‘O tabú na traslenda’, a aldea utópica

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘O tabú na traslenda’, a aldea utópica

‘O tabú na traslenda’, a aldea utópica

O tabú na traslenda é un libro de relatos peculiar. En cada un dos 26 contos que compoñen o libro vai ser protagonista un habitante distinto dos moitos que pasaron por Amarelle –unha aldea galega que a diferenza do que ocorre no mundo real atrae a xente a vivir nela– dende a posguerra ata os nosos tempos. En cada relato Isidro Novo cóntanos a modo de anécdota a relación dos amarellenses cos seres sobrenaturais do lugar: a moura de Amarelle e o seu consorte, Amado Trasancos, un republicano exiliado no mundo da maxia.

Cómpre que volva sobre os meus pasos nesta recensión. Si, tan pronto, xa no segundo parágrafo, porque onde eu dixen “libro de relatos”, autor e lapela falan de “novela”. Coido que ambas definicións deben ser só iso, unha maneira de nomear a realidade para poder entendernos, e non escalas dun sistema de valores ou capacidade comercial. Por iso, cando leo un texto composto por “capítulos” autoconclusivos que non forman unha historia maior que a que suxire a sinopse do libro e no que tampouco importa a orde da súa lectura porque non existe evolución argumental, debo dicir que lin un libro de relatos, inda que estes estean relacionados entre si. E dicir isto non é rebaixar o libro, non baixa chanzos na súa calidade por non definilo eu como novela, nin tampouco se lle fai favor, me parece, cualificándoo como tal se non o é.

As palabras e xiros da linguaxe que emprega Isidro Novo conseguen con facilidade darlle á narración un carácter moi oral, de feito tanto se afanou que nalgunha ocasión tiven que volver atrás e acometer de novo a lectura dalgunhas frases ata acertar coa súa entoación correcta. Non obstante, ao decantarse o autor polo uso dun narrador omnisciente para contar a historia prodúcese unha colisión de forzas que non suman os seus esforzos na mesma dirección. Queda proba desta desconexión narrativa cando o omnisciente simula falar cos habitantes de Amarelle, no que non é máis que un diálogo finxido no que se pregunta e responde a si mesmo. Nótase que o narrador quere situarse próximo ao lector e contar as cousas coma se a el lle tivesen chegado de oídas, pero as atribucións divinas propias do seu rango –e das que fai bo uso– son unha barreira empática demasiado forte como para consideralo sequera humano. Queda a posibilidade de termos topado cun habitante máis do patrimonio sobrenatural de Amarelle.

O ir pasando dun relato a outro é como camiñar polos rueiros de Amarelle para descubrir a súa xente e os seus lugares de interese. Destaco persoalmente os relatos número cinco, 16 e o 18 –mágoa que non teñan título–, se ben para sacarlles o máximo proveito é recomendable ler antes algún outro para irse embebendo do espírito local.

O tabú na traslenda non é unha imitación do costumismo clásico –en Amarelle hai máis autónomos que labregos–, que un dos veciños de Amarelle sexa deseñador de videoxogos deixa ben claro que o lector obxectivo é a xente de hoxe en día ou, talvez, os galegos do futuro inmediato. De todas as maneiras, como non hai unha historia global que xulgar, o sentido do que se nos conta –o “por que” do libro– queda aberto á interpretación de cada quen.

Agás nun par deles, os conflitos dos relatos resólvense de forma feliz para os seus protagonistas. Tanto azucre espertou en min, estrañamente, un gran sentimento de tristeza e melancolía, porque as cousas nunca son así na vida real. Nin as aldeas manteñen os seus habitantes, nin os problemas se resolven maxicamente. Iso foi o que a min máis me gustou de O tabú na traslenda, a poderosa capacidade de denuncia do relato utópico –inda que for de xeito involuntario, que non o sei. Os Amados Trasancos das nosas aldeas nunca fuxiron ao mundo das mouras a pórse a salvo dos falanxistas, a maioría deles foron asasinados e quedaron no recordo dos seus seres queridos conxelados naquela idade que tiñan, encarcerados en vellas fotos en branco e negro, brillando pola súa ausencia, como soubo captar J. M. Picón na ilustración da portada.

♦ O tabú na traslenda, de Isidro Novo. Urco, 2017. 194 páxinas. ♠15€

Lois Z.


Source: BIOSBARDIA

2017-10-26T21:38:29+00:00 26 / 10 / 2017|BiosBardia|