O problema das lecturas recomendadas

Inicio/Blogs/BiosBardia/O problema das lecturas recomendadas

O problema das lecturas recomendadas

A visión do mundo con ollos de lector. ANATOLIY STANKULOV.

Manuel Veiga Taboada.

As novas xeracións len pouco, pero os rapaces pasan centos de horas nos institutos recibindo clases de literatura. O fracaso da literatura no ensino é tanto ou máis palpábel que o da aprendizaxe de linguas estranxeiras.

Creo que este fracaso non é debido só á “dispersión actual” dos alumnos senón tamén aos métodos de ensino e a consecuente actitude de boa parte dos profesores.

–En primeiro lugar, unha parte do profesorado non le ou le só o básico para dar correctamente as súas clases. É un problema que toca a todas as profesións. Hai quen ten vocación, quen é só un bo profesional e quen chega máis ou menos rebotado ao seu oficio e só aspira a cubrir o expediente.

–Moitos profesores –consciente ou inconscientemente– evitan recomendar lecturas “problemáticas”, con temas “escabrosos” ou “polémicos”, para evitar a protesta dalgún pai –que, aínda que minoritaria, nunca é do agrado recibir–. Mesmo temen que a recomendación dun libro “inoportuno” salte aos medios de comunicación, atrapados hoxe en día no sensacionalismo, e lles cree un inmerecido e non desexado conflito. Este é o problema que hoxe chamamos da “corrección política” que, en termos literarios, non é máis que unha forma de censura. Non creo que hoxe en día ningún centro se atreva a recomendar Lolita de Nabokov e dubido que se recomendase un título similar a A Esmorga, se fose escrito por un autor contemporáneo e ambientado na actualidade.

–A maioría do profesorado prefire destinar máis horas á lingua que á literatura. Poñer nota aos exercicios de lingua é bastante máis doado que avaliar unha redacción ou un comentario de texto. A ortografía, por exemplo, é unha ciencia exacta. Tres faltas son tres faltas. Ningún pai pode discutirlle iso ao profesor. A valoración literaria esixe outro tipo de consideracións, bastante máis complexas e discutíbeis. Pero o lugar secundario que moitas veces ocupa a literatura dentro da materia afecta tamén á aprendizaxe da propia lingua. A sintaxe correcta, por exemplo, adquírese mellor e con máis pracer lendo, antes que repetindo pesadas análises sintácticas.

–Raíz fundamental do ensino é, obviamente, a pedagoxía. As materias chamadas humanísticas préstanse especialmente para educar en valores. De aí que a escolla de lecturas recomendadas estea moi influída pola ética inculcábel aos adolescentes. Moitos profesores optan polo libro que lles permite educar aos seus alumnos como futuros bos cidadáns, o cal é razoábel. O problema é que este criterio selectivo esquece que a literatura é, de por si, creatividade, algo novo, algo distinto dos valores. A literatura é imaxinación e a imaxinación moitas veces é transgresora, apunta a un mundo que non existe ou que non queremos ver. Hai tamén un erro nese enfoque que afecta, non xa á literatura, senón á propia pedagoxía, ao entendela como simple prescrición e non como desenvolvemento da persoa.

Aínda así, a comunidade educativa é complexa, dúctil. Existen marxes para actuar e non todo ocorre da mesma forma en todas as partes. A entrada nos institutos dun libro como Futuro imperfecto mostra unha desas fendas que inducen ao optimismo. O libro de Xulia Alonso non foi escrito pensando nos alumnos de secundaria, pero resultou ser un libro enérxico, lúcido e útil para eles, cunha temática de fondo, a das drogas, tratada sen ningún paternalismo.

Dentro dese sector de profesores de lingua e literatura encóntranse tamén moitas persoas activas e inquietas. Boa parte dos mellores mediadores cos que conta a literatura galega están nos institutos. E bastantes das persoas que hoxe publican libros e reciben premios descubriron a súa aptitude grazas a algún destes mestres.


Source: BIOSBARDIA

2018-01-08T22:31:10+00:00 08 / 01 / 2018|BiosBardia|