O pensamento do esquecido Mariátegui

Inicio/Blogs/BiosBardia/O pensamento do esquecido Mariátegui

O pensamento do esquecido Mariátegui

DIARIO DE LECTURAS

José Carlos Mariátegui.

Xesús González Gómez.

3 de abril. –Durante o mes de marzo e estes primeiros días de abril, á parte das Correspondencia entre María Casares e Albert Camus, da que xa demos noticia aquí, lin e relín outros libros. Entre as lecturas, aínda que en realidade foi relectura, xa que coñecía a maioría dos textos, debo consignar La vida heroica, de José Carlos Mariátegui (Lima, Instituto de Apoyo Agrario, 1989), o comunista peruano.

Non é este un libro que preparara o propio Mariátegui: el tiña en mentes publicar un volume con este título mais a súa curta vida impidiullo, e así en 1989, Ricardo Portocarrero e Alberto Flores Galindo prepararon o libro, que leva un prólogo do fillo do autor, Javier Mariátegui Chiappe. Saber que a selección e presentación estaba a cargo de Alberto Flores Galindo foi o que me decidiu a comprar o libro: tamén o prezo: 1,80€. Flores Galindo foi un historiador peruano nacido en 1949 e morto en 1990. O lector español ten ao seu alcance unha selección de traballos seus titulada Los rostros de la plebe, e que publicou Editorial Crítica no 2001. Eu comprara o libro nunha libraría de lance (é dicir, unha libraría que vendía restos editoriais) xa hai ben anos, polo que supoño que agora non é doado de atopar, con todo, recoméndoo, e non só polo traballo que dá título á compilación, que é excelente, senón, xa que estamos a falar del, polo traballo titulado «Mariátegui y la III Internacional: El inicio de una polémica (Buenos Aires, 1929)». Este estudo de Flores serve para comprendermos, por exemplo, por que o Partido Comunista Peruano nos anos 1960 non foi nada –logo, menos–: esquecera a tradición mariateguista e se pregara, como case todos os partidos comunistas occidentais, ás consignas que proviñan de Moscova: serían líderes trotskistas, como Hugo Blanco, quen recollerían o legado de Mariátegui, talvez un pouco confusamente (esa teima de certa esquerda en adorar os uniformes…), pero ao cabo legado mariateguista. En certa maneira tamén o seu legado foi recollido, e finalmente deturpado até límites insospeitados, por Sendero Luminoso, pero esta xa é outra historia.

La vida heroica recolle traballos e cartas de Mariátegui: traballos políticos, traballos literarios (recensións, narracións…). Mariátegui, como Gramsci, é debedor de Croce de Piero Gobetti e dunha serie de autores italianos e europeos nos que os dous máis interesantes líderes comunistas posteriores á revolución de outubro beberon até case saciarse. Culturalmente, ambos eran homes avanzados, talvez máis o peruano que o italiano, xa que o peruano estudou máis profundamente as vangardas literarias e pictóricas: o expresionismo alemán, o futurismo, dada e o surrealismo, sen esquecermos a psicanálise: consideraba a Freud un xenio. Ler a Mariátegui continúa a ser un exercicio moi saudábel contra toda forma de dogmatismo.

Os autores dividen a recompilación cronoloxicamente, ben que a cada división lle dean un título: «El alma vacía: febrero 1911-marzo 1918», no que se recollen escritos políticos, informacións e textos puramente literarios de Mariátegui: son os inicios e mostran o seu camiño cara ao socialismo. Camiños que confluén na segunda parte: «Por los caminos de Europa: abril 1918-febreiro 1923». Mariátegui vén a Europa e comeza a enviar noticias e traballos á prensa peruana. En Italia, á parte de coñecer a quen seria a súa muller, coñece os que serán fundadores do Partido Comunista Italiano. O pensamento italiano será a grande influencia (ademais da marxista) que sufra Mariátegui. Mais tamén se sente atraído por Francia. É en 1918 cando inicia o seu camiño cara ao comunismo. A terceira parte, «Tradición y modernidad: marzo 1923-agosto 1926», pode considerarse a fase de depuración e asentamento do seu pensamento; así escribe sobre Lenin, a revolución húngara, a frente única, sobre Gandhi, sobre as reivindicacións feministas, sobre o nacional e o exótico, sobre o fascismo e sobre literatura peruana, etc. A cuarta xeira: «Socialismo e indigenismo: setiembre 1926-marzo 1928» mostra o pensamento de Mariátegui no seu maior esplendor, un pensamento que empeza a abrir novos vieiros para o marxismo en países que hoxe denominariamos en vías de desenvolvemento ou terceiro-mundistas. Vieiros que están moi afastados da opción insurrecional que dominou o marxismo iberoamericano partir de 1960, debido á influencia do triunfo castrista e que, a día de hoxe, habería que ver se non serviu, esa vía insurreccional, para cegar os verdadeiros camiños que podían conducir a un cambio de sociedade neses países, aínda que tamén é doado facer unha crítica «a posteriori». Ora, Mariátegui, como todo o mundo, tamén cometeu erros, penso seu, como no artigo «Trotsky y la oposición comunista». Segundo o meu parecer, o peruano cae, ou comete, o mesmo erro con respecto a Stalin que o cometido, nun primeiro momento, por Antonio Gramsci: véxase a «polémica» deste con Togliatti a respecto da carta enviada polo comité Central do Partido Comunista Italiano ao Comite Central do Partido Comunista da URSS: o erro dun e doutro consiste en non entender a función do «cosmopolitismo» dentro do marxismo e falar, erroneamente, de «tipos nacionais». No aspecto literario, un moi bo texto: «Arte, revolución, decadencia», e textos sobre Esenin, sobre Rilke, sobre Barbusse, etc., que demostran o lonxe que estaba o peruano dos dogmas sobre literatura que imperaban xa nos partidos comunistas ocidentais (talvez, naqueles anos, coa salvedade do Partido Comunista de Checoslovaquia). E os dous últimos anos da súa vida: «Asedios y rupturas: abril 1928-abril 1930». Todo o esplendor de Mariátegui. Asedios ao surrealismo «Nadja de André Breton», asedio a «La misión de Israel», ruptura, velada, coa política da III Internacional. Ruptura aberta co partido populista (e maioritario) na esquerda peruana Apra, dirixido por Victor Haya de la Torre. Neses anos é cando funda o Partido Socialista Peruano (en realidade comunista), e neses mesmos anos é capaz de escribir tanto Sete ensaios sobre a realidade peruana como sobre as memorias de Isadora Duncan, ou sobre Henri de Man (socialista belga, autor dun Máis alá do marxismo: tan alá, que de Man acabou no fascismo, colaborando cos nazis. De Man era tío de Paul de Man, o famoso deconstrucionista: este empezou como antisemita e acabou como deconstrutólogo), ou o máis que interesante artigo «Freudismo y marxismo»: «La acusación de pansexualismo que encuentra la teoría de Freud tiene un exacto equivalente en la acusación de paneconomicismo que halla todavía la doctrina de Marx. Aparte de que el concepto de economía es en Marx tan amplio y profundo como en Freud el de libido […]» (o subliñado é noso, XGG). En fin, ler a Mariátegui, como ler a Gramsci, é, talvez, abrir un camiño á esperanza, alén, xa, de toda melancolía.

Ora, non estará de máis lembrar que para Mariátegui o vivir heroico non ten nada a ver co «vivir perigosamente» dos fascismos: vivir heroicamente é vivir pensando, arriscando o pensamento e comprometéndose sempre coas clases baixas, cos «rostros de la plebe». Talvez pola influencia italiana, o «vivir heroicamente» mariateguiano está moi perto do «eroico furore» de Giordiano Bruno… con certos matices. Outro día falaremos de como percibía Mariátegui a literatura contemporánea: o expresionismo alemán, o futurismo, dada, o surrealismo e os grandes nomes dos anos 1920. Ou como sabe discernir a postura máis ou menos reaccionaria de Emmanuel Berl, quen no inicio dos anos 1930, fronte aos surrealistas e outros, defendía un retorno a Zola. Se Gramsci é duro con Berl (alucina que este proclame a Zola revolucionario), Mariátegui di claramente que non entendeu a revolución –o que non puideron saber nin o peruano nin o italiano, é que en 1940 Berl será o redactor dos primeiros discursos do mariscal Pétain, e autor da famosa frase, para-fascista, «a terra non mente».

La vida heroica non é un libro que argallase o seu autor mais estamos por asegurar que de coñecer Mairátegui a montaxe de Flores Galindo e Ricardo Portocarrero estaría totalmente de acordo con eles, xa que sen forzar en nada e para nada os textos de José Carlos Mariátegui, os compiladores deste libro mostran, in progress, o pensamento, e a escrita, xa que logo, a praxe, a acción –que nada ten a ver co denominado militantismo ou, mellor dito, activismo– dun dos máis interesantes, e esquecidos fóra de seu país, pensadores marxistas da terceira década do século XX: nunca se saberá o mal que lle fixo ao marxismo que este tomase, nos anos 1950-60, a maioría dos departamentos de filosofía das universidades de Europa Occidental –evidentemente, non tanto mal como lle fixo a denominada práctica gobernativa e administrativa dos denominados estados socialistas. A un dálle por pensar, despois de ler a Mariátegui, e a Gramsci, e a outros pensadores marxistas da primeira metade do século XX, que talvez o marxismo poderá resucitar cando, por fin, abandone dunha vez por todas as aulas universitarias: estes pensadores, se pisaron a universidade, foi como alumnos. Só volvendo á rúa, o marxismo poderá (coa axuda doutros pensamentos revolucionarios: psicanálise, feminismo, etc.) recuperar o seu prestixio e a súa radicalidade entre as clases subalternas para deixar de ser, dunha vez por todas, materia de teses doutorais.


Source: BIOSBARDIA

2018-05-22T01:21:52+00:00 22 / 05 / 2018|BiosBardia|