Os vellos vaqueiros nunca morren

Inicio/Actualidade Literaria/Os vellos vaqueiros nunca morren

Os vellos vaqueiros nunca morren

western é un xénero que se dá por morto cada canto e cada canto volve resucitar. Ocorre no cinema, na televisión e, por suposto, na literatura. O brutal choque entre a cultura colonizadora europea e dos estadounidenses do leste e os primitivos habitantes do oeste xunto aos colonizadores españois e mexicanos creou unha atmosfera social que alimentou durante xeracións un mito no que se superpoñen como nun xogo de múltiplas moedas botadas ao ar, o mellor e o peor do ser humano.

É agora unha quebequesa nacida no 1984 a que revoluciona as novelas do oeste con En busca de New Babylon, editada por Hoja de Lata. Cunha grande ambición literaria e un orixinal xeito de narrar, Dominique Scali percorre as desoladas cidades mineiras da Nevada decimonónica (moito antes da eclosión de Las Vegas) detrás dun grupo de personaxes destinados a quedaren para sempre na nosa memoria.

Scali sabe utilizar todo o cadal de mitoloxía do oeste: os bordeis, os pistoleiros, os cadafalsos, as compañías de ladróns ex soldados confederados, os predicadores e os orfos, os indios e os buscadores de ouro… Mais esa familiaridade que sentimos como lectores é unicamente unha porta de entrada cara a un universo moito máis complexo, máis novidoso, que se vai debuxando páxina a páxina con regras novas.

Ideal para: Amantes da literatura de xénero que xa se aburriron de ler novelas sen ambición. Para cinéfilos que revén logo dos anos os grandes clásicos do western, de John Ford a Clint Eastwood pasando por Henry Hathaway.

2017-09-14T09:21:01+00:00 14 / 09 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario