Novas noticias sobre Mengele, o médico de Auschwitz

Inicio/Actualidade Literaria/Novas noticias sobre Mengele, o médico de Auschwitz

Novas noticias sobre Mengele, o médico de Auschwitz

O francés Olivier Guez gañou o Premio Renaudot pola súa novela La desaparición de Josef Mengele, publicado en castelán por Tusquets. Estamos diante dunha das novelas máis interesantes do ano para os amantes do xénero da novela histórica, da narrativa ao redor do nazismo e das biografías.

Porque esta novela é todo isto e máis. O autor fai un traballo de investigación sobre que foi de Josef Mengele, xefe dos médicos do campo de concentración nazi de Auschwitz, logo da II Guerra Mundial. A pesar das súas graves responsabilidades no xenocidio e de ser culpable de asasinatos, mutilacións e abusos “no nome da ciencia”, Mengele (pertencente a unha familia industrial con moitos recursos e influencias) conseguiu trasladarse a Sudamérica e vivir unha segunda vida.

Guez consegue ordenar toda a documentación para construír un libro ameno e nutritivo. Amais do valor biográfico do texto, que nos serve para coñecer a personalidade dun dos maiores asasinos da historia, o libro fai unha reflexión xeral sobre a capacidade de resistencia do nazismo fóra de Alemaña e sen Hitler, os rudimentos ideolóxicos fanáticos que mantiveron en pé a fascinación pola solución final. Mais tamén afonda en algo no que apenas se repara ou sobre o que directamente se mente: o nazismo non foi extirpado da Alemaña posterior ao 1945. Moitos cargos do réxime de Hitler tiveron responsabilidades na República Federal e máis dos que pensamos morreron na cama, libres e impunes a pesar dos seus crimes de guerra.

Este libro tamén serve para desmitificar figuras como a do ditador arxentino Juan Domingo Perón e a súa esposa Eva Duarte de Perón. Nun brillante capítulo, o escritor francés resume moi ben como funcionou aquel réxime que tivo a ousadía psicolóxica de crerse unha terceira vía entre as dúas grandes superpotencias, os EUA e a URSS.

2018-09-27T08:02:22+00:00 27 / 09 / 2018|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario