O frío ar da noite

O frío ar da noite

Remexeuse entre as sabas, loitando por se librar do peso da colcha, e foi quen de emerxer daquel mar de algodón. O seu nariz asomou por entre a marusía da suor e aspirou fondo, gozando do ar frío do dormitorio. Xusto aí, nese intre de consciencia, decatouse de que controlaba a súa respiración, de que era el quen facía entrar e saír o oxíxeno dos pulmóns. Xusto aí, mentres enchía o peito co agasallo invisíbel da vida, pensou en que acontecería se deixaba de facelo ao se quedar durmido. Cada inhalación, cada exhalación, converteuse nunha tortura. Cada gramo de ar pasou a pesar un quintal e el, tremendo de medo entre as sabas, repetíase mentalmente que non se podía esquecer de respirar. As horas pasaron nunha eternidade insoportábel e, cando notou que o sono o vencía, encheu o peito atenazado de angustia, pregando que aquela non fose a derradeira vez.

2017-11-13T17:12:33+00:00 13 / 11 / 2017|6º Concurso de Micro-Relato - Adulta|

Deixe o seu comentario