‘O Barba Azul’ vs ‘O Presidente e mais Su Madre’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘O Barba Azul’ vs ‘O Presidente e mais Su Madre’

‘O Barba Azul’ vs ‘O Presidente e mais Su Madre’

Repolos. OYE MOÇAMBIQUE/FLICKR.

No grupo B nesta terceira xornada asistimos ao duelo entre Raúl Raz Santos e David Botana sobre o tema: “Manual da pirataría de repolos”.

O Barba Azul

Once da mañá.

Tres homes entran nunha taberna. Un duns sesenta anos, mans grandes; xesto grave. Outro terá uns trinta, pelo longo; mirar preocupado. O terceiro é un mozo de vinte e pico, aneis nas orellas e no nariz; ri sen motivo aparente. Os tres visten buzos e botas de traballo. “Repolos Marcial” anuncian as chaquetas.

—E digho eu —solta o máis novo—. Haberá algo de beber para tres desempleados?

—E haberá —resposta o taberneiro—. Que vai ser logo?

—Que digha o capataz, que é o que vai paghar. Para cantos cacharros dan trinta anos de indemnización, jefe? —O home máis vello non responde, queda mirando para algún punto entre as botellas cos dentes apertados. O rapaz deixa de rir.

—Trae unha botella de ron e uns vasos.

 

Sete da tarde

—…merda de ghaliña?…

—Hehehe… este non cala nin debaixo da augha, eh patrón? Aghora que xa estaba afeito ao seu runrun… Caghonacona! —O melenas fala co seu antigo capataz. Este asente taciturno mentres bebe. O outro semella estar a discutir con un vello a mellor maneira de abonar o repolo.

—Trinta anos? Toda unha vida.

—…

—… iso secachos… sabesh? As merdash… non son todas ighualesh… iso enssinoumo aquel…

—Comezou canda o vello Marcial, non?

—…

—… a clave é ooo… PH! Coma o dos champúsh… Alí criamosh un…

—Hostia, xa levaba eu… cantos… quince? A ver que fagho aghora.

Dazasete.

—…tiña que velo, chamabámosslle o Barba Azul… vaia repolazo!

—Que?

—Levabas dazasete. E a mona aquela de alí, tres xa. Non ides ter duda. Sodes novos e traballades ben. Non ha faltar quen vos dea choio.

—…sempre colliamosh o mellor… para a laconada de empresa… pero este ano, merda!

—Eu só quero traballar con usté, patrón.

—…

 

Unha da madrugada

—Oíron… Eu quería ir pechando e tal. Que temos vacas e mañá…

—Todo Diosh con dous putos choiosh… inda has vender repolosh tamén…

—Cala, mona! Veña pa casa. Cobre aquí.

—Buf… a ver quen ghía aghora… Hostia! As chavesh do Jondiere!

—Tes as chaves do oito mil?

—Si oh… merda! Quedáronme no peto…

—…

—Mira que es burra aceiteira. Está usté ben, patrón? —O patrón mira cara ás chaves absorto. Logo ergue a vista, nela hai lume.

—E se imos polo Barba Azul?

 

Unha e media da madrugada

Un xigantesco tractor para ao borde dun aramado. Dentro del, tres homes en distinto estado de embriaguez intercambian impresións.

—Eshtá pechado, capi.

—Para unha máquina de trescentos cabalos non hai nada pechado. Louro, baixa e colle os trinquetes mais o adival! Ti, mona, cando eu…

—Patrón… esto… non será moito?

—Louriño. A puta mellor cosecha da miña vida. Deilles todo e nin ma deixaron recoller. Pero eu lévoa hoxe toda, como hai Dios. Veña! Amarra os trinquetes!

 

Cinco da madrugada

Tres homes miran absortos para un remolque cheo de repolo.

—E aghora que facemos con todo isto? —di o Louro.

—Para unha laconada, será moito, ou? —responde o Alex.

—… —Asente o patrón cunha risa na boca.


O Presidente e mais Su Madre

Éche ben curioso o xeito no que funciona a memoria.

Por exemplo, todo o mundo se acorda do Equipo A, pero ninguén recorda como foi que os vampiros chegaron a ser a forza maioritaria no parlamento.

O máis seguro é que se presentasen ás eleccións cun discurso centrado nas vantaxes do fascismo sensato, ou calquera cousa parecida, e que conseguisen a maioría absoluta sen que ninguén os votase.

Coma sempre.

O das cruces débenche ser contos porque non lles fixeron nin caso. O que si fixeron foi prohibir as estacas de madeira. Ser propietario dunha convértete en culpábel inequívoco dun delito de rexicidio en grao de tentativa; aos vampiros váiselles moito a pota, rexicidio disque. E terrorismo, sen xuízo nin nada.

As rosas tamén están prohibidas. É sabido que unha destas flores, pousada enriba do cadaleito no que dormen, fai que o vampiro non poida saír. E os allos, pois parece ser que o cheiro lles resulta mortal.

Nun alarde de populismo sen nada que ver con Bram Stoker, cambiaron os Audis por carretas de cabalos. Pero atendede aquí, que tamén prohibiron os repolos.

Para isto non se atopou explicación ningunha, non sendo que un repolazo puidese acabar con eles.

Para poder entrar nunha casa, os vampiros teñen que ser invitados. Se non lles deixas entrar estás zafo. Pero claro, a ver como lle dis ti ao presidente que non pode pasar cando se che presenta na porta, sexa a hora que sexa. E, deste xeito, el e os seus conselleiros poñen as botas a conta do noso sangue.

O que pasou nas seguintes eleccións foi que ninguén votou polos vampiros. E veña, maioría absoluta outra vez.

Coma sempre.

Había que facer algo e, a memoria, que como xa se dixo funciona de xeito ben curioso, encargouse de traernos o recordo dun capítulo d’O Equipo A no que fabricaban un canón que disparaba… repolos!

Seguindo as instrucións de M. A. Barracus, uns cantos puxémonos a fabricar canóns e os outros empezaron a plantar, e traficar, con repolos. Incluso se escribiu un manual, para que todo o mundo soubese como facelo.

O contrabando de repolos é unha actividade moi perseguida pola policía vampira; que para facer unha autonómica seica non había cartos, pero para esta carallo se houbo; así que se nos está complicando o tema de xuntar munición suficiente coma para declararlles a guerra.

En realidade nin sequera sabemos se o dos repolos vai funcionar. Mira que se os prohibiron porque non lles gusta o cocido… en fin. O que está claro é que, algún día, chegaremos a ter bastantes repolos coma para botalos das institucións.

Eu, por se acaso, sempre teño o canón cargado e apuntando á porta, non vaia ser que algunha noite apareza por aquí o presidente ou algún dos seus amigos. O día que veña algún deles, vai levar un repolazo no peito que se vai cagar na puta madre que o pariu.

E a puta madre que o pariu vai levar outro, por trosma.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-08T01:55:46+00:00 08 / 11 / 2017|BiosBardia|