Os poetas que non pasaron á historia

Inicio/Blogs/BiosBardia/Os poetas que non pasaron á historia

Os poetas que non pasaron á historia

Cabeceira histórica de A Nosa Terra.

SOBRE ENRIQUE BATÁN, POETA DESCOÑECIDO, E OUTRAS CURIOSIDADES (E II)

Xesús González Gómez.

De Enrique Batán coñezo dous poemas máis, que apareceron no xornal El Compostelano. Trátase dos poemas «Orballada de nubeiro», aparecido o 26 de marzo de 1929, e o 1 de xullo do mesmo ano apareceu neste xornal santiagués «Vento e sol». Tendo en conta que raramente se publicaban neste diario, na última páxina, poemas inéditos, debemos pensar que estes dous poemas, que entregaremos a continuación, apareceron nalgunha revista ou xornal que non soubemos atopar.

Orballada de nubeiro

 Ferv’a terra de lume

esfáchese o sol n’ela…

tras dos penedos mouros d’unha cume

van chegand’os nubeiros en gavela.

Un trasno e un lugrumante

fan estalar as nubes a turradas:

pol-o camiño adiante

todo está cheo de polas esgazadas.

Tras d’os mouros penedos qu’hai na terra

non se ven xa nubeiros de trebón.

Quedou mollad-a terra

y-o ceio azul y-alegre o curazón.

Un carrizo que vóo (sic) d’antre os buxos

pra xuntar a bicada,

n-a groria da orballada,

de vida chea, estoupa en aturuxos.

Arrecende a luxuria, a carne ouveia,

tremando de deseio.

Na carreira d’aldea

que blanqueian as lanzas do centeio

pega un pulo o cabalo, creb’a cincha

y atropellando espigas ou paveas

que ll’enrollan nas pathas suas cadeas,

coma un centauro, pol-a leira rincha

 

Vento e sol

 Verde carballeira onde o sol se creba

I-entra esmayolado baixo das ramallas,

Cando, á túa sombra no regacho beba

Dime dos misterios que no vento espallas.

(N’iste vento maino qu’acanea as polas

Na preguiza eterna d-un compás chorón;

Vento d’agarimo, vento de almas solas

Que aloumiñas frentes de meditazón.)

Longas herbas mortais qu’hai na carballeira

Sodes as sombrigas prantas da impodenza.

Com’as esmayoladas almas da canseira

Mortas nas fataes sombras da impodenza.

Duro sol da loita, fita as herbas mortas.

De sapos e cobras tépedo niñal,

E do fondo mouro das ramallas tortas

Fai nacer o día da nazón trunfal.

 

Temos, xa que logo, un poeta ao que queren coñecer outros poetas e que nunca, en teoría, coñecerán. Temos un poeta que en 1919-1920 publica catro poemas, dous textos en prosa e logo, desaparece. Temos uns poetas que queren fundar unha Irmandade de Poetas Novos que nunca se fundará, teoricamente. Digo teoricamente porque, a partir destes datos, podemos pensar que os poetas si se coñeceron, si fundaron, secretamente e en segredo mantiveron a súa fundación, a Irmandade de Poetas Novos. Irmandade que, podemos pensar, se reunía de tanto en tanto en bares, tabernas ou cafés. Ou mesmo en domicilios particulares. Podemos, ou pódese, inventar a vida deste poeta, e doutros. Pensar, e polo tanto escribir, que ese poeta do que coñecemos en total seis poemas e dous textos de prosa, renunciou á poesía, á gloria, como un Rimbaud calquera, para se dedicar, quen sabe, á prosaica profesión de tendeiro, ou de procurador, ou de avogado, ou de profesor, ou de viaxante de comercio. Ou talvez lle deu por partir polos camiños. Ou quizais se alistou na lexión estranxeira, é dicir na francesa, ou na española e como tal, como lexionario español, actuou en Asturias en 1934 e logo na Península, de 1936 a 1939 e anos posteriores. Ou… quizais continuou a escribir poemas que, finalmente, queimou ao se decatar, como Baudelaire, de que xa non había nada novo e que había que se mergullar no descoñecido non para atopar o novo, como nunha primeira lectura dá a entender o mencionado poeta francés, senón que había que mergullarse no descoñecido porque ao non haber nada novo, nada novo podía crearse, de aí a fuxida de toda literatura. Ou, talvez, se suicidou despois de amores falidos. Ou, quen sabe, talvez se converteu, ou reconverteu, á relixión en que fora criado e se fixo monxe trapense. As posibilidades son infinitas. Construír a biografía de Enrique Batán é, en principio doado: nacemento: 27 de novembro de 1899, en Cervo, por que non. Os pais tiñan unha tenda no citado lugar. Era o segundo de seis irmáns. Do seu contorno familiar, o único que profesaba un certo interese polas letras era o seu tío materno, Marcelo López, irmá da nai e párroco da Veiga, provincia de Ourense, que pasaba meses de verán en Cervo, na casa da irmá. Enrique, de neno, fora en diversas ocasións á Veiga, a casa do tío. Foi nesta casa, grazas á pequena biblioteca do crego , onde entrou en contacto coas «letras». Tamén foi nesa casa onde exercitou os seus primeiros «pinitos» literarios. Así dariamos cun poema seu publicado no boletín de festas patronais da Veiga, cando Enrique estaba a piques de cumprir os dezaseis anos. Velaí este seu primeiro poema:

