O misterio da bandeira galega

Inicio/Blogs/BiosBardia/O misterio da bandeira galega

O misterio da bandeira galega

Bandeira de homenaxe a Manuel Curros Enríquez.

César Lorenzo Gil.

O deseñador Pepe Barro presenta estas semanas o seu libro Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza (Xerais). Con tal motivo María Obelleiro entrevístao para o semanario Sermos. Durante a conversa, Barro di que “hoxe sabemos que a bandeira da banda azul sobre fondo branco é un invento de Manuel Murguía e da súa filla Alexandra Murguía Castro. O que non sabemos é por que usaron as cores azul e branca en combinación”. Esta explicación podemos relacionala co traballo de Xosé Ramón Barreiro para o estudo Os símbolos de Galicia (Consello da Cultura-RAG) no que o historiador alude en efecto a que foi Murguía quen promoveu a escolla da bandeira con fondo branco e unha faixa diagonal en azul de abaixo a arriba e de esquerda a dereita, primeiro a través dun artigo de reflexión sobre a historia dos símbolos propios  e logo, de xeito material, coa escolla de tal enseña para honrar o cadaleito de Rosalía de Castro durante o traslado dos seus restos no 1891. A partir de aí e grazas ao interese das diferentes comunidades galegas (e protogaleguistas) da emigración por poderen utilizar imaxes e símbolos propios de Galicia, a bandeira vai aos poucos pero con moita constancia, espallándose como auténtico símbolo da nación galega. Na derradeira década do século XIX Galicia vive unha eclosión do movemento “rexionalista” e en vinte anos vanse crear moitas das institucións que se consideran alicerces da identidade colectiva galeguista moderna. No 1906 fúndase a Academia Galega, cuxa autoridade (en combinación coa auctoritas do propio Murguía) será decisiva para a lexitimación da bandeira azul e branca.

Non existe en Galicia, polo menos de xeito académico, un interese científico polos símbolos alén de traballos coma os de Barro ou Barreiro e algún outro, caso de José Manuel Barbosa, que publicou no 2006 As bandeiras da Galiza, reeditado por Através. Mais si é notorio o valor da vexiloloxía (a ciencia que estuda as bandeiras) como ciencia auxiliar da historia, da psicoloxía social e da política. Esta ausencia non é propiamente nosa. O meirande especialista en simboloxía do mundo, o historiador francés Michel Pastoureau, tense laiado a miúdo de que tal ocorre na meirande parte dos países. Ninguén sabe, por exemplo, por que a bandeira republicana portuguesa é como é, con esa combinación de verde e vermello antiheráldica, por exemplo.

No caso galego sabemos quen ideou e incluso deseñou graficamente a bandeira mais segue a ser unha incógnita a escolla destas cores. Barreiro considera que o branco é unha cor que se tomaba como propia do estandarte histórico de Galicia desde sempre. O propio Murguía aludía á bandeira branca como bandeira histórica, en moitos casos decorada coa cruz de Santiago en vermello. Este símbolo heráldico en efecto foi considerado en moitas ocasións como estandarte que identificaba a Galicia, por exemplo cando así o escolleu o Batallón Literario ante a invasión francesa do 1809. E o azul?

O misterio do azul: Barreiro di textualmente: “A elección do azul parece lóxica se valoramos que esta cor é pictoricamente símbolo de afastamento,de horizonte e significa un maior espazo para a propia expansión. Sen esquecer que o azul é unha cor feminina presente sempre no manto da Virxe, na iconografía cristiá. Non descoñecían estas claves os rexionalistas nin os profesores de debuxo da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, promotores do traslado dos restos de Rosalía en 1891, tal como destacan todas as crónicas da época”. É dicir, a cor azul cinxe dúas ideas circunstancias moi interesantes do propio momento histórico no que se crea a bandeira: o azul como símbolo da emigración (a distancia, a expansión); o azul como símbolo de Rosalía, cuxo papel de matriarca, construído en parte polo propio Murguía, é recoñecido “dedicándolle” a propia bandeira á súa memoria “feminina”, en comuñón coa propia Virxe María.

O argumento do historiador ten lóxica. O azul é a cor da Virxe desde a Idade Media e así se recoñece sen discusión. É ademais, tal e como explica Pastoureau, unha cor moderna, vinculada coa revolución industrial, presente na bandeira revolucionaria francesa, inspiración logo da bandeira dos EUA (o fondo azul cuberto de estrelas de prata (brancas), da de Cuba e de moitos outros países.

Tamén é certo que a combinación entre eses azul e prata é unha das máis básicas da heráldica e forma parte de moitos brasóns. Baviera, por exemplo, que exportou a combinación de cores á moderna bandeira de Grecia xa que a dinastía reinante tras a independencia do Imperio Otomano era orixinaria do hoxe estado federado alemán. O propio brasón moderno do reino de Galicia, usado desde o século XV mais inventado (probablemente en Inglaterra) no século XIII, consta de tres cálices (é dos chamados “parlantes”: Galice<Calice) de ouro en campo de azur. Asemade, o que para a cultura galega pode ter máis relevancia é a coincidencia coas cores dos reis de Portugal. Tanto que foron as cores escollidas para a primeira bandeira institucional (do século XIX) do reino. De feito, o formato da bandeira monárquica portuguesa é idéntico ao da republicana; só mudan as cores. Paradoxalmente, no momento no que os portugueses abominaban das cores “tradicionais” e optan por tons que consideran “opostos”, os galegos acollen o azul e branco, en parte tamén como reacción ao vermello e amarelo da enseña española.

A bandeira monárquica portuguesa.

Barreiro tamén desmitifica a lenda urbana sobre que en realidade a bandeira galega nace dun erro dos emigrantes, que confundiran as cores da capitanía marítima da Coruña coa bandeira galega. Esta lenda ten un autor e un propósito, segundo Barreiro. César Vaamonde Lores, historiador que formou parte do primeiro equipo directivo da Academia, encabezou o chamado bando “tradicionalista”, que puxaba por consagrar como bandeira galega o estandarte branco coa cruz de Santiago. Vaamonde, definido como “antirexionalista” quería vincular Galicia cos valores patrióticos españois da figura de Santiago e para iso inventou a historia da bandeira coruñesa valéndose da súa autoridade como mariño mercante. En realidade, a aposta “santiaguesa” foi desbotada xustamente porque tal cruz representaba o ideario españolista da reconquista e do poder eclesiástico, algo do que o protogaleguismo se quixo distanciar. É curioso que co paso do tempo a cruz de Santiago foi gañando peso como símbolo de Galicia (forma parte do escudo do Celta e de multitude de institucións de dentro e fóra do país, moitas veces combinado coa bandeira azul e branca, caso das propias cores do club de fútbol) ao tempo que desapareceu da iconografía españolista que até deixou de celebrar a Santiago como patrón a favor da Virxe do Pilar, vinculada por calendario co 12 de outubro, antigo Día de la Raza e hoxe día da Festa Nacional, día fundacional do moderno Imperio Español ultramarino.

Outros mitos sobre o azul teñen a ver co río Miño, auténtica faixa azul que percorre o país. Esta liña paisaxística, en todo o caso, sería un engadido. Din os puristas que se o azul fose o Miño tería que discorrer de dereita a esquerda tal e como fai o percurso fluvial sobre o lenzo branco do mapa de Galicia. Mais en realidade a decisión da orientación e forma da cor azul parece máis estética ca simbólica. Barreiro recorda que nas primeiras representacións da bandeira o azul apareceu de varias formas até que a Academia fixou oficialmente a forma.

.


Source: BIOSBARDIA

2018-10-18T09:56:28+00:00 18 / 10 / 2018|BiosBardia|