Os patrocinadores do nazismo

Inicio/Actualidade Literaria/Os patrocinadores do nazismo

Os patrocinadores do nazismo

Éric Vuillard gañou o Premio Goncourt do 2018 con El orden del día, que publica en castelán Tusquets. Unha novela histórica distinta ao acostumado que se centra, dun xeito fragmentario e ao mesmo tempo meticuloso, en dous momentos chave para entender o ascenso e dominio do nazismo. Primeiro, a reunión secreta entre os principais capitalistas e industriais de Alemaña con Adolf Hitler xusto despois da súa toma de posesión como chanceler. Poucas veces a literatura trata a connivencia, complicidade e patrocinio que o gran capital xermano lle ofreceu ao nazismo desde o principio do seu mandato. Nunha época turbulenta onde estaba moi presente a experiencia soviética, o papel do anarquismo e o comunismo durante a Guerra do 36 e unha fonda crise da democracia representativa, estes señores ricos apostaron por un rexime que lles garantía paz sindical, baixos salarios e control absoluto de calquera tentación socialista.

O outro momento no que se fixa Vuillard é a anexión de Austria. O escritor francés conta a historia con moita axilidade, sen un ápice de wikipedismo e describindo situacións e personaxes que aínda provindo da realidade alcanzan gran nivel literario.

Neste libro cóntasenos como o nazismo utilizou todas as técnicas mafiosas da chantaxe e o terror para conseguir que o goberno austríaco aceptase a cada vez máis crecente influencia alemá sobre a súa soberanía. Tamén explica o papel dos propios nazis austríacos, que colaboraron desde moi cedo coa política de represión tanto sobre os opostos ao nazismo e á anexión como tamén contra as minorías, especialmente a xudía, que era moi influente en Austria.

Hai unha parte moi pouco relatada: o desastre organizativo da invasión militar en Austria. A pesar de que se magnificou a profesionalidade e eficiencia do exército alemán, esta novela súmase a outros títulos, tanto literarios como históricos, que poñen en cuestión tal perfección e ofrecen unha visión ben diferente, a dun exército desorganizado, bastante caótico e quizais incapaz, naqueles primeiros anos, de ofrecer resistencia se os aliados lle plantasen cara ao esaxerado Hitler.

Esta, afortunadamente, non é outra novela sobre o nazismo. Paga a pena lela (ademais é breve) e comprender un momento moi concreto de Europa, un continente que oitenta anos despois parece ter esquecido moitos dos factores que provocaron o ascenso do totalitarismo ao poder e as súas terribles consecuencias.

2018-10-18T20:02:39+00:00 18 / 10 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario