Oberturas literarias (1). As primeiras frases dun libro

Inicio/Blogs/BiosBardia/Oberturas literarias (1). As primeiras frases dun libro

Oberturas literarias (1). As primeiras frases dun libro

Manuel Xestoso (esquerda) conversa con Cid Cabido.

Xesús González Gómez.

Entre os diversos libros que lin a Semana Santa pasada, hai dous que considero extraordinarios: Los diarios de Emilio Renzi (2). Los años felices 1968-1975, de Ricardo Piglia (Anagrama, 2016) e Breviario de saberes inútiles. Ensayos sobre sabiduría en China y literatura occidental, de Simon Leys (Acantilado, 2016).

Non falarei do libro de Piglia. É, como dixen, extraordinario, e ao acabar a lectura o único que se desexa é a publicación do terceiro, e infelizmente derradeiro, volume destes diarios. Diarios nos que se reflicten non só as teimas literarias (e políticas, e algunhas persoais) do autor, senón o “mundo literario” e “político” arxentino daqueles anos, as dificultades para continuar, ou empezar, unha novela, por parte do “diarista”, os seus diferentes encontros con escritores “consagrados” ou en “decrúa”, etc. Por outra parte, o lector notará, por erros factuais, que Piglia, antes de enviar á imprenta estes diarios, fixo unha revisión e corrixiu, e talvez puxo ao día anotacións que fixera aqueles anos. Non vou citar os erros factuais que “pesquei”, só un, como exemplo: dá como vista (xa que logo estreada) a película Excalibur, de John Boorman en 1971, cando o filme é de 1981. Mais son estes, non moitos, erros da memoria no momento de corrixir, penso, xa que é difícil que anotara que este filme se estreara aquel ano. Talvez na anotación aparecía o nome de Boorman sen consignar o filme e ao corrixir meteu este de 1981. En todo caso, en Buenos Aires, en1971, se se estreou algún filme de Boorman debeu ser Leo, o último, que é de 1970. Mais, como dixemos, non queremos falar deste extraordinario libro, só recomendalo; é máis, eu diría que é case de lectura obrigatoria para aquel/a que queira ser escritor/a. E unha anotación de Piglia que acurtamos: “peronismo revolucionario: un oxímoron”.

O outro volume, do que tampouco falaremos, é dicir, non comentaremos o seu “contido”, non faremos unha “recensión”, Breviario de Saberes inútiles, de Simon Leys, pseudónimo do belga Pierre Ryckmans (1935-2014), é unha recompilación de ensaios sobre escritores (e temas literarios) occidentais e sobre diversos temas chineses. Leys escribe tanto en francés como en inglés. Á parte de narrador (A morte de Napoleón, publicado por Anagrama), deuse a coñecer hai moitos anos, alá polo 1975, cun libro excepcional que lles puxo os cabelos de punta aos maoístas occidentais: Os traxes novos do presidente Mao, que publicara en español a Editorial Tusquets en 1976, na súa colección Acracia. (A versión orixinal, francesa, fora apadriñada por Guy Debord). Un libro que deberían ler, aínda que fose pola forza,os nostálxicos da famosa revolución cultural maoísta, que non foi máis que unha gran manipulación dunha parte do Comité Central do Partido comunista chinés, a dirixida por Mao, para se facer co control total do poder e da sociedade. Outros dos seus libros están traducidos ao español: Sombras chinesas, A felicidade dos peixiños, Cartas desde os Antípodas, Con Stendhal, etc. Digamos que os seus libros de ensaios, e os dedicados a temas chineses, son sempre de lectura “frutífera”.

O presente volume recolle textos de diversas importancia e alcance. Os textos sobre temas chineses son unha xanela aberta pola que o lector pode introducirse e recadar información e saber, lonxe dos digest sobre temas (e política) chineses aos que nos teñen afeitos os medios de comunicación occidental, de calquera cor política. Os escritos sobre “literatura occidental” tratan de escritores como Balzac, Hugo, Gide, Malraux, Chesterton, Simenon, Conrad, Orwell (a quen Leys lle dedicou un libro máis que discutíbel nas súas teses), E. Waugh, etc., os premios literarios, as traducións ou a introdución á súa antoloxía O mar na poesía francesa. Artigos, ensaios, traballos que non só demostran o saber de Leys, senón tamén a acuidade e a agudeza da súas reflexións, aínda que non se estea de acordo con algunhas (ou moitas) delas.

Mais en verdade o que queremos hoxe é, a partir dun traballo de Leys recollido neste volume, Oberturas, no que fala, precisamente, diso, das oberturas (inicios) no sentido musical do termo, en diversas novelas e outros libros, facer o mesmo con diversas novelas galegas, xa que temos unhas horas de lecer.

Segundo Leys, a idea do ensaio veulle despois de ver nunha libraría a novela de Chesterton O Napoleón de Notting Hill. Só a coñecía de título, así que abriu o libro pola primeira páxina e leu “a primeira frase do capítulo un: ‘A especie humana á que tantos lectores pertencen…’”, e comprou o libro inmediatamente: polo inicio, pola obertura. A partir de aquí reproduce e comenta a obertura de diversas novelas e doutro tipo de libros. Por exemplo, para el o inicio de O manifesto comunista é grandioso: “Un espectro anda rondando Europa” [tradución de Isaac Alonso Estravís]; “Un espectro percorre Europa: o espectro do comunismo” [tradución de Franck Meyer]. Segundo Leys, non sabe cal será o futuro do marxismo –e matiza que aqueles países que se dicían baixo a éxida do marxismo, nada tiñan a ver co marxismo–, non é especialista, mais o Manifesto comunista vivirá sempre porque é un texto excelentemente escrito. Para Leys, «A obertura a toque de trompeta é unha característica dos ensaios políticos». Velaí outro exemplo transcrito por Leys: “O home naceu libre, e no entanto por todas as partes está encadeado”, Rousseau, O contrato social (non sei se existe versión galega). Do propio Rousseau, do inicio das súas Confesións, Leys di que é “un cóctel embriagador de simplicidade inxenua e megalomanía”: “Emprendo unha tarefa da que xamais houbo exemplo e que non terá imitadores. Quero descubrir perante os meus semellantes a un home con toda a verdade da natureza, e este home serei eu.// Eu só. Sinto o meu corazón e coñezo os homes: non son como ningún de cantos vin, e aínda me atrevo a crer que como ningún dos que existen, etc.”.

O inicio dun libro, dunha novela, pode atrapar o lector. Mesmo pode que ese inicio nos avise onde imos entrar. Algúns escritores, afirma Leys, “encontran a faísca inicial nas palabras, outros nas ideas e outros incluso nunha imaxe, nunha visión interior. Estes son quizais os escritores de ficción quintaesenciais” –e cita tres nomes: Graham Greene, Georges Simenon e Julien Green. E sobre Greene relata unha anécdota. Era aínda un escuro xornalista e autor de dúas ou tres novelas que pasaran con máis pena que gloria, cando coñeceu o produtor cinematográfico Alexander Korda. “Este preguntoulle se pensara algún relato que puidese converterse nunha película. Greene improvisou inmediatamente a escena inicial dunha película de misterio: ‘Pola maña cedo no peirao número un de Paddigton; o peirao está baleiro, agás por un home que espera o último tren de Gales. Por debaixo da súa gabardina un regueiro de sangue forma un charco no peirao’. ‘Si, e logo?’, preguntoulle Korda. ‘Levaría tempo de máis contarlle toda a trama –contestou Greene, que non tiña idea de como seguía. –Aínda teño que traballalo máis’”. De aí naceu unha amizade que conduciu á realización d’O Terceiro home (Galaxia). “Nunca saberemos que traía entre mans aquel individuo que sangraba no peirao –remata Leys–, mais a súa imaxe permanece connosco, como fixo con Korda”. Estes escritores quintaesenciais son aqueles que en poucas palabras din moito. Outro exemplo de Greene (non de obertura, senón de dicir moito con poucas palabras), en Alcancia. Ida, primeiro volume dos “diarios” desa grande escritora infravalorada ou non valorada como se debería, que é Rosa Chacel, pódese ler:

“Dice Graham Greene en El que pierde gana:

La iglesia apareció a la vista; era una iglesia horrenda, pero no más horrenda que San Lucas. Era gris e inexorable y manchada de hollín, con escalones rojizos que bajaban a la calle olor de barro y en un tablero se leía este texto: “Venid a mí todos vosotros los que lleváis una pesada ‘carga’, que era como decir ‘Abandonad la esperanza’”.

“Creo que hasta la fecha no se había dicho nada más grueso. Digo grueso porque no encuentro el adjetivo justo: atentatorio, podría ser, pero no me satisface porque lo sitúo entre los improperios anticristianos. Lo importante aquí es que ese párrafo condensa la gran crisis actual de la piedad. Yo, para decir algo de esto, para decir sólo un poco, necesitaría cincuenta o sesenta páginas, y este bárbaro lo despacha con una frasecita. Qué extraño tipo: tiene un poder de sugestión, un tino para reunir elementos, para redondear el mundo novelístico entorno a una idea, realmente insuperable […]”

A cita foi longa, mais penso que pagaba a pena. E mágoa que Greene non influíra na maioría dos escritores galegos actuais. Para atopar un pálido reflexo deste poder de suxestión, só podemos remitirnos a quen este ano se lle dedica o Día das Letras: Carlos Casares, tan pouco considerado por escritorciños de quinta fila.

Ás veces hai libros dos que só se lembra o inicio. Un inicio que acaba no acervo popular de todas as nacións. “As primeiras palabras d’O mensaxeiro están en todos os recordos, até nos que nunca oíron o nome de L. P. Hartley [ou viron o filme homónimo baseado na novela deste escritor, de Joseph Losey, engadiría eu]: ‘O pasado é un país estranxeiro: alá as cousa fanas doutra maneira’”. Con esta frase de Hartley acontece o mesmo que con esta outra: “Partir é morrer un pouco”, que é do poeta francés Léon Cladel, mais hoxe é, diría eu, de todos, ou case todos, os pobos do mundo.

Mais sigamos.

Hai inicios que non avisan, para nada, ao lector do que vai vir despois. O máis coñecido, segundo Leys, é o de À la recherde du temps perdu: “Durante moito tempo deiteime cedo. Ás veces, apenas se apagaba a buxía, os meus ollos cerrábanse tan rapidamente que non tiña tempo de dicirme: ‘dúrmome’”. O lector, dinos Leys, non pode sospeitar o que se aveciña… Mais se o lector non adiviñará o que vén detrás destas inocuas frases do inicio da Recherche, ese mesmo lector pode ficar atrapado desde a primeira frase d’A metamorfose (en realidade, A transformación) (Sotelo Blanco): “Unha mañá, ó espertar dun soño desacougante, Gregor Samsa achouse no seu leito transformado nun insecto monstruoso”. Quen non se sente atrapado, quen non pensa que todo o que virá despois debe ser un pesadelo? Un pesadelo, non un soño, porque ao ser un escritor profesional, é dicir, ao non ser un diletante, Kafka nunca dirá que todo o que lle aconteceu a Samsa foi, simplemente un soño: se usase este mecanismo, tan manido, Kafka sería, simplemente, un produtor de kitsch. Un escritor non profesional adoita ser aquel que non sabe como acabar a súa narración: non temos visto como novelas de grande “éxito” no noso país (escritas en galego), ao non saber o autor como acabar o seu artefacto decídese ou por matar en accidentes máis que improbábeis os seus “protagonistas” ou, para intentar atar todos os cabos do desenlace, rematar a súa novela cunha longa carta que calquera ser humano que a recibise non pasaría da terceira cuartilla?

Hai autores cuxa faísca inicial é verbal. Velaí o exemplo de H. Melville, na súa máis famosa obra: Moby Dick:

Ilustración de Miguel Robledo inspirada no universo de Moby Dick.

Chamádeme Ismael. Hai uns anos –non importa canto exactamente–, tendo pouco ou ningún diñeiro no peto, e nada particular que me interesase en terra, pensei que me iría navegar por aí, para ver a parte acuática do mundo. É un modo que teño de botar fóra a melancolía e arranxar a circulación.

O inicio da obra mestra de Melville atrapa o lector só coa primeira frase: “Chamádeme Ismael”. Atrápao e este non sabe o que lle espera: o poder, o mar, o sangue, o capitalismo, a redención, o espazo, o continente americano, os cartos, Estados Unidos [Ver: Chamádeme Ismael, de Charles Olson.]

Entrantes galegos

E na literatura galega, cales, ou como son os inicios das novelas dos nosos escritores? Sería un traballo divertido, claro que non “cotizaría” nada no mundo universitario. Xa se sabe: normalmente, universidade e literatura (como esta última e os premios) son polos que se repelen.

Tamén é certo que a pobreza da nosa novela, máis que da nosa narrativa, non dá para grandes alegrías, de aí que os inicios mesmo da mellores obras, non sexan para lanzaren foguetes. Adoitan ser inicios que, certamente, non atraen. Por sorte, en moitas desas obras a partir da segunda páxina lector séntese atrapado e continúa até o final.

Vexamos, xa que logo, algúns destes inicios dalgunhas obras.

Solicitamos audiencia co gobernador e concedéunola, non iamos armados, así que foi moi fácil superar os controis de seguridade que había na entrada e na primeira planta e mesmo na porta do seu despacho, que era unha estancia co teito moi alto, catro metros como mínimo calculeille eu.

(Grupo abeliano, Xerais). Se ben é certo que este inicio non atrapa o lector, de primeiras, a frase, entre comas, “non iamos armados” pode, facilmente, atrapar, senón o seu interese, si, cando menos, a súa curiosidade. Ora, o mesmo autor, en Panificadora (Xerais), entrega un inicio que pode doadamente atrapar o lector que, acha, despois deste inicio vai introducirse, o autor vai introducilo, nun mundo estraño, algo kafkiano, aínda que sexa máis ben beckettiano:

Todo ese tempo choveron sete choveres. O neno a penas pode saír da casa para ir comprar bocadillos de pan de goma con xamón e queixo de goma, seu pai nunca viviu nesa casa e a nai ultimamente non asoma por ningures. Non se sabe que foi dela.

Se o lector do inicio de Panificadora pode ser sorprendido; en realidade sabe que vai ser sorprendido porque o inicio xa llo avisara. O lector deste outro comezo tan kitsch, no que quere:

O enorme portón de castiñeiro varre todo o ruído da Rambla e crea nas escaleiras unha repentina atmosfera de clausura na que se escoita a pulsión afinada do violoncelo do profesor do primeiro. Gusto deste instrumento porque semella tensar o silencio e alongalo para testemuñar o eco da súa existencia oculta.

xa sabe o que lle espera: unha escrita falsamente poética, lambida, afectada e, xa que logo, unha novela falsa (kitsch, no que o extraordinario se converte en “acontecemento constante”), máis achegada aos folletíns do XIX do que a outra cousa e, polo tanto, de grande éxito nos denominados clubs de lectura (Laura no deserto, Galaxia). [Esta novela, como tantas outras que triunfan nos clubs de lectura –nos últimos tempos, a tetraloxía de Elena Ferrante sobre a inacabábel historia das dúas amigas, as obras de Javier Marías, etc.– procuran unha conectividade co público que se basea na proximidade das súa propostas, na súa externalidade, rapidamente asimilábel polo público por medio da emotividade que se desenvolve a partir de figuras claramente perfiladas que axudan ás identificacións dos e das lectoras no universo maniqueo que recrean. Efectos de nostalxia (ai las, la république!) ou de rabia (os malvados fascistas) forma parte dun mecanismo teledirixido da novela: a estrutura. A teleoloxía destes autores esixe un desenvolvemento de efectos sensíbeis –superficiais– que acompañen a lectura e a predispoñan á traca final anunciada xa desde o inicio da novela. Se facemos un exercicio de baleirado, é dicir, transcribimos o inicio até o primeiro punto e seguido e, a continuación, tomamos o final da novela, desde o último punto e seguido até o final, pódese percibir que o lector pode intuír a que se lle aveciña: “Mais agora, sen saber quen son verdadeiramente, nin quen puiden ser en todos estes anos, toma conta de min a súbita responsabilidade de ser Laura Mulisch e, mentres o ceo acolle a cor viva do globo e as ausencias se inscriben na paisaxe, abrázome a Pablo e deixo que a brisa do Atlántico meta no meu corpo unha estraña sensación de frío e soidade”.]

Con todo, un inicio pode enganar:

Diante miña hai unha fiestra, ou millor dito, un chinelo cadrado de carta e media de lado, cun único cristal. E máis alá do chinelo, as rúas, as prazas, o arrabaldo sen nome de rúas embeleñadas, de prazas inagardadas, o barrio norte da vila. Pouca xente na vila podería dicir de si mesmo (sic) que coñece, como eu coñezo, iste sistema de prazas comunicadas antre sí por unha madeixa de rúas incoherentes, que constitúi o arrabaldo do norte.

O inicio é excelente, o lector pode esperar unha xeografía física, política, mesmo económica do arrabaldo e, xa que logo da cidade: queda a cousa nunha xeografía física que, ás veces, semella chegar a converterse en xeografía política, mais nunca dá o salto. E un “protagonista” que inmerso na cidade, vai rebentala desde o seu interior, mais tampouco é así. No entanto, talvez sexa a mellor novela do seu autor, a máis política sen chegar a falar explicitamente de política. A súa novela peor lida[1] (Arrabaldo do norte, de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicada por Galaxia).

Se a obertura de Arrabaldo do norte anunciaba unha sinfonía que perdeu forza (e notas) polo camiño, o inicio seguinte, en allegro andante ma non troppo, con contrapuntos en do menor, anúncialle ao lector unha sinfonía beethoviana con engadidos de fuga barroca:

O sonado cabaré “La Ressource” estaba deserto naquela hora do serán. Só, nun recanto preto da estufa, un vello fidalgo trasegaba o seu quinto vasiño de augardente. Cavilaba teimando pór unha pouca de orde na súa imaxinación. Trinta anos levaba gastados en esforzos semellantes, sempre guiado pola lembranza das leccións do seu profesor de francés, un tipo esguío, vedraio, sensual de enciclopedista da boa escola, amigo de Maupertuis e segundo el confesaba despois de media ducia de vasos, antigo amante dunha certa marquesa arruinada nativa do Saintonge, que no seu pisiño da Chaussé D’Antin combinaba o comentario da Constitución feita por Locke para Carolina do Sur co mimoso coidado dos encaixes do tempo de Lois XV doncel, e as marmuracións de filosofantes e porteiras.

(Fra Vernero, de Otero Pedrayo –transcribimos pola edición de Galaxia, que corrixe máis que abondo o idioma e as opcións oterianas, mais non temos a man a edición de Nós, así que…).

Logo desta introdución, ao lector pareceralle estar a escoitar, se a le en voz alta, unha sinfonía beethoviana, como dixemos, con arranxos ou adaptación dun Gustav Mahler natural de Ourense.

De sons está inzado o inicio de Deus sentado nun sillón azul, de Carlos Casares. Sons que, a modo dunha adaxio con detalles máis lisztianos que mozartianos, ao comezo, o introducirán nunha sinfonía con visíbeis cambios: adaxio, allegro moderato, andante amoroso, allegro ordinario e allegro moderato ma energico, todo isto, até o final, sen solución de continuidade:

Eses pasos sonoros e pausados que lle chegan desde a rúa, procedentes do lado esquerdo segundo se mira desde a fiestra do salón onde ela se atopa agora, sen dúbida que son os del. Hai pouco máis de corenta minutos, cando o reloxo da catedral empezaba a dar as  oito da mañá, viuno saír do grande portal da casa de en fronte, tranquilo como cada día  a esta mesma hora, despreocupado polo paso que levaba.

Se os ensaios políticos (de calidade, claro) comezan, segundo Leys, a “toque de trompeta”, a algunhas novelas acontécelles o mesmo: o problema é que se ben o toque inicial foi de boa calidade, atinando nas notas e seguindo unha pauta musical correcta, pouco a pouco, ou ás veces de súbito, o trompetista comeza a desafinar, como se a válvula de evacuación non funcionase, o pavillón se fose abolando a medida que avanza a interpretación e a embocadura se enchese de cuspe, e con el os outros membros da orquestra, o director non sabe por onde ir, e a peza interpretada, que semellaba boa de inicio, convértese nunha fuga bachiana adaptada para gaita, pandeiro, pandeireta e acordeón e, por riba, os músicos sen saberen solfexo:

Dispostos na incerta orde do que non sabe por onde comezar, atrapados pola lei da gravidade no plano da mesa, fartos de non ser tocados en varios anos e carentes, xa que logo, de afecto, os libros de antropoloxía prehistórica, historia dos mitos, orixes humanas, paleontoloxía e semellantes, pousan o seu desacougo riba desta táboa de madeira na que o xoven profesor de historia do pensamento non remata de atoparse a si mesmo nin ós demais: Albo Rueiro, farto de falar das mesmas cousas, decidiu comezar hoxe unha camiñada sempre aprazada polas orixes do home.

O inicio semellaba anunciar unha gran e ambiciosa sinfonía –as orixes do home!–e quedou no que quedou, talvez porque anunciaba demasiado (Longo voo de paxaro, de Fermín Bouza, Xerais).

Outras veces o inicio semella algo así como unha improvisación jazzística que vai subindo o ton e o son e a obra acaba por se converter nunha excelente sinfonía que é unha gran colaxe de músicas diversas, cultas e populares:

Os tolos gozan hoxe de boa prensa; son admirados case como homes que acadaron un estado superior, no que poden ver deica onde a vista dos cordos non chega; ou tamén como víctimas inocentes da crueldade dos demais. Eu non nego nada desto; o que si nego é que, en xeneral, as historias de tolos me gusten, porque non teño nada de psiquiatra, porque penso que facer historias sin sentido está ao alcance de calquera (o subliñado é noso, XGG).

(Cara a Times Square, de Camilo Gonsar, Galaxia –a observar que a última frase, a subliñada por nós, semella unha crítica a priori de moitas novelas galegas que aparecerán despois desta, publicada en 1980: quen dixo que a literatura non pode ser profética?).

[1] Véxase a recensión desta novela no número 7 de Grial (xaneiro-febreiro-marzo 1965): o comentarista acabou por non entender nada.


Source: BIOSBARDIA

2017-05-25T01:23:45+00:00 25 / 05 / 2017|BiosBardia|