O libro electrónico na sala de espera

Inicio/Blogs/BiosBardia/O libro electrónico na sala de espera

O libro electrónico na sala de espera

Un kindle nunha biblioteca.

César Lorenzo Gil.

Na última edición da Feira do Libro de Frankfurt (a máis importante do mundo desde o punto de vista profesional), a maior parte dos editores, grandes, pequenos e e pequenos con vontade de ser algo máis grandes, coincidiron en afirmar que cómpre reformular os tempos e as estratexias da denominada “Transición ao paradigma dixital da lectura”. Non é que intentaran, como ocorreu noutras ocasións, esconxurar o presente a través da cega vontade de manter o seu negocio senón que máis ben se conformaron con ler as estatísticas de compra de libros en Europa e tirar conclusións.

Esta mesma semana publicábase en España o Mapa das Librarías, que resume a data de final do 2016 o estado do negocio da venda de libros en papel. Aínda que o informe é moi completo e cheo de enfoques que se poderían analizar, hai dous elementos interesantes nesta conversa: por primeira vez desde a implantación da crise (2008) o balance estatal entre aperturas e peches é positivo. Parece que por fin se detivo a destrución de establecementos dedicados á venda de libros. Houbo, por así dicilo, unha reconversión silenciosa e involuntaria do sector que obrigou ás persoas que querían dedicarse profesionalmente á venda de libros a grandes cambios na maneira de traballar e de investir.

A segunda conclusión relevante é o tamaño das librarías, especialmente as máis novas. Redúcense as dimensións dos locais físicos e aumenta o número de establecementos que dispoñen de venda por internet. Incluso librarías cun único empregado ofrecen a posibilidade de enviar o seu fondo por correo a través dalgunha aplicación en liña. Aparentemente ambas estratexias comerciais poderían levarnos a pensar nunha perda de interese dos libreiros por captaren público presente en detrimento do máis voluminoso (e atractivo) público que compra desde a casa. Mais coido que ambos públicos son diferentes e as librarías simplemente intentan mantelos coidados. Outra cousa é que o consigan.

A implantación do libro electrónico nos hábitos de lectura de lecer non callou na UE. Tras máis dunha década de intentos, as vendas son escasas e a penetración psicolóxica no mercado, case nula. Houbo certa fascinación colectiva coas posibilidades do libro electrónico, especialmente no momento de maior entusiasmo e novidade da tecnoloxía portátil que permitía o transporte, almacenaxe e lectura “libres” do peso do papel. Como xa afirmaba o agora presidente da Academia Galega, o editor Vítor Freixanes, “a demanda de libros electrónicos non é unha demanda de contidos senón unha demanda dos fabricantes dos continentes. Non estamos dentro dunha discusión da industria cultural senón dentro da industria dos aparellos”. Unha vez que se estabilizaron as vendas das tabletas, esa fascinación parou.

O libro electrónico por suposto ten éxito naqueles sectores onde o formato dixital si é competitivo: enciclopedias, libros técnicos de constante actualización, textos académicos de diversa xerarquía… Mais o libro en papel resiste como artefacto perfecto na lectura pracenteira e especialmente no deseño do libro obxecto. No campo dos best-sellers, as estatísticas denotan que si se consolida unha lectura dixital dos títulos “de moda” cada tempada pero a súa incidencia no comercio é mínima. O “mercado negro” do éxito libresco simplemente obriga as grandes casas editoriais a modificaren a súa estratexia comercial deses títulos en papel: diversificar a oferta e as apostas propias, vincular os autores cos lectores a través de presentacións, sinaturas de exemplares, roteiros literarios… A situación recorda un tanto á época dourada da pirataría nos videoxogos. O usuario dun libro dixital pirateado é un potencial comprador no futuro dun libro en papel. O lector, incluso o non habitual, segue considerando xerarquicamente superior o formato tradicional que o dixital: ler na tableta é un “apaño”, non un ideal.

Entrementres, o sector do libro e das librarías tivo tempo de reinventarse. Non para colocar máquinas de descarga de libros senón máis ben para todo o contrario. Os establecementos máis modernos buscan a interacción, o contacto entre o lector e o resto da cadea do libro. Hai librarías en Galicia, caso de Cronopios ou Moito Conto, entre outras, que xa non só organizan encontros con escritores ou favorecen clubs de lectura senón que convocan, con grande éxito de audiencia, charlas de editores, daqueles editores que máis labor de edición fan. Os editores de catálogo.

Estes editores de catálogo que xurdiron en España nos últimos anos (Impedimenta, Libros del Asteroide, Periférica, Nórdica, Hoja de Lata, Blackie Books…) decatáronse das posibilidades da tecnoloxía dixital non para superar o libro senón para facelo máis interesante. A consolidación da impresión dixital reduciu custos e favoreceu tiraxes máis curtas cun alto nivel de calidade (especialmente en traballos sen cor). O libro hoxe está mellor editado ca nunca. Edicións rústicas coma as de Acantilado compiten coa esixencia do formato en tapa dura e só hai que ver como utiliza a versatilidade do deseño e dos materiais de impresión Barbara Fiore ou Kalandraka para entender que hai camiño por diante para as imprentas.

Ao tempo, a xeneralización da impresión en Asia para produtos ilustrados favorece a ilusión entre os compradores de que hoxe en día o libro bonito, o libro obxecto é moi barato. Selos grandes e medios (tamén algúns cativos) producen as obras máis requintadas (as que maior man de obra precisan) na India, na China e nos países de Indochina. Este proceso apoia a implantación de oligopolios, caso de Amazon, que atraen clientes con ofertas de libros moi bonitos a prezos reducidos. Mais o libro obxecto triunfa especialmente na libraría, onde se pode tocar. E onde sempre van vender libros. Porque Amazon xa hai tempo que decidiu converterse no gran supermercado global. Un supermercado que, ademais, tamén fai libros.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-29T08:13:20+00:00 29 / 11 / 2017|BiosBardia|