Narcoliteratura de calidade

Inicio/Actualidade Literaria/Narcoliteratura de calidade

Narcoliteratura de calidade

Esta novela do autor estadounidense Don Winslow xa superou os 70.000 exemplares vendidos en España, polo que xa é un dos libros máis exitosos dos últimos tempos. Winslow recupera en El cártel a atmosfera do narcotráfico que xa recreara en El poder del perro. Coa súa prosa precisa e moderna completa un percorrido moi ben documentado e realista sobre o tráfico de drogas na fronteira entre México e os Estados Unidos. A través de dous antagonistas que foron amigos no pasado, Art Keller, axente antidroga ianqui, e Adán Barrera, todopoderoso xefe mafioso, o escritor e xornalista converte en ficción moitas das cousas que se viviron nos últimos anos en Norteamérica. A brutalidade do negocio da droga, a incapacidade das leis e da actuación policial para remediar a violencia que provocan os cárteles, o grave risco de que o Estado mexicano deixe de ser operativo na maior parte do seu territorio e o debate sobre os límites (se é que aínda os pode haber) ás mafias da droga, son ingredientes que integran unha novela que lles encantará aos amantes da novela de acción, das tramas policiais e aos lectores preocupados polos grandes temas da actualidade. Como anécdota, na novela aparece o fillo do presidente do Celta, que morreu sendo ministro en México.

Ideal para: curiosos sobre o negocio do narcotráfico, amantes das novelas longas que renden semanas de boa lectura a bo prezo.

Autores relacionados: Carlos Fuentes, Dennis Lehane, Roberto Saviano.

2017-05-18T15:30:45+00:00 18 / 05 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario