Paasilinna, autor galego

Inicio/Blogs/BiosBardia/Paasilinna, autor galego

Paasilinna, autor galego

Arto Paasilinna.

César Lorenzo Gil.

O escritor finlandés Arto Paasilinna morreu hai un mes aos 76 anos. Non visitou Galicia mais a súa relación coas nosas letras é especial. A súa obra foi a primeira de lingua finesa que se publicou en galego. Isto permitiu crear unha comunidade de lectores e admiradores do escritor escandinavo como membro da biblioteca galega.

O bosque dos raposos aforcados é o primeiro e un dos últimos libros publicado por Rinoceronte Editora, selo especializado en traducións. “Coñecín a Paasilinna pola versión castelá d’O ano da lebre, publicada por Ediciones de la Torre en 1998″, recorda o director da editorial, Moisés Barcia. “A partir de aí, merquei varios dos seus títulos publicados en italiano pola editorial Iperborea, especializada en literatura nórdica, e foi cando coñecín, entre outras obras, O bosque dos raposos aforcados e O muiñeiro ouveador, ambas obras publicámolas en 2005 e 2007, respectivamente. Estas foron as que máis me gustaron do autor, e o feito de contarmos cun tradutor capaz de vertelas directamente ao galego deunos o impulso definitivo. O feito de que O bosque dos raposos aforcados fose o primeiro título publicado por Rinoceronte dá unha idea da aposta que supoñía Paasilinna para nós”.

Tanto é así que o “estilo Paasilinna” se converteu nun símbolo do que quería conseguir o catálogo de Rinoceronte. “En efecto, queriamos que Rinoceronte ofrecese unha aposta novidosa e de calidade”, subliña Barcia, “e grazas á nosa edición d’O bosque dos raposos aforcados moita xente en Galicia (e algunha en Portugal) leu por primeira vez literatura finlandesa e descubriu que lle gustaba. Ao final era posible publicar e vender cun modesto éxito obras internacionais máis alá de todo o que nos chega do ámbito anglosaxón, aínda que tamén cómpre sinalar que non todos os autores publicados por Rinoceronte tiveron o éxito de Paasilinna, nin os outros libros do autor tiveron o éxito d’O bosque dos raposos aforcados. Paasilinna era un exemplo do que nos gustaría ofrecer, e non sempre conseguimos”.

A pesar de que o éxito de Paasilinna no mercado galego é irregular, o finés é o nome de maior éxito do catálogo de Rinoceronte. “O bosque dos raposos aforcados é a obra máis exitosa de Paasilinna, xa que se veu reimprimindo ininterrrompidamente dende a súa publicación en 2005 e recentemente acaba de ser obxecto dunha reedición. Aínda así, as vendas totais que acadou este “best-seller” foron duns 3.000 exemplares en 13 anos, o que dá unha idea da modestia e cativeza das nosas cifras. É un libro ó que lle temos moito cariño na editorial, porque nel conflúen o aprecio do editor, da crítica e dos lectores. O segundo libro de Paasilinna que publicamos, O muiñeiro ouveador, funcionou de maneira moito máis discreta”.

Ese tradutor que foi cómplice de Barcia na aterraxe de Paasilinna á literatura galega é Tomás González Ahola. “Finlandia é un país que coida moitísimo os seus escritores e artistas”, comenta. “Para eles, teren literatos internacionais como Paasilinna é motivo de orgullo nacional. Porén, tamén é certo que el sempre foi un escritor un bocado incómodo que non acabou de estar ben visto por certa parte da poboación. As súas caricaturas da sociedade finlandesa, a súa crítica á perfección de reloxo suízo coa que supostamente está artellada, valéronlle tamén algúns detractores. Isto amplificouse un pouco algo antes do ictus que sufriu en 2009, cando comezou a acusar un comportamento se cabe máis antisocial do que era habitual nel. Detivérono por conducir en dirección contraria, aparecía bastante bébedo en eventos públicos, etc. Porén, fóra destas anécdotas e da envexa inherente ao éxito, era todo un orgullo nacional”.

Detalle da imaxe da capa da edición de Rinoceronte.

Ahola descoñece con certeza se o escritor era consciente de que existían obras súas traducidas ao galego aínda que pensa que si, xa que os exemplares de Rinoceronte están expostos na biblioteca Akateeminen de Helsinki, a máis importante da cidade.

Para Barcia, pódese atopar un elo común entre Finlandia e Galicia polo que o lectorado galego se pode identificar con Paasilinna, a natureza. Mais non por analoxía senón por desemellanza. “O amor pola natureza que se sente en Finlandia (e que se reproduce á perfección nos libros de Paasilinna, protagonizados a miúdo por unha persoa que foxe da cidade para refuxiarse nos bosques e nos lagos) non se pode comparar nin remotamente co maltrato de que é vítima aquí a paisaxe, e que converteu o noso país nun eucaliptal. Hai que lembrar que o propio Paasilinna foi, entre outros moitos oficios, gardabosque”.

Ambas culturas están ben afastadas, tanto xeográfica como lingüisticamente. ” A lingua finlandesa é extremadamente complexa, e moi diferente da galega”, explica Ahola. “Hai que facer moito choio na sintaxe, pois a da lingua de orixe é moi plana e simple, case sen subordinación, e unha tradución literal resulta estraña. Pero quizais o máis complexo de todo é o nivel léxico. O finlandés é unha lingua moi rica en determinados termos, especialmente os relacionados co son. Debe de ser cousa da soidade e o silencio dos bosques e os lagos, pero cada renxido, cada estralo, cada murmurio, sexa de animais, regatos ou árbores, ten un termo concreto cuxa fonética recorda precisamente a ese son. Hai veces que pasas media hora perante unha soa palabra até que te ves forzado a transformar toda a frase para tentar non perder os matices”.

Rinoceronte publicou hai unhas semanas O ano da lebre. “Estamos pensando en publicar unha novela gráfica baseada n’O bosque dos raposos aforcados“, adianta Moisés Barcia.

Esplanadi, outro experimento da factoría Rinoceronte

Como dixemos, Paasilinna foi a punta de lanza das letras finesas na biblioteca galega. Mais afortunadamente co tempo foron incorporándose outros nomes das letras finesas á biblioteca galega, non só a través de Rinoceronte senón tamén en selos como Urco, onde publicou Pasi Ilmari Jääskeläinen, por exemplo, un dos autores favoritos do tradutor Tomás González Ahola.
Para Ahola, hai outros nomes que merecerían formar parte das letras galegas. “Tommi Kinnunen é un autor no que hai que ter o ollo posto, está a ter moitísimo éxito polo mundo adiante. Finlandia ten unha literatura moi nova e moi viva, froito dunha xeración (a dos 70 e 80) extremadamente ben formada e dun sistema editorial pequeno pero moi forte e profesionalizado (nada que ver co noso). Alén diso, o goberno do país promove a exportación de literatura grazas a axudas para editoriais estranxeira, bolsas de residencia para tradutores (eu mesmo gocei dunha hai dous anos para traballar no Kalevala) e toda unha serie de facilidades para se visibilizar fóra das súas fronteiras”.
Tanto nivel ten a literatura finesa que Moisés Barcia está a preparar o lanzamento dun novo selo editorial, Esplanadi, que publicará anualmente entre seis e oito títulos en galego e castelán. É a primeira experiencia deste tipo na industria editorial galega aínda que se suma ao interese pola literatura nórdica dalgunhas outras editoras peninsulares.

Source: BIOSBARDIA

2018-11-12T21:56:04+00:00 12 / 11 / 2018|BiosBardia|