Os libros galegos son caros

Inicio/Blogs/BiosBardia/Os libros galegos son caros

Os libros galegos son caros

Interior dunha libraría.

César Lorenzo Gil.

Onte a CRTVG informou de que só o 4% da poboación lectora escolle (sic) ler libros en galego, facéndose eco dos datos do Barómetro de Hábitos de Lectura que publica a Federación de Gremios de Editores.

Tal barómetro daría para moitas análises mais neste caso voume cinxir a unha das reaccións á noticia que houbo nas redes sociais: o libro galego non se vende porque é caro. E por aquí e acolá xorden comparacións cos prezos dos libros en galego e en castelán sen ter en conta o tipo de edición, o título do que se fala e o máis importante, a diferenza abismal de ambos mercados potenciais.

As cifras

Así en frío pode resultar que os lectores en galego pagan unha peaxe porque resulta que pagan Crime e castigo, de Fiodor Dostoievski a case 25 euros (a edición da Biblioteca Galaxia de Clásicos) cando cho hai en Penguin por 10,95 en castelán. Pero en realidade estamos a falar de produtos distintos malia a aparencia do mesmo título.

A versión galega está editada en tapa dura, cunha tradución feita especificamente para esa ocasión e sen un mercado de vendas garantido. A castelá está impresa por unha empresa transnacional no formato máis barato do mercado, en tapa branda sen lapelas. Utiliza unha tradución vella que vai reciclando edición tras edición, nunha vintena de países, e que sabe con certeza que este libro se vai vender, ano tras ano, entre propios lectores voluntarios mais tamén entre bibliotecas e alumnado dos diferentes niveis do estudo da Literatura.

Mais que ocorre cando a editorial española segue o metodo “á galega”: edición de luxo, nova tradución… que temos a edición da novela rusa de Alba editorial, que vén custando… 29,90 euros.

E resulta que esta edición de Alba (que non é precisamente un best-seller) está en sete (a cifra é aproximada) librarías galegas mentres que a galega está en só catro. En que quedamos, non é un problema de prezo?

A industria do libro non é unha industria calquera. Opera nun mercado de prezo regulado e ten un IVE súper reducido (o 4%). Mais a pesar diso, os editores teñen que lidar co termo básico de mercado de escala.

O libro está inserido nunha industria semiartesanal ou semiindustrial, como prefiramos. Un libro ten xeralmente os seguintes custos: impresión, edición e corrección, tradución, ilustración, maquetación e deseño, e dereitos de autor. Agás a impresión, os outros custos son iguais así se impriman cen que cen mil. Polo que a base do prezo dun libro depende do número de exemplares que se produzan e loxicamente da calidade desa impresión.

É caro o libro galego? Se lles preguntamos a editores e impresores dirán que non, que de feito os custos están moi axustados en todas as fases da cadea. Os tradutores, ilustradores, deseñadores e editores apertan o cinto. As imprentas tamén e incluso as librarías ven como a súa marxe de beneficio non supera como media o 28%.

Se comparamos no andel de novidades tampouco temos esa impresión. Acaba de editar Nórdica Juventud sin Dios, de Odon Von Horvath. Unha novela de 208 páxinas que custa 18 euros. É unha obra que chega a Galicia ben despois de Mocidade sen Deus, a tradución que vende Irmás Cartoné por 15,75 euros. E iso? Como é posible? Non era que o libro galego era máis caro?

As comparacións

Por desgraza, o caudal de traducións ao galego é baixo e apenas se poden facer comparacións coma esta. Mais fagamos unha proba ás cegas. Busquemos tres novidades de tres editoriais: Xerais, Galaxia e Embora.

E agora tres de editoriais españolas que editan cos mesmos formatos: novelas de capa branda con lapelas: Acantilado, Impedimenta e Anagrama.

Por non cansar con táboas e números, podemos dicir que un libro de Impedimenta raramente baixa dos 20 euros. Os de Anagrama pódense encontrar a partir de 16 euros, igual que os de Acantilado, cando o número de páxinas rolda as 100-150.

Que ocorre coas edicións destas tres empresas galegas? Que a igual número de páxinas veñen valendo menos. O lector pode comprobalo.

E isto, na verdade, é un milagre. Porque as tiraxes medias do libro en galego non superan os 700 exemplares e calquera editorial en español precisa pór no mercado como mínimo 1.500 se quere ter acceso xa simplemente ao servizo de novidades das librarías principais da xeografía estatal.

Cando se comparan as diferenzas de prezo entre un libro (de peto) en castelán e o dun libro galego case sempre se ignora que en galego non hai libro de peto. É un formato que ten menos público do que se pensa e que os grandes grupos editoriais en español (Random House e Planeta) ocupan porque practicamente lles sae de balde producir a versión dunha obra que xa esgotou o seu mercado en tapa dura tamén nunha versión barata. Os custos fixos xa están pagos. Só hai que ver como están maquetados para ver que nin na remaquetación gastan. O fin último destas coleccións é ocuparen espazo nas librarías e tamén ocuparen espazo entre todas as categorías de compradores, incluído os que disque non len tal ou cal libro porque supera os 10 euros de prezo.

O libro galego conta, ademais, con outra desvantaxe (segundo se mire): non ten acceso a determinados mercados do libro infantil (libros pop-up e outros troquelados, grandes formatos a cor…) porque os custos de imprenta en empresas europeas obrigaría a ter que vendelos polo duplo do que se venden as edicións en castelán. Iso se conseguisen que algunha empresa llelos imprimisen.

É doado de comprobalo. Ide á libraría, pedide un libro infantil de gran formato deses que valen menos de 15 euros e comprobade onde é que están feitos. Seguramente na India ou na China. Incluso ocorre iso con libros para esas idades publicados en galego. É viable esta estratexia industrial? Se esquivamos o debate ético e socioeconómico que si se abre cando se fala do mercado téxtil e a deslocalización máis explotación laboral, só compensa imprimir en Asia se as tiraxes son amplas. De aí que as únicas experiencias en galego teñan por obxecto libro para crianzas, o único que supera os preconceptos e odios varios que sofre a cultura galega. Este noxo é, primeiro, institucional, cun goberno que leva unha década marxinando a industria cultural ao tempo que subvenciona outras. E logo social, onde medran diversas lendas urbanas ben paveras, como que o galego é un idioma que o andan cambiando cada quince días, que se existen libros en galego é porque os subvencionan xenerosamente ou que o libro galego é caro e por iso non se compra.

 


Source: BIOSBARDIA

2019-01-24T07:00:23+00:00 24 / 01 / 2019|BiosBardia|