O de menos é o texto

Inicio/Blogs/BiosBardia/O de menos é o texto

O de menos é o texto

Karl Ove Knausgaard en catro fotografías.

César Lorenzo Gil.

Hai máis ou menos 20 anos, durante unha clase na carreira de Xornalismo dunha materia da que non recordo exactamente o nome pero que viña vindo de industrias culturais, o profesor Vítor Freixanes pronunciou unha das poucas frases que quedaron para sempre na miña cabeza dos milleiros delas que escoitei nos catro anos de facultade. “Imaxinade”, dixo con esa voz de almirante que aínda conserva, “o orixinal dunha novela. Unha novela calquera, dá o mesmo para o caso. Como pensades que se vai vender mellor, se o autor é un escuro oficinista de mediana idade, separado e con fillos, ou se a autora é unha adolescente cun pasado de ionqui e abandono familiar?” Daquela eu pensara que esaxeraba, que se a novela ía dun escuro oficinista que planeaba picar para chourizas a súa ex muller ía ser máis acaído o primeiro perfil autoral.

Hoxe non penso igual porque en realidade para a industria editorial, o texto, en moitos casos, é adaptable ás expectativas do comprador. Esta máxima non se pode aplicar a todos os libros “comerciais” pero si en moitos casos se nos vende desde a lapela ou a contracapa do libro unha obra que non é tal. Igual que no tráiler dunha película se fai trampa, coas sinopses escritas polas propias editoriais tamén se pode facer. A personalidade do autor, especialmente se é moi marcada, participa nese labor de mercadotecnia. Moito mellor contado que por min fíxoo o novelista francés David Foenkinos na brillante A biblioteca dos libros rexeitados (publicado en castelán por Alfaguara), unha tenra sátira sobre os valores que “venden” un libro, ben alleos ao propio texto.

Hai lectores fascinados polas vidas dos escritores. Polos suicidas, polos tuberculosos, polos que viviron amores cruzados ou se metían en pelexas completamente bébedos. O escritor que non bebe non vive e se non vive non sabe escribir. Non en van, o Bartleby, símbolo do escritor en silencio, é un home que permanece inmóbil. E, non obstante, hai moitos grandes textos escritos por persoas ordenadas que escribían todos os días de 9 a 11, como José Saramago, que se gababa de nunca compor máis de dúas páxinas por cada 24 horas.

Non é casualidade que triunfe determinado tipo de autoficción. Alén dos posibles valores literarios da obra de Karl Ove Knausgaard, tería tanto aquel se o autor non saíse nas fotos do libro con ese pelazo, eses ollos de xeo e un inequívoco aire de bohemia, dor e estupefacientes na pel? A ximnasia sobre a personalidade é fundamental. Suso de Toro, durante unha época “profesionalizada” da súa carreira literaria, aparecía sempre nas fotos con lentes de sol. O autor debe converterse nunha icona dentro da súa propia obra. A non ser que saia na televisión. Nese caso a cousa complícase. Realmente vende libros Belén Esteban porque a xente quere ler o que a medias ditou a media inventaron para ela? Non será máis ben que comprarlle o libro durante unha presentación é a maneira máis sinxela de achegarse a ela, tocala, pedirlle un autógrafo e unha foto? O libro como pasaporte. Antes o continente ca o texto.

Amais do autor, para vender un libro interesa o contexto. “A primeira novela sobre o procés“, veremos proximamente na faixa dalgunha obra. “A historia de (aquí pon o que queiras) como nunca antes se contara”. Lemas repetidos pero que sempre funcionan porque colaboran nun empeño colectivo. Os temas candentes forman parte dun plancton do que todos nos alimentamos até convertérmonos en adictos. Recordemos como até o xuíz Vázquez Taín aproveitou o Caso Asunta para publicar un libro (Al infierno se llega deprisa, Planeta) en cuxa trama se investigaba a desaparición dunha adolescente. Antes o contexto ca o texto.

O intelectual arxentino Patricio Pron é un dos máis destacados estudosos sobre os cambios que a sociedade da información está a operar sobre a literatura. Unha das súas teses principais é que, a pesar de camiñarmos cara a unha sociedade máis plural, en rede, que rachou certas xerarquías de poder e liderado, na ficción segue a valer máis a identidade do quen que a do que. Hai un ano, un habitual dos xurados literarios de Galicia cruzouse cun escritor. O literato, humildemente, laiouse de que o tal xuíz literario de garda nunca premiara ningunha das moitas obras que mandara aos certames nos que el estaba presente. “Ai, ho. Cando sexa así, avisa de que o libro é teu para saber que é bo”. A retranca da anécdota agocha unha realidade: o criterio de valoración literaria por parte de certa crítica e doutros axentes da cadea do libro está hoxe máis ca nunca fóra do texto: quen edita, quen recomenda, a quen recorda (“A Murakami feminina”, rezaba unha faixa de Funambulista que espertou lexítima indignación). As razóns disto hai que buscalas en varias circunstancias. Por unha banda, a compra de libros segue a ser impulsiva. Na libraría é máis doado convencer con argumentos fascinantes como a dolorosa historia de James Rhodes ou a beleza eterna de Clarice Lispector. A ver quen vende un libro de Lispector resumindo os argumentos dos seus libros en 30 segundos!

Pola outra, nun tempo no que non se reflexiona e todo vai moi ás présas, circuíto do libro incluído, non cabe un discurso complexo e meditado sobre o valor dun texto. Na era do facebook triunfa a metonimia literaria pero non dentro da propia obra senón como parte máxica que consiga que se venda o todo. E malia isto, se a literatura ten futuro como arte que nos desarma e ao mesmo tempo alimenta as nosas ganas de vivir vai ser grazas aos textos. Ningunha cara bonita nin ningunha sinopse milagrosa vai lograr que quedemos de pés e mans presos nun libro.

 


Source: BIOSBARDIA

2018-04-17T00:43:07+00:00 17 / 04 / 2018|BiosBardia|