‘Nalgún recuncho do planeta Arret’ vs ‘Noite de espectáculo’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Nalgún recuncho do planeta Arret’ vs ‘Noite de espectáculo’

‘Nalgún recuncho do planeta Arret’ vs ‘Noite de espectáculo’

Un home nunha oficina. PEXELS.

No grupo B publicamos unicamente o relato de Lómeron ao redor do tema ‘Maternidade/Paternidade’. Susi Ons non se presentou a esta derradeira xornada.

ACTUALIZACIÓN DO 8 DE NOVEMBRO: Logo de comprobarmos que Susi Ons non puido presentar o seu relato a tempo por mor dun fallo técnico, a organización, en acordo con Lómeron, decide abrir o duelo novamente aos dous contendentes en condicións normais. A única salvidade é que os compañeiros e compañeiras coñecen xa o nome de cada autor. Esperamos que esta circunstancia non modifique as súas valoracións. Pedimos desculpas polo incomodo a todos os duelistas.

 

Nalgún recuncho do planeta Arret

ca unha moda de adiñeirados aburridos de xogar ás cartas no salón. Non coñezo nin un só home dos que se ocupan da súa casa como é debido que sexa machista. En que cabeza cabe que un varón poida levar a responsabilidade de xulgar nun tribunal, de pilotar un avión ou de practicar unha operación cirúrxica? Poñeríanse vostedes nesas mans simples manexadas por unha cachola que apenas controla os seus instintos máis primarios? Está demostrado que o sexo mentalmente feble é intelectualmente inferior á muller, aí está como proba que dende que se teñen rexistros o rendemento escolar dos nenos é peor có das nenas. O sitio do home é o fogar: coidar das fillas, cociñar, ter o xardín curioso e facer a compra cos cartos medidos pola súa dona. Que se deixen de lerias de seren avogados, doutores e enxeñeiros! Como moito que mentres estean solteiros fagan de peóns, camareiros e enfermeiros, traballos moito máis axeitados ás súas capacidades. E que dicir dos que saen polas noites? Logo se molestan se os chaman prostitutos ou se lles ocorre algunha contrariedade. Que fai un home por aí bebendo copas ás doce da noite? É un feito comprobado que os varóns aturan moi mal o alcohol, que se volven violentos e promiscuos. E o perigo que son ao volante? Vaian preguntar a calquera aseguradora cantos accidentes sofren os varóns. O problema xa non é que se maten eles, senón a cantas que circulan con total corrección levan por diante. Ás veces pregúntome se as mulleres de ben non estamos cedendo máis da conta, onde nos leva tanta permisividade e tanta concesión. Nin sequera teño claro que o sufraxio universal fose un avance, xa hai algún iluminado que incluso fala de se presentar de candidato. Imaxinan un alcalde ou presidente varón xestionando uns orzamentos públicos de millóns e millóns como se fixese a lista da compra? Sería unha cousa ridícula. Levamos anos nos que a delincuencia, os delitos sexuais, as mortes nas estradas non deixan de crecer. Todos estes feitos son síntomas dunha enfermidade que está a castigar a nosa sociedade. Temos que volver ao modelo tradicional, que é sinónimo de orde e civilización. A muller dálle o sustento ás nenas nos primeiros meses de vida, non é o máis sensato que sexa ela a que continúe mantendo a familia ata que as fillas se independicen e os fillos casen? As raparigas precisan dunha referencia moral, dunha figura que non pode ser outra que a nai coa autoridade de quen lles deu a vida, que lles berre cando fan mal ou lles solte un sopapo cando se pasan. Manteñamos os nosos homes onde deben estar, facendo o que mellor saben, e deixémonos de lerias.

Lómeron.


Noite de espectáculo

Sentía as gargalladas ebrias da xente e contemplaba, impasible, as súas faces desencaixadas. O instinto de crueldade era quen facía xirar a diversión da clientela que visitaba semanalmente o local. Era un lugar pequeno e húmido, pero que recendía a arte, máis ca calquera gran teatro da cidade.

Aquel era o seu número estrela. Coma todo éxito que levaba colleitado, nacera e medrara arrolado no caloriño alcohólico dun bar. Unha chispa creativa alumeada tras varios chupitos de licor café e as propostas surrealistas das súas compañeiras de faena.

Era un número complexo, tanto a nivel técnico coma interpretativo. Xogaba con sentimentos que había tempo non era quen de controlar, un desexo imposible que comezara a medrar paseniño, pero que xa invadira gran parte do seu corazón. Arriscara na elección dos pasos. Era unha coreografía intrincada que comezaba a un volume imposible. Buscaba que os corazóns dos seus espectadores estourasen a nivel físico, real, atrapados primeiro polo ritmo, para ir amainando ata ficar derrubados pola forza do sentimento. Quería que eles sentisen a mesma pena.

Os seus tacóns pisaban o chan con fereza, coma sempre, pero desta vez o problema viña pola falta de equilibrio. A barriga era demasiado grande, tiráballe do lombo e desestabilizaba cada movemento. Era como bailar nun abismo. Aquel día a adrenalina xogoulle unha mala pasada. Deixouse levar polo éxito, inflado noite tras noite, erguendo a xente dos seus asentos. Calculou mal e caeu.

Sentiu torcer o nocello, viu como todo xiraba ao seu arredor e ó chan achegarse a gran velocidade. Nun acto reflexo, activou os seus brazos, as mans abríronse para amparar o golpe e protexer a barriga. A xente estourou, ninguén facía por axudar, todo era un rebumbio de gargalladas disonantes. E alí ficou, no chan, chorando e acariñando a barriga.

Era unha protuberancia de mentira, un coxín reconvertido na forma perfecta, especificamente para o espectáculo. O nocello inflábase, namentres as bágoas varrían a maquillaxe da cara. Aparecían de novo as irregularidades da barba, pequenos puntiños negros asomando pola súa pel. A caída descolocara tamén o recheo que noutrora foran grandes peitos, e o vestido apertáballe, deixando entrever os segredos dunha anatomía masculina.

O gran show do momento, a travesti preñada movéndose ao ritmo de Katy Perry. Así foi, rematou o espectáculo aquela noite, e no recordo non houbo máis ca un home aferrándose a un desexo estéril mentres acariñaba unha barriga baleira.

Susi Ons.


Source: BIOSBARDIA

2017-11-08T01:55:07+00:00 08 / 11 / 2017|BiosBardia|