unha rede que atrapa o lector.

Reúne na súa persoa os papeis de músico, produtor musical e agora escritor, son estes vasos comunicantes?

Comecei na música de casualidade. Son filólogo e por diversas carambolas atopeime tocando, viaxando por todo o país e a raíz deses traballos empecei a producir música para outra xente. Cando rematei a carreira xa estaba de xira e gravando discos. Sempre fun atendendo diversas frontes e agora c’Os fillos do mar funcionando ben non é que vaia adicar a atención exclusiva aos libros. Son vías constantes, pero intento que ningún traballo sexa lixeiro. Igual que no estudio escollo moito con quen traballar e atendo con máis agarimo os proxectos que máis teñen que dicir, ese mesmo empeño é o que tento aplicar á literatura.

O rexistro dos libros que publicou é moi dispar. Estreouse cun estudo da presenza de Castelao no xornal Galicia de Valentín Paz-Andrade.

Aquel primeiro libro responde a unha investigación universitaria promovida polo catedrático Xesús Alonso Montero. A min atraeume sempre a figura de Castelao e grazas ao meu avó, o xornalista Manuel de la Fuente, púxenme no carreiro de Valentín Paz-Andrade, ao que coñecía das tertulias na Cafetería Goya, ás que de neno me levaba o avó. E sabía do seu libro de poemas Pranto Matricial. Pero foi escribindo este traballo, que despois publicou Díaz Pardo, cando coñecín a importancia do que representou no seu tempo o xornal Galicia e en concreto o seu director.

Despois editou ¡Viva o Fu Remol! (Xerais 2005), unha excursión intensa para compartir a súa experiencia na música, os anos en Los Feliz e Lamatumbá.

Hoxe as cousas están en baixada porque a crise chega a todas as partes pero en Vigo formar un grupo musical foi case, e aínda é, o hobby principal da xuventude. Se non toca alguén na túa casa seguro que tes amigos que están tocando. Cando o escribín acababa de deixar Los Feliz, que estaba nas listas de vendas e se movía por concertos en toda España, e entraba en Lamatumbá. Estas experiencias fixéronme pasar por todas as estacións e pensei que un libro podía contar a miña aprendizaxe, con cousas boas e malas, polas que todos os grupos habían pasar. O curioso é que só en cinco anos houbo moitas mudanzas na vida dos músicos, e máis que escribir unha segunda parte do libro habería que transformar a mentalidade da xente. Fíxate que nos últimos días meus en Lamatumbá, aínda se me achegou unha veciña que me coñecía de neno e díxome, “pero, ti aínda es músico ou xa traballas?”.

Ao remate de ¡Viva o Fu Remol! reivindicábase como home da cultura punk, entendida como unha postura ante a vida.

É unha actitude que asumo, e quizais só eu entendo o que quero dicir. Non me refiro a levar unha crista nin esa estética asociada. Da maneira en que eu o penso, Mozart era punk. Deféndoo como a idea de sacar adiante, contra todo obstáculo, aquilo no que cres, e se é preciso facelo por ti mesmo. Romper coa norma do ten-que-ser-así e pelexar polas miñas propias conviccións, polas miñas crenzas, sexan musicais ou literarias.

A crítica fala d’Os fillos do mar como un esforzo por escribir un libro que atrape os lectores cos engados dos libros de gran venda, pero con claves propias. Cal foi o seu punto de partida?

Non vai descamiñada a idea de falar de best-seller, pero máis como xogo que pensando no mercado. Pensei que aquí podería facerse un tipo de novela que teñen outras literaturas, cunha parte histórica, un ritmo rápido, con intriga… pero usando a riqueza dos elementos propios do país. Quizais sexa deformación de filólogo, pero eu preciso ter os elementos enriba da mesa antes de escribir: tiña a historia sempre misteriosa do ouro dos galeóns de Rande, a memoria dos anos da guerra e a posguerra, a idea dun protagonista que fose un antiheroe e tamén o espazo xeográfico de Vigo. Despois de ler con tantas ganas historias doutros apetecíame que fosen pezas galegas as que se ensamblasen e é por iso que escribín Os fillos do mar. Dáme medo resultar frívolo nesta formulación, pero creo que é o temos que facer.

Aínda así reclámase un certo rigor histórico máis alá das licenzas da ficción.

A realidade da nosa historia supera con moito a ficción do que podemos recrear os escritores, pero todo o que sae no libro referido, por exemplo, á batalla de Rande no 1702, foi rigorosamente documentado. O traballo previo de investigación fíxome ver as carencias que temos, porque aquel foi un momento fundamental para a implantación dos Borbóns e está menos estudado do que debía. Apoiarse na historia real axuda o novelista, pero se hai tantas lagoas de coñecemento queda o campo libre á imaxinación. Para o novelista é bo, pero é unha faena para o cidadán, porque rematamos por non saber da historia propia.

Recobra tamén datos sobre o tempo da posguerra pouco explotados na literatura nosa, como as fugas organizadas ao exilio.

A intención miña é chamar a atención sobre a realidade histórica a través do seu uso na ficción. Cando desmiúzo as pezas do libro teño medo a caer na frivolidade, pero defendo a recuperación da novela de entretemento e a miña intención de fondo é falar de algo que foi real. Quero que o lector o pase ben, pero ao chegar á derradeira páxina se sinta parte desa historia que tamén é a súa, que explica quen somos agora. A fuxida da xente era para sobrevivir, porque se non marchaban matábanos. Non é que queira descubrir as dores da guerra, pero hai que asegurarse de que non se vai esquecer. E iso tamén vale para a batalla de Rande, porque somos un pobo moi esquecedizo, e as cousas pasaron e hai que saber delas. Dígolle ao lector: pasáchelo ben, pero agora xa non ignoras a historia dos teus.

É tamén unha novela na que a cidade de Vigo acada un grande protagonismo.

Hai xa un fato de novelas con este espazo urbano. Entre outras que me veñen á cabeza Antón e os inocentes de Ferrín, Amor de Tango de María Xosé Queizán ou varias de Cid Cabido… Escribín sobre Vigo porque é a miña cidade. Sempre admiraba as novelas de Eduardo Mendoza, que me fixeron coñecer e entender Barcelona doutra maneira, ou o cine de Woody Allen con Nova York como pano de fondo. Por iso creo que as obras teñen máis forza se as vinculas ás súas cidades. A historia que conto é universal, pero pasou en Vigo, e gústame recrear as rúas ou as construcións do arquitecto Michel Pacewicz que durante moitos anos foi unha lenda ou o Vigo de primeiro de século ou o modernista. Isto tamén é historia e só hai que saír á rúa, observar e collelo.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-07T00:52:08+00:00 07 / 11 / 2017|BiosBardia|