Os segredos máis fondos do destape

Inicio/Actualidade Literaria/Os segredos máis fondos do destape

Os segredos máis fondos do destape

Clara Usón publica El asesino tímido (Seix Barral), unha novela moderna e ben construída que sobarda os límites da narrativa convencional e converten a súa autora nunha das voces máis interesantes da denominada novela popular de calidade en español.

O argumento mestura a ficción e a realidade. A propia Usón é protagonista do libro, unha personaxe que viaxa até a súa propia mocidade para indagar na historia da actriz Sandra Mozarovski, promesa do cinema de destape a finais da década do 1970 que morreu con só 18 anos. A versión oficial da súa morte é algo rocambolesca. Segundo a policía, Mozarovski caeu por un balcón cando estaba a regar as plantas, iso si, ás tantas da madrugada. O pasamento da actriz foi obxecto de todo tipo de rumores e especulacións. Incluso se dixo que a guapa actriz fora amante do entón rei Juan Carlos de Borbón Borbón.

Usón utiliza para compor este mosaico técnicas da autobiografía, do xornalismo e tamén do estudo histórico, ofrecendo un fresco que oscila entre o social e o íntimo cun grande equilibrio. Porque malia o doado titular de definir esta obra  como unha pesquisa literario-policial sobre unha personaxe clixé daquel momento históricoo (a transición democrática) sempre fetiche para a cultura española, a autora vai moito máis alá e aproveita tal viaxe ao pasado para falar de si mesma sen escatimar nada. Moi interesante a reflexión sobre o paso do tempo, a mocidade e o impulso suicida. Todo contado con precisión e bastante ambición literaria.

 

 

2018-12-12T14:17:15+00:00 12 / 12 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario