O tizón de Nadal, un rito de boa fortuna

Inicio/Blogs/BiosBardia/O tizón de Nadal, un rito de boa fortuna

O tizón de Nadal, un rito de boa fortuna

O tizón de Nadal. ROBERTO DE LA TORRE

Nati Rei.

O tizón ou cepo ou cañoto de Nadal é un dos ritos máis importantes do ano vencellados ao lume. Esta tradición vai ligada a antigas celebracións relacionadas co solsticio de inverno, tempo no que o sol perde forza e cuxa orixe se perde no tempo dos indoeuropeos.

O rito do tizón realízase na noite do 24 de decembro. É preciso deixar morrer o derradeiro lume vello da lareira (pódese engadir o tizón vello), límpase a borralla e acéndese o lume novo cun gran cachopo de carballo. O tronco só ten que arder un chisco e logo apágase e gárdase. Isto pode realizarse todos os días até Aninovo ou Reis. Logo presérvase durante todo o ano como un poderoso amuleto protector que acenderemos cada vez que haxa algún mal na casa (dificultades na vida cotiá) para purificar o fogar. Tamén se prende cando hai tormenta, para afastala e protexernos contra os raios, pois o fume sagrado que produce chega ata as nubes e escorréntaas. As súas cinzas teñen propiedades fertilizantes para as leiras e campos polo que favorecen as colleitas. Ademais, como di Vicente Risco, o tizón está relacionado coas ánimas dos mortos da familia. “É un cañoto grande dunha árbore”, defíneo o propio Risco, “que nas montañas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a metade, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arredar o pedrazo e os raios. Nalgúns lados semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cal si que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén ten relación coa presenza das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume. O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de España. En Cataluña vén ser o que chaman tió, no que baten os nenos da casa para que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro. A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos”.

Un bispo de Mondoñedo contra o tizón

A finais do século VI o bispo Martiño de Braga co seu coñecido Sermón contra as supersticións rurais condenou moitos costumes ancestrais, con moi pouco éxito; case mil anos despois, o bispo de Mondoñedo Antonio condena o tizón de Nadal nun sínodo celebrado en 1541:“Item nos constó por la visita que la noche de Navidad echan un gran leño al fuego, que dura hasta año nuevo, que llaman tizón de Navidad, y dan después de aquel tizón, para quitar calenturas; y como esto sea rito diabólico y gentilicio, anathematizamos y descomulgamos y maldezimos a todas las personas que, de aquí adelante, usaren de esta superstición; y más, y allende de esto las condenamos en cada caso a dos mil maravedís, y que un domingo, en la misa mayor, hagan penitencia pública”.

Canhoto do Natal, Bruçó, Mogadouro (Portugal). ROBERTO DE LA TORRE.

O canhoto do Natal

En Portugal o tizón do Nadal, amais de no fogar, tamén se fai en celebracións xunto coa veciñanza nas grandes fogueiras do Natal ou Galo que se acenden no centro da aldea; na praza principal, ou no adro da igrexa. Onde máis abundan é en Trás-os-Montes, Beira Alta e Beira Baixa.

Na zona de Trás-os-Montes na noite do Nadal acenden o canhoto do Natal. Cando se carboniza sácanlle un anaco e lévano para a casa como un elemento protector contra o mal e as treboadas. Esta tradición únese ás mascaradas da invernía.

Un veciño mirandés infórmanos da fogueira de Reis, ligada aos rituais de iniciciación e ás festas do solsticio do inverno. Facíase na aldea de Cicuiro, en Miranda do Douro, e os mozos ían á leña o día 6 de xaneiro para acendela o 9 no Terreiro, sendo un lugar de encontro para a mocidade. Nesa noite, despois da novena, comezaba a chocallada pola aldea para escorrentar os malos espíritos que viñan  da escuridade. É unha tradición perdida que se recuperou este ano e para o próximo día 11 de xaneiro dará inicio unha vez máis.

O poder do carballo queimado

A máxica data do solsticio de inverno:

Unha das celebracións máis importantes do mundo pagán é a celebración do nacemento do sol, que se comemoraba nos países celtas e no Imperio Romano antes das influencias do cristianismo. O Nadal, deriva da palabra latina nativitas (natividade), que significa nacemento e refírese particularmente ao nacemento do Sol Invictus que renace. Coincide co solsticio de inverno onde as noites son longas, xeadas e os días curtos. Réndense homenaxe aos deuses solares para pregar por un novo ano cheo de luz e prosperidade. Nos países celtas nestas datas ofrecíanse sacrificios aos deuses de acordo coa tradición druídica, colgábanse froitas e candeas das árbores para reanimalas e aseguraren o regreso do sol e da vexetación.

A árbore dos deuses:

O carballo foi considerado dende a Antigüidade como unha árbore máxica que nalgúns tratados sobre simbolismo representa sabedoría. O ser humano deuse conta de que o carballo atraía dunha forma peculiar o raio e este feito consagroulle facultades divinas, por ser un imán do lume celestial. O carballo foi unha árbore asociada a deuses de tronos e raios, a Zeus e a Xúpiter.

Na cultura celta cortaban un tronco, principalmente de carballo, e adornábanno con plantas perennes, sempre verdes como son a hedra, o acivro e o visgo. Colocábase nun lugar privilexiado do fogar e os habitantes pedían desexos tocando a casca e entregando ofrendas. Desta tradición derivou o tizón e o ramo de Nadal leonés-sanabrés, que foi recuperado pola Asociación para el Estudio de la Montaña Cryosanabria nos últimos anos, despois de máis de cen desaparecido.


Source: BIOSBARDIA

2018-12-20T22:42:06+00:00 20 / 12 / 2018|BiosBardia|