‘O monstro de Ille’, un macguffin que estirou demasiado

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘O monstro de Ille’, un macguffin que estirou demasiado

‘O monstro de Ille’, un macguffin que estirou demasiado

Jorge Emilio Bóveda.

A comezos do século XIX tres irmás andaluzas quedan a cargo do crego de Ille ao morrerlles o pai cando ían camiño da Coruña. Un tío delas envía cartos desde Sevilla para a súa manutención. A obsesión do crego pola xestión deses cartos e a irracional animadversión da xente da aldea polas tres rapazas compoñen o núcleo argumental do libro.

En O monstro de Ille cada capítulo vai encabezado por un apuntamento, a modo de diario, de Rocío, unha das tres irmás. Neles describe os (supostos) fenómenos paranormais que suceden no Pazo de Ribada, onde están aloxadas. A función deste macguffin de tamaño industrial semella a de dar a impresión de que estamos a ler unha historia de pantasmas, dunha forma case tan enganosa como fai o booktrailer do libro. Na miña opinión a repetida lectura destas vivencias non lle engade valor adicional á novela. Penso que tería sido mellor prescindir delas, o compoñente sobrenatural xa se trata debidamente no corpo da obra.

Os diálogos posúen un pouco máis de riqueza na composición das escenas. En varias ocasións a narración, por exemplo, resume o que logo van expresar as personaxes mediante a fala. Noutras moitas, Bóveda decántase por unha estraña e pouco favorecedora elipse dos verbos que definen a fala.

Un exemplo, páxina 80:

«Mirouna estupefacto e no bordo dun exabrupto.

―Pero outra vez, filla? ―con varios graos menos de amabilidade na expresión.

―Non vai agora polo de antes, padre. Só me interesaba saber cando podemos falar do subsidio polo goberno do pazo ―con valentía.»

Outro, páxina 66:

«―Dirás que te deixaches levar pola túa ignorancia!

―Iso mesmo, si ―humillándose.»

Tamén anotei que, cara ao final, na páxina 140, o narrador citou dúas datas distintas para o pasamento de Leveque.

Sobre o contido, o que máis me chamou a atención foi a superficialidade coa que Bóveda abordou o relato da historia, como se a escrita da obra fose un encargo facturado con tanta corrección léxica coma desgana creativa. Talvez o sentín así porque tan pronto captei o leitmotiv (en resumo, que o monstro de Ille é a ignorancia), non fun quen de extraer moito máis das súas páxinas. As tres orfas, presuntas protagonistas, están encadeadas a unha pulsión concreta, coma se se definisen a través dunha única frase subliñada na súa ficha de personaxe. Rocío vai axudar na escola, Carme está namorada de Leveque e Lourenza fai plans para marchar de Ille. Como ben di a propia lapela, “a historia pásalles por enriba”.

Os antagonistas –a xente de Ille, os cregos–, en virtude do poder que ostentan, si que son capaces de tomar decisións que afecten á trama, e van exercer ese poder para defender o inmobilismo, o statu quo que os prové de privilexios ou baixo o cal se senten a salvo. Un deles, o padre Leveque, é francés. Iso dá pé a que se mencione a ocupación francesa e os avances intelectuais que trouxo consigo. Non obstante, a Francesada estala e remata durante a novela sen influencia palpable no argumento, quitando a intervención de Leveque ao convencer uns soldados franceses que pasaban por Ille de que se vaian sen facer dano a ninguén. Ao que vou é a que eses soldados pasaron por Ille, pero a efectos prácticos é coma se non tivesen pasado. Este exemplo é paradigmático do que para min é o maior problema do libro: durante noventa páxinas consumimos escenas e subtramas que non alteran o exposto no punto de partida nin fan evolucionar as circunstancias nas que se atopan as personaxes principais.

Esta metodoloxía de construción da novela convértea nun dragón chinés de longa columna vertebral, composto por metámeros irrelevantes a excepción da cabeza e o rabo. A única sensación real de progreso en O monstro de Ille reside deriva de que cada capítulo ten só tres páxinas. Ese espazo indeterminado que existe entre o remate dun capítulo e o comezo do seguinte é o que fai efectivo paso do tempo en Ille.

Como dicía un compañeiro, non estamos aquí para xulgar intencións, senón resultados, e O monstro de Ille, a pesar da validez e vixencia da súa mensaxe, non é unha boa obra. É máis ben un esquema, un relato estirado do que penduran unha proposta suxestiva e un final, comprimido en dez páxinas, que ben podía ter dado para unha novela.

♦ O monstro de Ille, de Jorge Emilio Bóveda. Galaxia, 2017. 148 páxinas. ♠15€

Lois Z.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-24T07:59:32+00:00 24 / 11 / 2017|BiosBardia|