O bico do sol frorece tod-a eira

e luinte de luz a trilla se para.

A brisa do vento na hora primeira

Refresc’ ô grupo qu’a faina prepara.

Cando a xistr’ acuna â maceira

i-o vento roza dos nenos a cara

mentres trillando soñan en quimeiras

qu’un poeta n-outros tempos cantara.

Feit’a escolla o montón de grao fulgura;

e xa rematad-a laboura dura,

a amorosa ollada do bô labrego

 

pousa n-o fillo que pensa futuros.

E a mai, cansada dos traballos duros,

Bot’ as sementes n-os novos regos.

Enrique Batán, como tantos outros escritores galegos, estudaría no Seminario, en Mondoñedo. Ou, talvez, por estar preto do tío, no das Ermidas. Polo 1916 sufriría unha crise relixiosa que o decidiría a abandonar o Seminario. En 1918 estaría en Mondoñedo, a traballar na Farmacia do boticario Cunqueiro á vez que estudaba por libre cursos de Dereito. Neses anos achegaríase aos movementos agrarista e rexionalista-nacionalista, como demostran os dous escritos en prosa que coñecemos del e que se publicaron en A nosa terra. En 1920 entraría en quintas e sería sorteado pola comisión mixta de recrutamento da provincia de Lugo. Recoñecido e tallado, sería declarado inútil para o servizo militar ao lle diagnosticar os médicos un principio de tuberculose. Sería a raíz deste diagnóstico que abandonaría toda intención de crear unha obra literaria aínda que pertencería á sociedade secreta coñecida, posteriormente, como Irmandade dos Poetas Novos. Finalmente, despois de catro ou cinco anos de vida escura, de vida sen vivir, alá polo 1925 ou 1926 aparecería o seu corpo arrastrado polo Masma: o xulgado de Mondoñedo decretaría suicidio e por iso non sería enterrado en «terra santa». Esta podía ser unha posibilidade de «biografía»: existen moitísimas máis.

Como observará o lector, os poemas de Enrique Batán aínda que semellen «clásicos» nótanse neles dúas pegadas que os fan máis ben «modernos», máis do seu tempo. A primeira, a lección de Baudelaire: en ningún momento prefire a rima á razón. A segunda, certos «toques» de ultraísmo. Un ultraísmo débil, como concesión á moda do día ou como intento de parodia. Porque se reparamos atentamente nos dous poemas, sobre todo en «Vento e sol», pode observar o lector un certo «ar» emparentado cos primeiros poemas de Manoel-Antonio que se coñecían, publicados, precisamente, n’A Nosa Terra. É máis, se non soubésemos que Enrique Batán «existiu», podíase afirmar, sen demasiados problemas e precaucións, que eran dun alter ego de Manoel-Antonio. Ou que Manoel-Antonio intentou unha mistificación que quixo levar até as últimas consecuencias, de aí esa pregunta a V. Taibo de se coñece a Enrique Batán. Porque o Vento e sol e Curriña achéganse moito, mesmo no léxico, á poética manoelantoniana de 1920-1921. Esta, E. Batán como «heterónimo» de Manoel-Antonio é outra posibilidade de «biografía»

Enrique Batán con estes dous poemas amósase como un deses poetas que procura o novo, mais o novo non é para el a estridencia do ultraísmo, que era a «novidade» en España, e tamén na Galiza (véxanse certos poemas de Euxenio Montes e Manoel-Antonio, case todos os poucos que escribiu Vicente Risco, algúns, moi menores como todos os seus, de Evaristo Correa Calderón, etc.). O novo é para Enrique Batán a profundidade dos sentimentos mesturada cunha perfecta medida dos versos, que é onde podería estar o novo. Eis, como demostración, algúns dos seus versos: «D’un enterro sin luz vela apagada», «Dime d’os misterios que no vento espallas», «Verde carballeira onde o sol se creba/ I-entra esmayolando baixo das ramallas», «Na procura eterna d-un compás chorón», etc. Versos clásicos, mais versos inzados de imaxes ou metáforas ultraístas e mesmo, para usar a palabra de entón, avant-gardistes. Curioso, e mágoa para todos nós… que non escribise máis poemas, que non dedicase a súa vida a unha «obra».

Até aquí todo o que (eu) sabía da vida, e da obra, de Enrique Batán… Mais non hai moitos meses a Universidade de Vigo catalogou os arquivos de Álvaro Cunqueiro con vistas á creación dunha «Cátedra Cunqueiro». Nestes arquivos atopáronse os tres poemas e o anaco de prosa que se darán a continuación. Os manuscritos, en papel timbrado da Farmacia Cunqueiro, de Mondoñedo, están asinados por E. Batán, polo que se deduce que son de Enrique Batán. Non sabemos por que Álvaro Cunqueiro, que debeu coñecelo como empregado que foi de seu pai, e que debía ter trece ou catorce anos cando Batán se suicidou, nunca falou del e nunca sobre el dixo unha palabra: molestáballe o seu suicidio? Porque o anaco de prosa atopado nos arquivos cunqueirianos demostra ás claras que Batán foi un suicida. Un suicida que, por outra parte, daba a impresión, por estes poemas «inéditos» de vivir nun mundo melancólico ou inzado de melancolía

En fin, os poemas publicados por Batán mais os atopados nos arquivos de Cunqueiro son, algo máis que curiosos, son o inicio dunha promesa, polo que debemos laiarnos de que non escribise máis poemas, que non dedicase a súa vida a unha «obra». É dicir, que non fose un escritor, un poeta profesional, porque ao cabo só é escritor profesional quen dedica a súa vida a unha obra. Ou a súa obra é a súa vida, contra do que está a acontecer, demasiado ultimamente, sobre todo no mundo da arte, en que a vida é a verdadeira obra do autor.

Esta puido ser vida, a biografía, de Enrique Batán. Tamén puido ser outra, como xa avanzamos. Podiamos inventarlle a Batán outra biografía, facer da súa biografía unha obra de arte. Mais o verdadeiramente importante, se hai algo importante, talvez sexa a súa obra, ou, mellor dito, a súa falta de obra, porque obra de Enrique Batán podémola crear nós, calquera de nós, que lle dea por escribir sobre el. e quen di Enrique Batán pode dicir A. Santos Vila (con máis «obra»), J. Abelaira, Ignacio Rodríguez, V. López Neira, ou calquera das ducias de nomes que aparecen cunha ou dúas poesías, con algún texto en prosa, en A nosa terra de 1917 a 1936: material hai para dar e regalar. Acabemos, xa que logo, entregando os escritos inéditos que se encontraron no arquivo de Álvaro Cunqueiro.

Chove

Chove sobr’o verde mar

Chove sobr’ os Avemaría

que se escoitan n-os montes n-as fondas lagoas

como dolces campás azures

Chove sobr’o cheiro estrelado dos xeranios

que crescen contr’ o valado d-un horto

Chove sobr’as grilandas do ceminterio

Chove sobr’ o paraugas do afiador

e sobr’as tristes rúas de Mondoñedo

Chove sobr’a máquina de Rufino

pobre fotógrafo da miña vila

Chove sobr’a primaveira

e sobr’a miña i-alma enrugosa e negra

Múseca da serán

 A múseca d’outro tempo!

Tornan os recordos semellantes ôs asfodelos n-unha

[difunta Quintana

e unha marcha fúnebre

n-o hourizonte retárdase unha néboa violácea sonolenta

a lua sube com’unha nao que s’aprousima

todol-os nosos hourizontes quedaron escuros

a múseca do noso pasado soa fúnebre

os nosos xardís son difuntas Quintanas

cinzas e somas as nosas aladas esperanzas –Alma…

 

[Agora, Señor…]

Agora, Señor, sent’ as bafaradas

da Morte que me rodea sen tomarme.

N-a penumbra xa perdín o límite

do mundo, e o fino contacto das cousas.

A cada embate sento que me desnuda

dun rastro humán, e n-o meu pudor, goza,

cansa, deitándo-se preto de min, mirándo-me

c’unha ollada qu’é un alento moi puro.

Grácil érgue-se e outra vegada xira

hastra confundir o meu alento n’o ar

cálido da grande calor que irradia,

nunca abrazándo-me, mais levando sempre

un peñor da miña vida, qu’ agora

é feble e pura hastr’o instante en que sexa

eterna e núa baixo o bico docísimo

da morte que me terá todo n-os seus brazos.

[O suicidio é unha hipótese…]

«O suicidio é unha hipótesis, ainda. Teñ’ o dereito, ¿o deber?, de dubidar tanto do suicidio coma do resto da realidade e da miña vida. Pro se dubido tanto d-unha coma d-outra, non é certo qu’ o suicidio si é unha soluceon? Porque tamén debo tel-o moi craro: a vida non aporta solucións. A vida, en si, é un simulacro. Un simulacro que recibimos e, por tanto, podemos rexeitar. E por tanto, podemos dal-a vida e podemos dal-a morte. Porque máis alá da vida n’hai nada. A morte non é, coma nos dicían n-o seminario, o máis alá da vida. E tampouco é a nada. Ou tal vez o suicidio seña un atallo, un atallo que non oustante non nos leva ôs xardís mais fermosos.

Si a morte non é o máis alá da vida, tampouco é a nada. A morte debería ser, ô mellor é i-eu non o sei, unha trasuntación c’o-a natureza. Unha vez mortos deberiamos ser paisaxe, fundirnos c’o paisaxe. Non anímicamente, senón corporalmente, materialmemnte. O noso corpo debería ser algo mais qu’ unha soma, debería ser material qu’ô fundirse c’o paisaxe cambiase o aspecto material del. O paisaxe debería ser, eu estou seguro de qu’o é, a suma de todol-os corpos que non foron enterrados.

Un home que morre n-a casa, n-a cama, nunca se funde c’o paisaxe. Un home que se colga d-un carballo, que se lanza ô río, que se tira desd’unha montana, cheg’ a formar parte do paisaxe, da-lle forma e, quizais, forza. Ô menos a forza do seu sangue. Por iso tal vez si o suicidio seña unha soluceon. Unha soluceon pr’ acabar c’o simulacro qu’ é a vida pra convertil-a en paisaxe. Paisaxe i vida deberían ser un soilo corpo e os mortos non deberían enterrarse en ceminterios, sinón deixar apodrecer os seus corpos n-o paisaxe, pra qu’ este tomara o seu corpo e o seu esprito e trocas’a súa conformación. Soilo s’ as cousas son así, o suicidio é unha solución. Un máis alá da vida, algo máis qu’a nada. Tal vez o todo….

Enrique Batán podía ser un deses autores escolmados por alguén que quixese facer unha historia da literatura galega a base de escritores que nunca publicaron un libro, nin mesmo un folleto: os seus «textos» só apareceron en revistas ou xornais. Outro poeta desta historia/antoloxía da literatura galega podía ser o autor do seguinte poema:

 

¡Galicia!¡Pino ergueito,

na costa verdecente

regado do mallente,

bicado polo sol!

Non serás outo pino,

nin do vento tumbado

nin do duro machado

do verdugo español!

Non terá acolllimento

o fato de treidores

que, mentíndoche amores,

te quere asoballar.

Contra os novos caciques

ergue o berro, Galicia:

¡Libertade e Xusticia

no céltigo fogar!

 

A Historia é quen nos guía,

a Caste quen nos manda

¡o camiño da Irlanda

teremos que coller!

Senlleira, no teu eco

rebrila a ceibe estrela,

ten que levarnos ela

a trunfar ou morrer!

Xa se abriron as rosas:

os lumes da alborada

os vidras da xiada

fixeron derreter.

Si foran desfolladas

pola man da Extranxeira…

non importa! ¡A roseira

tornará a florecer!

O poema é anónimo. Tireino dun artigo de Antón Vilar Ponte, «Unos versos gallegos anónimos». Aparecido o 24 de febreiro de 1933 en El Pueblo Gallego. Segundo Vilar Ponte, «envuelta en el anónimo, llegó a mis manos una pequeña hoja de papel con unos versos escritos a máquina y una advertencia al pie: “Para cantar al son de la música del himno gallego”». Segundo o xornalista, tal folla, tal poema tamén foi parar a mans de moitos membros da colonia galega de Madrid, e como notou que estes versos eran comentados e tamén «tatareados», pensa que hai que dalos a coñecer. E reprodúceos. Versos, segundo Vilar Ponte «exaltados, un poco duros, con espina dorsal de hipérbole extremista, cuyo autor desconocemos y que si en Galicia llegan a divulgarse como se vienen divulgando entre la colonia gallega de Madrid acabarán por tener el encanto atrayente de las canciones del pueblo, de esas canciones que se llaman del pueblo, puesto que no tienen padre conocido, pero que en realidad son obra de un poeta anónimo, prohijado por la multitud que acierta a consubstancializar sus ansias propias con las ansias colectivas», e remata cos parágrafos seguintes:

«Podrá estarse conforme o disconforme con el sentido esotérico de tales versos; pero lo indudable es que deben ser recogidos ya que tomaron estado público, para que figuren en las antologías de la poesía civil de Galicia que ya va siendo rica en poemas de semejante guisa.

»Para mi tiene cierto encanto, por lo misteriosa e insólita, esta verde florescencia de un sentir enxebre en la metrópoli de la Meseta».

Estes versos, que saibamos nós, non foron recollidos en ningunha escolma de versos civís ou patrióticos (pote este, o de civil e patriótico, no que cabe de todo, normalmente produtos un pouco «tarados»), nin, que saibamos, tampouco ninguén, a empezar polo propio Vilar Ponte deu co seu autor. En fin, este sería outro texto a escolmar nesa hipotética historia/antoloxía da literatura galega que se ben talvez non entregara grandes textos, estamos seguros de que entregaría textos (en prosa e verso) cando menos «curiosos». O capítulo que incluiría este poema podería titularse: «As voces anónimas airadas», capitulo no que se poderían incluír, se alguén as lembra, as letras daquelas cancións que se cantaban a finais dos 1960 e inicios dos 1970 e que dicían: «Españoles non seremos nós/ cando triunfe a nosa terra/ na súa loita de liberación/. Frades e cregos non queremos nós/, cando triunfe a nosa terra/ na súa loita de liberación./ Galicia ceibe e socialista si, etc.» (a verdade é que non lembro máis da letra). Ou aquela outra que dicía: «E déixame fuxir/ para banda de Alemaña/ e déixame fuxir/ que aquí non xanto nada./ Cachelos para ti!, etc.» (tampouco lembro máis: cancións que, se mal non lembro naceron na contorna da UPG, da súa sección madrileña).

En verdade unha literatura/antoloxía da nosa literatura realizada a partir dos centos de nomes que nunca se incluirán nunha historia da nosa literatura podería entregarnos ersatzs curiosos, como este outro, aparecido no número 137, 31 de marzo de 1921, d’A nosa terra:

Xifras doentes

Por baixo d’a ramaxen

de amigos castiñeiros iste serán pasei.

Como antano á súa soma

era veludo e mole

Pr’o meu magoado esprito.

Fitando para enriba

por entre d’a follaxen virxe víase n-o azur

pra onde se escapaban,

do meu peito, salaios que foron ilusións.

O toro dun castiro

amostraba unhas letras de nome de muller,

nome doce, de seda, de música e de mel.

A miña man outrano

foino garbando a modo,

foino garbando a fondo

foino garbando craro pra que durase ben.

¡Canta enoción eu tiven

cando, tremante o pulso.

o poñer o letreiro d’a muller de min lonxe

maxinaba que ela

tiña, chegado o tempo, de lel-o como eu hoxe!

Mais todo se perdeu. Ela finouse

por supòr (sic) un olvido

en quen decote n-o pensamento tiña.

Agora as letras fican saudosas n-o castiro,

escachadas e mudas,

frías e sin sentido pr’os que reparen n-elas…

Son unha cousa morta donde latexa vida,

son un velo (sic) poema que non puido findarse,

son salaios non ceibos

e pensamentos de ouro qu’òs beizos non chegaron.

¡Xifras d’un nome de muller ben querida,

Sodes segredos como dòr calado

e nada sodes xa!

Puideste valer moito si ela os lera;

hoxe… ¡saloucos nada máis!

Os versos asinábaos A. Santos Vilas, un mestre que pariu moitos versos publicados en diversos xornais e revistas

Acabemos: estamos máis que seguros que unha historia/antoloxía da literatura galega feita a partir destes «escritores» e «poetas» que nunca publicaron un libro, que escribiron ao mellor só tres ou catro poemas na súa vida, entregaría un libro senón excelente cando menos si divertido, o que non é, a diversión, «moco de pavo» como se dicía en séculos pasados. E, postos a ofrecer temas aos nosos narradores, pensen que a «biografía» destes autores e autoras poderían conformar libros como Historia abreviada de la literatura portátil, de Enrique Vila Matas ou La literatura nazi en América, de Roberto Bolaño (non precisamente o mellor de ambos autores.

 


Source: BIOSBARDIA

2018-03-21T01:57:11+00:00 21 / 03 / 2018|BiosBardia|